A partitura da comunicación política emite sinais perigosos para as institucións que rexen a vida democrática.
Isto vai a máis. É difícil de parar cando, máis aló das lóxicas distancias entre formulacións políticas, leva consigo tensións persoais e dificulta o imprescindible diálogo. Sen querer ou querendo, impón o desgaste das palabras importantes e chega un momento en que non se sabe o que se está dicindo nin facendo; impera –contra toda razón democrática- o salvar quen poida e o máis forte cree ter poder sobre o máis débil. Non outra cousa son os autoritarismos de diversos niveis de intensidade, nos asuntos macro e micro sociais en que andamos.
Esta semana foi densa en episodios deste cariz e non parece que vaia a amainar neste Mar dos Sargazos. Nada está en calma e medra o número de enredos que como, as algas do xénero Sargassum e os desencontros que chegaron ao presente, enlean todo con tal maraña que impiden movementos acertados. Neste momento, no canto de andar, estamos parados oíndo a fachendosos campións da estupidez cuxo mérito é achegar palabras e xestos provocadores que inciten á violencia. Os desplantes e agresións xestuais da súa linguaxe corporal disputan co hiperbólico como desbaratar calquera forma de entendemento. O seu exceso empeza a ser incontrolable e pouco importa quen ten razón, como empezou o desconcerto e a que se deba tanto despropósito: o despropósito desgoberna tanto relato incoherente e impón arbitrariedades que toda a cidadanía xa está a pagar.
Non foi este o obxectivo da Constitución, tan invocada como desaproveitada. Non parece que sexa de recibo que, por razóns máis persoais que sociopolíticas propiamente tales, moitos que sentan no Congreso de Deputados, no Senado e noutras institucións representativas, cobren un soldo dos impostos de todos; algúns e algunhas acoden a estes espazos da palabra política armados de guións de insultos que algún sabio conselleiro lles escribiu para que insulten, descaradamente e sen razón, para tapar as súas hipocrisías. Esta estratexia xustificativa do apropiado de calquera medio para alcanzar o poder e que “o que poida facer que faga”, pode ser rendible entre adictos unicamente ás súas propias crenzas, pero degrada canto toca, por moita liberdade que invoque e nula educación política demostre. Como tamén o embarra toda esa politiquería pseudodemocrática dispoñible para que , en pleno despregamento de floripondios esperpénticos –xa ensaiados a mediados dos anos noventa- , os supostos árbitros das disputas preparen causas xudiciais vantaxosas pro domo sua. Non era isto o que se pactou en 1978.
Supremacismo ideolóxico
Desde que empezou o curso político e académico, esta tensión expresiva nas cámaras de representación autonómica e nacional non cesou, e as cuestións que saíron a escena, ben sexa pola xestión de Cataluña, a inmigración, a vivenda, os orzamentos, a corrupción na xestión dos recursos, ou o posible mangoneo extractivo dos máis espabilados do lugar, non cesou de ser motivo de escasas solucións. Estas pelexas cotiás ante a cidadanía, deixan en dúbida, de entrada, a liberdade de ser de dereitas, de esquerdas ou do centro; impiden a liberdade de conciencia e preveñen, a modo de censura e prohibición radical, contra canto disinta dun pensamento dogmático en case todo. Parece que volvese –ou non se foi- a inquisición conservadora doutrora, agora a berros, cun exército de fieis seguidores de opinións publicadas e retransmitidas baixo os preceptivos canons do insulto a unha intelixencia plural.
Quen invoca un constitucionalismo excluínte para humillar aos seus adversarios e quedarse con todo o pastel dunha patria súa e de ninguén máis, debería lembrar que ese ofendido orgullo bocalán foi básico para que o nazismo tivese o mellor caldo de cultivo para impoñer o supremacismo ario; o lema “Deus connosco ” proporcionoulle convencidos votantes, certeiros en proporcionarlle toda a verdade e todo o poder. Non é idéntico o que sucede -a Historia non se repite aínda que se pareza sempre en canto a tropezos- , pero soa parecido o que seguimos vendo en directo en Palestina, Líbano e Israel, onde un sacralizado dogmatismo imperialista non para de levarse por diante persoas e bens sen fin. Parecido é tamén canto sucede en Ucraína, espazo que a Historia da pasado disputa coa racionalidade democrática hoxe posible. E o mesmo acontece en media Europa, onde a doutrina Meloni acerca da emigración está a impoñer criterio a gran parte da propia UE, a socialdemocracia inglesa e ao pretendente Feijóo. De engadido, estas dúas semanas que faltan ata as eleccións americanas van seguir deslizando cara á insignificancia a semántica das palabras que tanto motivaron sempre aos defensores da liberdade e igualdade dos humanos. A Declaración Universal dos Dereitos Humanos non axuda a entender os leva e trae publicitarios dos contendentes, nin parece que vaia orientar as decisións de quen desempate as previsións demoscópicas.
En 1940, John Dewey xa advertira en Liberdade e cultura, que o risco para a democracia non estaba tanto nos totalitarismos doutros, canto nas actitudes favorables aos factores que neses países lles outorgaron a vitoria estruturando “a disciplina, a uniformidade e a confianza” en líderes dese cariz. Pasaron 84 anos, pero é un bo aviso para navegantes entretidos na escuma do que se ve e se oe. Ulises, en situación similar, atouse ao mastro da súa nave para non deixarse seducir polo canto das sereas.
TEMAS: Democracia.- Liberdade de
expresión.- Pluralidade política.- Autoritarismo.- Lealdade institucional.
MMC (Madrid: 21.10.2024).
No hay comentarios:
Publicar un comentario