A opinión dos docentes...non conta?

6 abr 2025

Cando “liberación” significa neocolonización

 O “histórico” día 2 de abril, Trump revelou o sentido da “liberación” que implican os seus aranceis comerciais.

 

Ese día, ao declarar a “independencia económica” de EEUU, e impoñer un 10% a canto entre no comercio americano, engadiu unha variedade de filías e fobias arancelarias do 20% de canto Europa venda a ese país e entre o 4 e o 49%, a outros países, salvo Rusia e algún outro. Trump&Company, protagonista e apóstolo dunha nova era, eliminou as vantaxes que se pregoaban da globalización do comercio e a economía, sobre todo nos anos noventa. Fukuyama vaticinaba en 1992 o fin da historia, coma se co final da Guerra fría se acabaría unha historia de ideoloxías. O neoliberalismo triunfante pregoaba como natural unha expansión -desideoloxizada- do capitalismo e, sen desmentilo, agora mesmo parece que os gurús da propaganda trumpista, aínda que a reacción bolsista foi negativa, avanzan que esta formulación superideoloxizado e nacionalista xa está a dar os resultados apetecidos. Reclamar que canto se fabrica fóra das fronteiras do Norte americano se fabrique dentro, e que non pague aranceis de entrada é retomar maneiras metade autárquicas e metade propias do mercantilismo reinante antes do liberalismo clásico. Cheira igualmente a fórmulas propias do vello colonialismo, en que só á metrópole lle era dado sacar proveito da elaboración das materias primas que os países colonizados provían con man de obra, máis intensiva que cualificada, tomada como cativa, a fin de que o amo tivese máis plusvalías. Desacoplar a EEUU do sistema vixente, coma se dun Leigo se tratase, parece, cando menos, querer dicir que non lles importa o resto do mundo. Ven  como ameaza a liberdade dos demais e véñenlles a dicir que, ou se someten un pouco máis á súa tutela, ou non se fan cargo de nada. Na súa nova orde, o artigo principal é: “eles primeiro”, e a continuación engaden que é o momento da súa “liberación” –coma se Europa lles estivese roubando (un simil que lembra a relación amo-criados)- e que chegou o momento da súa “independencia económica”.

Reaccións

A tradución deste imaxinario que Trump trata de poñer en marcha, independentemente dos trastornos económicos que xere, implica prescindir do interese do resto do mundo. O seu modo de illarse presupón que os demais quedarán quedos, á espera de que se pacifiquen estas ínfulas de individualismo prepotente e tornen algún día a unha versión máis amable e proteccionista. O neno consentido leva a pelota, os outros mozos do colexio non saben que facer e están indecisos, pero inquedos. Ninguén esperaba que o presente estivese no pasado precapitalista, antes da gran transformación de que falaba Polanyi e que trastornou as regras proteccionistas do Antigo Réxime. Devoltos ao máis puro absolutismo mercantil, parece que os plutócratas reinantes pretendan, cal corsarios do sistema extractivista de recursos do mundo, acaparar parcelas substantivas –e non só de “terras raras”- en plan monopolístico para o que Boucheron chama “o tempo que nos queda”. Agora que as DINAs lémbrannos cada pouco que o tempo da Terra é finito, e que é tan histórico pola acción humana nas súas crises, como o son os outros tempos que se acollen á análise dos expertos nesa área de coñecemento, parece que os humanos escollésemos exactamente ao revés do conveniente e razoable. Os de Trump &Company queren marcar as normas para seguir neste curto espazo temporal que reste. Boa gana de compartir recursos e valor da produción.

 


Nesta rebelión dos do percentil máis alto na repartición do PIB mundial, os que importan son eles; parece que poidan apañarse sen o resto da humanidade e xa estean a ensaiar que, como a Terra afunde, só catro amigos de Elon Musk teñen cabida nas súas naves espaciais para ir a Marte. Se o 1% da poboación mundial posúe máis riqueza que o 95% restante, aínda lles sobra moita xente: non caben todos nesa Arca de Noé que lles transporte a outra dimensión estelar. A ciencia ficción, como a literatura, parece ir por diante unha vez máis; a realidade sociopolítica plaxíaa máis do que cabía imaxinar. Para que pareza máis verosímil e ata máis xusto que o día dous empezou algo moi poderoso ante os nosos ollos, o propio Trump anunciará cada día dos que veñan as vantaxes e predileccións da  nova economía terráquea que, máis que un Advenimento, parece unha Apocalipse deseñada entre Hollywood e Silicon Valley. Máis dun dos novos profetas engadirá que “xa o dicía a Biblia”. Afeitos poñer o dial da inspiración sobre asuntos complexos na súa lectura literal, levan dianteira os seus amigos sionistas. Ven a Netanyahu como anxo exterminador, capaz de repetir o que di Josué 6, 4, sobre a batalla de Jericó. Tamén ven alusións noutras batallas de época prerromana polo control de “a terra prometida”; grazas a elas a “ira”, os “inimigos” ou a “vinganza” percorren os Salmos, os Proverbios, o Eclesiastés ou Judith; 75 veces aparece a referencia “inimigo” no primeiro destes catro libros. Cantos se tomen eses textos sen o seu contexto crítico, seguramente verán razoables as ortodoxias ultras de Trump &Company. Poida que admitan o que di 1Pedro, 3,15: “Estean sempre preparados para responder a todo o que lles pida razón da esperanza que hai en vostedes”. Pero atoparán complicado explicar as palabras da  Epístola de Santiago 5, 1-6, cando di dos ricos: “A súa riqueza está podrida…. E o voso ouro e a vosa prata están tomados de ferruxe…”

De momento, non hai lecturas nin datos que non se sinteticen en máis dúbidas que certezas sobre Trump&Company. Nin é seguro que os seus compañeiros de viaxe o acompañen indefinidamente, nin parece que lle fixese graza a ninguén este modo de saírse da viñeta do cómic. En contornas supostamente amigas -que din querer seguir séndoo, e invocan diplomáticamente o diálogo- as declaracións  solemnes esconden frustración e rabia. Nos días que veñen posiblemente vexamos algún tipo de medida máis sólidamente expresiva de desencanto. Na China, leron a Biblia e a arte da Guerra, de Sun  Tzu, e concluíron que a “lei do talión” é boa estratexia: 34% x 34% de aranceis. Veremos que pasa, pero nada bo: os pratos rotos e a inflación serán máis evidentes para todos os demais. En Bruxelas din que “están preparados para responder”, aínda que non se sabe o qué nin o como. E en España, de momento, o único optimismo que cabe anotar é que nin sequera Miguel Tellado oponse visceralmente ao que diga ou pareza dicir o Goberno que vai facer; aínda non se deu conta de que o do “Balón de osíxeno”, ou o de que “ao inimigo nin auga”, non lle conduce senón a Vox. Sorte!  

TEMAS: Novos retos para a UE.- Dúbidas e certezas xeopolíticas.- TRUMP&COMPANY.- Neocolonialismo.- Globalización económica.

MMC (06.04.2025).

No hay comentarios:

Publicar un comentario