Nin o destino como explicación, nin a resignación como solución, arranxan nada. Pero esta sentenza segue sendo escusa para demasiados asuntos.
En demasiadas conversacións, sobre todo cando son un pouco longas e algún dos tertulianos non deixa de soltar o seu enfado pola acumulación de cuestións que lle preocupan e non atopar a solución que entende axeitada, é habitual que alguén se saia do sumario, máis ou menos inquedante, alegando que “temos o que merecemos”. Se no intercambio de opinións, a voz de alguén subiu de ton, ou chegouse a un momento de intensidade acalorada, pode funcionar a modo de mangueira de bombeiros para apagar o ardor do debate. Pero, a miúdo, ademais de indicar descoñecemento dos asuntos, renuncia a esixir que teñan remedio: seguirán igual ou peor.
Sucede, de modo crecentemente preocupante, con canto ocorre no Oriente Medio, de tal calibre que case apagou a inquedanzaa das noticias que procedían de Ucraína. O proxecto israelí segue adiante, sen ninguén que lle poña freo á expansión do seu brazo armado a territorios que xa non son Palestina, pero que alcanzan directamente a Irán, o seu maior competidor nesa zona estratéxica da xeografía política mundial. Á parte dos mortos e destrucións que deixan ao seu paso, por máis que os noticiarios cheguen censurados aos televidentes, non deixou de sorprender que o propio Netanyahu acudise á sede da ONU en Nova York a increpar a cantos non entenden esta especie de repetición do que foron os masacres hitlerianos nos anos corenta en nome da “solución final”. Non se entende, non vale dicir que temos o que merecemos –e menos se o din os palestinos- e seguirá pasando se non se urxe un cesamento do fogo, un diálogo internacional e un restablecemento de formas de convivencia da pluralidade.
Sucede coas migracións actuais que tanto dan que falar no sur de
España e, sobre todo, nos territorios máis próximos aos problemas africanos, a
zona canaria e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, e, indirectamente, en
toda España, pois debería ser o momento dunha solidariedade capaz de superar a
rixidez dos intereses políticos atopados e, mentres non se chega a un acordo
máis claro co resto da CEE, que haxa unha repartición proporcional de cuantos
poñen en risco as súas vidas para atopar unha máis saudable e que mereza a
pena. Máis de 30.000 mortos inútiles nesa perigosa travesía, deberían ser quen
de conmover aos responsables de xestionar este difícil asunto de maneira máis
razoable e equitativa. Tampouco vale alegar que temos o que merecemos. Os
mecanismos democráticos, e a tan invocada Declaración dos Dereitos Humanos,
deberían parar esta sangría e, de paso, resultar convincentes para que o
egoísmo duns e outros sexa capaz de ver esta cuestión desde un punto de vista
máis razoable e ata económico. Ten vantaxes atopar unha solución mellor que a
que hoxe asombrar polas malas costuras que ten.
Onde se produce con máis frecuencia o emprego do apotegma “Temos o que merecemos” é cando os falantes comentan de corrido secuencias de actuacións políticas e nomean , de paso , aos seus protagonistas. Este reconto , cando trata de abarcar unha gran amplitude de hipotéticas situacións desatinadas ou inxustas, adoita virar, ao mencionar aos supostos prevaricadores ou chanchulleiros, por renomeado cargo que teñan, en situación de xuízo sumarísimo que o interlocutor non ousa discutir se o que está perorando pasa por amigo co que non quere desgustarse nin discutir. É obvio que é o momento adecuado para empregar a manida sentenza; temos o que merecemos”. De chocalleiro, aí termina o litixio; desafogado o mal humor, e non sabendo como corrixir tamaña serie de desmáns, o retrouso cumpre a súa función. Acábase a conversación e pásase a outra cousa. Outra cousa é cando algún dos falantes está máis pillado nalgún asunto concreto e desconfía profundamente do que ocorre. Poñamos por caso que alguén de fóra de Madrid viaxase desde 500 ou 700 Kms a esa cidade para facer as oposicións a xornalista de persoal de TVE onte e, ao chegar, atópase onda varios miles de persoas que desde distintos puntos xeográficos cun anuncio que di que non se vai a realizar o exercicio de oposición aos 200 postos convocados porque detectaron que se filtraron a algúns dos presentes as preguntas do exame. Claro, é moita xente afectada e, cando está a reclamar polo menos unha explicación, sería estúpido exclamar: “Temos o que merecemos”. Como o sería igualmente se, por casualidade ou azar, o pai, a nai ou algún parente próximo, en plena ancianidade, sufriu a desatención que moitas familias están a denunciar en tribunais de Madrid e doutras localidades, como por exemplo Alcoy, porque ninguén lles quere dar unha explicación razoable do acontecido aos seus familiares; a Covid-19 levounos coa colaboración, nalgúns casos, de quen lles deixou morrer sen facer nada e non vale dicir como escusa explicativa, nin como radiografía situacional, “temos o que merecemos”. Non só é estupidez, senón colaboracionismo cunha discriminación inxusta. Coma se se dixese: deixémolo correr e vaiamos a outro asunto; non temos nada que facer nin nos importa.
M. Menor
30.09.2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario