Os selectos dan o cante; cando máis se lles necesita empéñanse en dar a nota coas súas cantarelas.
Para todos os melómanos, non hai peor cousa que o desconcerto: que o programa de man diga unha cousa e que o que se está oíndo e vendo non concorde, e soe mal, desaforadamente mal. Con todo, tamén sucede que o balbordo e o ruído poden ser, ás veces, mostra dalgunha performance museística destinada a reflexionar e aprender. No que toca á vida sociopolítica en que estamos mergullados, cada vez é máis difícil distinguir a liña divisoria entre o un e o outro. Actores políticos hai que ensaian como remedar ás provocadoras pezas de arte contemporánea e o que corearon no Senado ante o ministro Félix Bolaños debeu ser para que meditásemos no presente incerto. O problema é que foi áspero e desnortado, moito máis que cando en concertos supostamente transgresores, a execución orquestral resulta insufriblemente mala.
Estes seráns fan lembrar antigas experiencias de veladas escolares, máis ou menos voluntariosas; frecuentes en centros privados nos anos corenta e cincuenta, eran parte do currículum de “os selectos”. Un dos mentores dos seus colexios mostrara predilección polo alumnado das capas medio altas da sociedade, porque podería ser portador de san influxo ao resto da sociedade, en gran parte apenas escolarizada. A súa aristocracia espiritual –dicía- estenderíase “sobre a servidume, sobre os subordinados, sobre as amizades, sobre a sociedade, na política, na literatura” e en todo. Con esta inclinación de arriba abaixo –cual novo despotismo ilustrador-, a orde social impregnaría as familias e as organizacións; os asuntos que importan –os que marcan a xerarquía do poder real na sociedade- seguirían estando como sempre nas mans debidas. As xenealoxías culturais e educadoras de moitos dos responsables de eventos recentes como os que tiveron lugar na contorna do Senado, vincúlanos a estas pedagoxías nadas, a comezos do século XX, con preocupación por colonizar ao resto da sociedade.
Estes días, á parte da performance
mencionada, houbo outro espectáculo esperpéntico na mesma Cámara, que trouxo ao
recordo aquel pasado valleinclanesco, empeñado en regresar. Os seus
protagonistas, de parecido pedigree que os do coro colexial,
aproveitaron a ocasión para mostrar a súa forte intención de modificar o rumbo
de canto avanzou a democracia cultural, científica e social en máis de 200
anos. “Avanzar” refírese aquí simplemente á renovación cognitiva e científica,
lexislativa e cultural, pedagóxica e social, habida no transcurso de xeracións
anteriores á actualmente máis activa. Poña cada cal nese fío do tempo os que
considere cambios relevantes. Por exemplo, que a primeira lei social española é
de 1900 para atender os problemas que xeraban os Accidentes de Traballo –sobre
todo, as frecuentes mortes dos asalariados-; ata entón ninguén se responsabilizaba
de nada, tampouco dos problemas que puidesen virlles ás familias. Pensar,
igualmente, en cambios producidos por avances no estudo da saúde a causa de
descubrimentos como a da Penicilina en 1928, fundamental para erradicar
bacterias perigosas. Para acertar na tendencia que queren imprimir á evolución
social e política estes profetas dos tempos novos, non esqueza, así mesmo, o
incompleta e excluínte que foi a educación española desde 1857, en que subiu á Gaceta a Lei xeral de Claudio Moyano. A
erradicación do analfabetismo foi tan lenta, que a extensión completa do ensino
universal obrigatorio ata os catorce anos apenas se logrou cara a 1989-1990, o
que non impediu que o semianalfabetismo chegase ata hoxe amplamente. Coma se
non causase múltiples problemas individuais e sociais, a cantidade de fracasos
e abandonos do sistema escolar a destempo seguen esperando quen os atenda.
Para potenciar esa tradición –nun momento en que asuntos como a DANA deberían centrar a atención en cuestións urxentes- estes selectos alumnos e alumnas, en coherencia coas doutrinas en que foron educados de críos, escenificaron a súa inquietude na sala máis histórica do Senado. A algún agudo debeu parecerlle que o ambiente sociopolítico do momento, máis o descoido de non poucos dos que frecuentan o lugar, propiciaban emitir sen rubor a súa nostalxia dos anos de colexio, rodeados de colegas do seu nivel e sen mesturas con estratos sociais inferiores. Non se entende, se non, que puidesen emitir en lugar tan principal o seu discurso ao redor da orixe da Terra e, de seguido, tanta frustración por que os dereitos humanos se equilibrasen algo; que haxa leis que ampliaron significativamente a liberdade de vivir de modo menos coaccionado, prodúcelles sarabullos. Teñen “cargo de conciencia” por non ser suficientemente “carcas” –é dicir, ultras-, remisos a que haxa quen poida vivir sen pedirlles permiso, liberados de medos e torpezas.
O máis estraño deste evento –e doutras formas demostrativas do poderío dos seus protagonistas- é que, no canto de acontecer nun espazo privado, tivese lugar nun espazo público, cuxa dignidade como cámara de representación democrática para o debate dos problemas de todos foi suplantada. Non parece que o Senado -con tantos feitos nefastos por medio antes da restauración política actual-, nacese en 1835 para que en 2024 se invocase a necesidade de volver a unha “REDE POLÍTICA DE VALORES” propia dos constrinximentos feudais anteriores á caída do Antigo Réxime. Este lugar da soberanía popular, no canto de ser utilizado para promover proxectos que favorezan a convivencia de españois e non españois, valeu para promocionar negacionismos e cerrazón en case todos os campos da existencia. Mayor Oreja, preboste deste club internacional de ultras selectos, dixo: “Estamos a gañar”.
Houbo, así mesmo, quen invocou “a liberdade de expresión” para explicar o acontecido, fóra por estar acorde ou por favor a este lobby. Pero este desvergonzado pretexto é tan exótico como dar preferencia á ignorancia, aínda que sexa aberrante, sobre calquera coñecemento sólido e contrastable. Tanta complicidade concorda con políticas como as que promove a Comunidad de Madrid –punta de lanza de moitas outras-, onde á Universidade pública ´se lle asfixia mentres se dá cancha a unha variedade de privadas, ansiosas de negocio rápido e sen obrigación de investigar, decisións estas protexidas, ademais, polas que fan que o sistema público escolar non sexa de todos e para todos. O conxunto mostra un proxecto ideado para que quen teña fillos e fillas en idades de estudar entendan que o que queira saber algo ha de pagalo, e que quen non poida está destinado ao “fracaso”. Nesta cruzada preventiva non interesa que a cidadanía aprenda se lle interesa votar a alguén ou non, senón que, cando a convoquen ás urnas, se deixe levar polas Redes sociais e influencers dos selectos. Explicábao Luís Vives xa no seu Epistolario (1514-1520): a este tipo de clans, que viven de rendas dun rancio pasado, encántanlles “os cegos adeptos”.
TEMAS: Educación Pública.- Trolas e mentiras.- Abusos da liberdade de expresión.- Igualdade democrática/desigualdades socioculturais.- Analfabetimo/semianalfabetismo.
MMC (Madrid: 07.12.2024)
No hay comentarios:
Publicar un comentario