É desquiciante a esquizofrenia que as cuestións de moral sexual poden chegar a producir, ata obnubilar todas as demais.
En primeiro lugar, vaia por diante a consideración e apoio ás vítimas do excesivo afán de dominio e control por parte de supostos machos alfa, beta ou o que fosen, colonizadores das vidas de tantas persoas supostamente dependente deles por algunha razón. Deles, os máis traidores da dignidade sempre foron os que exercen violencia en nome da verdade e do ben; nunca cesan de impoñerse con feitos contra o que pregoan verbalmente.
Son moitos os capítulos de ética que contraveñen -en nome dunha épica supostamente superior- xerando unha infinidade de vítimas, talvez algunhas menos que no pasado, pero sempre contradicindo o que fan co que din. Ocasionalmente, o presente parece máis axustado ao que demandan quen reivindica os Dereitos Humanos nas distintas parcelas en que se pode segmentar a calidade e o propio valor da vida humana, pero é máis habitual que a realidade sorprenda gravemente. En algunhas, como por exemplo, os dereitos das mulleres, conseguiuse maior estima social a máis da metade do xénero humano, pero despois de moitos anos de pelexa por superar os teitos de cristal en que tiñan que moverse. Non en todos, e ademais, sen contar que nesta España supostamente civilizada, xa imos no que vai de ano con 39 mulleres mortas polo delito de selo. É dicir , que ten habido idéntica cantidade de individuos machistas que, polas súas razóns particulares, estimaron que a súa patriarcal virilidade debía cobrarse esas vítimas. Desde 2003, en que hai constancia desta macabra estatística, a suma ascende xa a 1283, sen que consten nesta cifra algúns casos dubidosos nin a cantidade de denuncias que chegan a diario ao teléfono 016. Só desde Madrid, en 2022 a media diaria de consultas foi de 48. E en 2024, a media española, ata o mes de xuño, foi de 323.
O balbordo espertado polas revelacións da contorna de Errejón , de polo menos hai un ano, fixeron que a hipocrisía se pasee polas Redes sociais coma unha bala. Ao parecer, todo o mundo sabía, pero ninguén dicía nada e, de súpeto o mazazo: todos están disposto a racharse as vestiduras, o silencio e a compostura. Políticos, opinadores, influencers de gabinete, e moi pronto algunha imputación xudicial, farán crecer o infantilismo cívico ao redor dun clásico tipo de problema ao que ninguén prestou atención suficiente para que cambiasen unhas actitudes que, mirar como se miren, son reprobables. Se os guionistas de series televisivas tivesen ganas de revisar sentenzas xudiciais relativamente recentes ou de traer a colación algunha que ten pendente Donald Trump, atoparían un filón amplo de asuntos para series televisivas. E se as contrastasen coas que xeraba a Inquisición antes de que fose extinguida formalmente en 1834, terían nas súas mans un venero de lixo en que a blasfemia, a sodomía e a bigamia levaban a palma. Engadíndolle o morbo de cuestións de conversos e heterodoxos, poderían dar a coñecer as maneiras de que a infamia perseguise por longos anos aos procesados e as súas familias. Durante canto tempo estiveron vivos os estatutos de limpeza de sangue, que separaron a tanto inocente de empregos dignos e de posibilidade de estudar, entrar nas igrexas ou traballar nos gremios de oficios? Os decretos de depuración da posguerra española, que Sánchez Tejerina e Acedo Colunga organizaron, a máis diso os que desde Educación afectaron a docentes de todos os niveis educativos, non foron os seus herdeiros? Non é bo proxecto cívico illar o presente do seu pasado.
Ademais do dano causado ás vítimas con historias como a que saltaron aos
medios estes días, quen siga a evolución das inclinacións democráticas dos
cidadáns xa viron como está a afectar a quen, nas súas conviccións de esquerda,
vense salpicados por este suposto delito contra o lexislado na non menos
zurrada “lei do si é si” (Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía
integral da liberdade sexual). Na contorna próxima ao causante, rendeu o nerviosismo pola fealdade
dun asunto que, por outra banda, aos ambientes conservadores e ultras está a
valer de gran muleta para que , asociada ás querelas en que litiga con Moncloa,
tender un tupido veo sobre outros asuntos de non menor fealdade moral. A moitos
ambientes confesionais tamén lles alivia en cuestións como as de malos tratos a
educandos en espazos da súa responsabilidade. Os máis remisos a non ver delito
civil no que, en xeral, quixeron ver só como “pecado” ou “falta”, ven o ceo
aberto co fondo estatal de indemnización ás vítimas de abusos sexuais que o Estado aprobou en abril deste ano, que vén ser algo parecido á “subsidiariedade” que
o Estado desempeñou en Educación desde 1938: unha nacionalización de perdas a
pagar con diñeiro público.
Este feo asunto fai actual
aquel “ non” de Celso Emilio Ferreiro en 1962: Se dixese que si/ que todo está moi ben,/que ou mundo está moi bon,/que
cada quén é quén.../ Entón sería o intre/ de falar seriamente.../Pero non[1].
A súa rebeldía vale para afrontar as incoherecias que mostra a
convivencia social. Desigual para moitos e moitas, segue necesitada do “non” de
Nina, o personaxe galdosiano de Misericordia
en 1897: “Non sei se me explico…, digo que non hai xustiza, e para que a haiga, soñaremos todo o que nos dea a
gana e soñando, un supoñer, traeremos acá a xustiza”.
TEMAS: Igualdade e Xustiza.- Abusos sexuais:- Machismo e micromachismos.-
Inquisición e censura.- Educación para a Convivencia.
MMC (29.10.2024)
[1] Ferreiro, C. E.
(1962). Longa noite de pedra . Vigo: Galaxia, páx. 148. (Tradución: “Se
dixese que si,/que todo está moi ben,/que o mundo é moi bo,/que cada cual é
como debe ser […]./ Entón sería o momento/ de falar seriamente.../ Pero non/”).