A opinión dos docentes...non conta?

15 dic 2024

Hai desavinzas prexudiciais para o tempo que nos queda

 

O xúbilo das rúas de Damasco non se corresponde  con actitudes que xeran situacións como as da inmigración en Canarias.

Alepo e Damasco, por riba das múltiples circunstancias internacionais e domésticas que concorreron para derrocar a dinastía da o Assad, están de festa. En apenas dez días, despois dunha longa guerra en que seis millóns de sirios exiliáronse, e máis de 600.000 morreron, inauguran un período esperanzador para Siria, un dos países con máis historia da Terra e máis complexos en diferenzas étnicas e culturais. A alegría rueira destes días debería ser unha esperanza firme para o resto dos humanos, en particular para cuantos na contorna mediterránea herdamos das súas xentes algúns descubrimentos primordiais: a escritura, as anotacións musicais, o trigo, as oliveiras, o dereito básico para convivir e sistemas de crenzas como o Cristianismo, o Xudaísmo e o Islam, que tiveron nesa terra algúns dos seus principais focos de inspiración e difusión. Ademais, como nó de comunicacións estratéxicas, este país segue sendo primordial.

O Tempo que nos queda

Se logra consistencia esa alegría polo logro dunha situación que poida propiciar máis entendemento e concordia, Siria pode volver ser exemplar para outras partes desta Terra en que, como conta Patrick Boucheron, hai polo menos cincuenta anos que transita polo Tempo que nos queda. Este libro non alude ás formas en que se entendía o mundo cando a cultura relixiosa dominaba todas as esferas da vida cotiá; as vánitas barrocas, inspiradas no que o Eclesiastés 1,2 dixera acerca da vacuidade da vida e a certeza da morte, indiferenciaban o intrahistórico e o metahistórico cunha ascética vita brevis inimiga do epicúreo carpe diem. O tempo de que fala este historiador é o actual, e ten que  ver con que a perspectiva aberta ao romperse a diferenza entre “Historia Natural” e “Historia” obriga a centrar  a atención en que todo é responsabilidade humana, incluída a crise do clima. A historia residual do tempo que nos queda incita a un cambio de mentalidade apropiada ao mundo en que estamos, capaz de ocuparse dun presente en que, segundo o secretario xeral da ONU, “a humanidade abriu as portas do inferno”.

Esta metáfora parte do estudo científico dos efectos da Revolución Industrial desde hai 200 anos, e alerta dos danos causados á atmosfera polo  risco acelerado en que están os humanos desde os anos setenta. Esteamos ou non atentos ás sucesivas recomendacións da ONU sobre o Cambio Climático desde 1979, atravesamos unha “crise de inmanencia” e habemos de reaccionar a tempo se queremos un planeta habitable. A DINA de outubro de 2024 sobre Utiel e a Horta Sur valenciana acaba de mostrar a gran urxencia deste tempo provisional, en que é preciso desaprender o interiorizado sobre o crecemento de desenvolvemento infinito, conxuntar vontades e concretar qué deber ser educar hoxe e como facelo de modo xusto. A ética para construír para esta historia de urxencias ha ser, por tanto, moi distinta da que seguimos vendo a diario os telexornais como gran norma: “Salvar o que poida”. Con todo, ás creativas maneiras de salvar España que algunhas instancias políticas veñen mostrando desde hai tempo no Congreso, e nalgunha Asemblea autonómica, viñéronse a engadir as reaccións que, a máis dun mes da lama arrastrada nos barrancos do Levante, non deixan de alentar á oposición a non poñerse de acordo para traballar conxuntamente. Tan agudas andan para atopar truques para acusarse de falta de prevención e decisión, que as volvemos a ver nas escaleiras do Palacio da Magdalena, en Santander, onde altos representantes do poder executivo das Comunidades reiteraron alborozados desacordos partidistas ante asuntos cruciais para o ben común. A incapacidade demostrada para atender o crebacabezas que ten sobre todo  Canarias para atender os menores de idade que chegan buscando poder vivir, é especialmente grave  Contra esa arriscada inmigración que só quere iso, resulta indecente presumir de solidariedade e ata de caridade, sen compaixón para a gobernanza equitativa dunha molestia que, por outra banda, reduce os deficitarios índices de natalidade.


Teatro dei Piccoli de Vittorio Podreca. 
Exposición Esperpento. Arte Popular y revolución estética. Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía


Culturas negacionistas

Quen queira atinar na corrección de anomalías existentes no funcionamento da democracia española, antes de mitificar supostas marabillas da historia recente en canto a  sintonía entre liberdade e convivencia, haberá de contar con que, no discorrer das institucións e poderes de diverso tipo, hai persoas e grupos contrarios ou reticentes ás esixencias que expoñen os Dereitos Humanos, recoñecidos na CE78, sobre todo no artc. 10. 2. Non se estrañe, por tanto, de que na sociedade benpensante e clasista, medre o número de negacionistas  ocupados en frear ou impedir con variadas narrativas, asociacións e manifestacións, unha educación capaz de levar a todas as aulas esas obrigacións. Deste xeito, antes de que chegue ao BOE unha firme determinación para que a escola paga por todos sexa eficientemente valiosa para todos, a avaricia individualista terá máis fácil frear que os dereitos universais –incluído  o de Educación-, sexan satisfeitos. A esa liña ideolóxica cabe responsabilizar, pois, do desapego comunitario crecente que xera, desde Infantil á Universidade, a fascinación por un ensino selectivo e segregador. Os seus promotores ocúpanse de erosionar a pública, a pesar de ser a única que pode atender -se ten recursos- o dereito a unha educación dignamente equitativa.


                                                 Detalle dos monicreques 

Non é un asunto colateral e secundario, senón neuralxicamente contraditorio. Medra o desequilibrio do ecosistema terráqueo e o ecosistema social que o sistema educativo promove en boa parte de España revela que a coherencia  democrática actual dista moito de alcanzar os mínimos indispensables para afrontar os retos que se veñen encima. Agora que a Biosfera deveu máis provisional ca nunca, a Ética que se necesita construír ha de poñer de acordo á política, a economía e as ciencias para que  a vida de todos sexa viable, pero esta urxencia non ten suficientes adeptos entre os representantes dos cidadáns. A maioría de opinións oídas estes días aos participantes na Conferencia de Presidentes en Santander, parecen destinadas a vacinar aos seus oíntes dos perigos de dialogar para poñerse de acordo. Frustran, de antemán, a capacidade de empatía que necesitarán os sirios para alongar a euforia destes días.

TEMAS: Emerxencia climática..- Negacionismos.- Inmigración de menores.- Desacordos segregadores.- Dereitos humanos.

MMC (14.12.2024)

No hay comentarios:

Publicar un comentario