Tanto no plano internacional, como no máis próximo, volven impoñer a atención tendencias nunca desaparecidas.
Aínda por riba do que acontece en Palestina e Ucraína, a paisaxe complicouse
co que está a suceder a Irán. O seu
engadido de conflitividade á escena internacional ten capacidade para
contaminar non só o que denominabamos “Oriente Medio”, senón tamén o resto do
mundo. Ás formulacións do colonialismo despois da Primeira Guerra Mundial no
territorio do antigo Imperio Persa e aos seus intentos de independencia
económica en 1953, e ás accións e reaccións na etapa do Shá e Jomeini,
sobreponse agora, na república islámica instituida en 1979, unha prevalecente
atención neocolonial a cargo do vixiante da zona desde 1948, oficio que
Lawrence Durrel xa comentou no Cuarteto
de Alexandría en 1957. O control do fluxo do petróleo e do comercio
marítimo na zona seguen sendo peza fundamental para os grandes intereses
económicos, mentres a vida humana sofre un “enorme desacougo” e a maioría dos
seus habitantes –con ou sen burka ou veo- “vive de milagre”, como dicía Valle
en Luces de Bohemia.
Na outra punta do mundo, o exército imperial cumpre 250 anos e
celébrao cun desfile en honra do seu comandante en xefe, Mr. Trump, aínda que a
situación interna do país americano non sexa a desexable. A intranquilidade
rolda as rúas con redadas policiais e militares sobre os inmigrantes; sucédense
enfrontamentos, manifestacións e protestas, en particular, as dos empregadores
de man de obra barata que non poden dar cobertura a miles de traballos de menor
cualificación. Hai, ademais, compoñentes que, obstinados en solucionar
problemas existenciais coa volta a valores tradicionais do pasado, enturban
máis a situación. Móstrao a persecución particular que, en universidades
relevantes, están a ter proxectos de investigación punteiros, que os
negacionismos non entenden. Os primeiros en sufrir estas censuras son os estudantes
estranxeiros, e non lles van á zaga os cidadáns que teñan un coñecido
pensamento político, distinto do gobernante.
Neste sentido, acontecen en Minnesota –dous asasinatos e outros dous
intentos- aventura que os investidos de suposta misión redentora da humanidade
empezan a andar máis soltos e, de modo impredicible para os militantes do
partido demócrata. Unha vez que se espalla o odio, o difícil é restablecer como
norma de convivencia o respecto mutuo. Antes de cometer unha ampla gama de
disparates, este tipo de reaccións non adoita ir a menos; os que pretenden ser
recoñecidos como reiciños dun territorio non cesan de provocar aos seus supostos
vasallos. A megalomanía de Nerón tocando a lira no ano 64 mentres ardía Roma,
tan propagada despois de Suetonio , repítese como plaxio en Washington desde
hai algún tempo, e ten corda para longo.
Inconsistencias domésticas
O poder, e as formas de alcanzalo e amplialo, non cesan en mostrar mil caras para expresar a ansiedade por telo algún día. No que toca á vida cotiá dos españois, cada día que pasa as historias mal pechadas ou simplemente atrasadas proseguen, aínda que a longa lista de antecedentes de canto merodea ultimamente ao Goberno e ao PSOE ten abundante material documental nas hemerotecas para o interminable discurso do “e ti máis”. En Ferraz compiten co principal partido da oposición, herdeiro de AP e as súas esencias preconstitucionais. Os episodios con que replicarse mutuamente non son precisamente exemplares para os militantes leais de ambas as formacións. Nos momentos previos ás alternancias de Gobierno, sempre acumularon motivos de corrupción que corroeron a súa imaxe respectiva. Polos datos que neste momento dominan a escena, parece tocarlle ao PSOE non só “pedir perdón”, senón facer penitencia por un tempo. A información dos Koldo, Aldama e Cerdán pode ir a máis e a indecisión sobre o que suceda está servida. Os informes da UCO establecen sentenza de culpabilidade sen xuízo a ningún, e todo aventura que as próximas eleccións –máis ou menos adiantadas- decidirán se o país cambia a súa parella de baile.
En todo caso, o sorprendente é, en si mesmo, o reiterativo xogo duns e doutros personaxes e milhomes por lograr poder dirimidor de recursos económicos e soñar que os beneficiarios serán, en diante, amigos que lles axudarán a ser alguén de peso nun palco VIP. Desde moito antes da CE78, este clientelismo de influencias e corrupcións a conta do erario público non cesou. En calquera cidade española, hai sensibles exemplos da súa existencia no seu urbanismo. Expropiacións, obra pública de estradas e ferrocarril, e obra privada diversa, son un campo ben abonado para a corrupción. Sempre tivo conseguidores listos e subalternos en múltiples facetas: sobredimensións de superficies edificables, retranqueos, recualificacións de chan e concesións de chan público -e ata de servizos- en que os beneficiarios directos son persoas, empresas e institucións de rendibilidade absolutamente privada. Cada unha destas vertentes é un dos moitos capítulos -nada secretos- da vida nacional desde antes de “A escopeta nacional” (Berlanga, 1978): aquel emprendedor que viaxaba a Madrid, a unha cacería que el mesmo financiaba para ver se lograba ampliar o seu negocio, é todo un símbolo que, en puro esperpento, podería considerarse un “verme burocrático” polo incrustado que está na pertinaz tarefa roedora de moitos oficiantes. Tantos son que os seus graos de inocencia ou culpabilidade son proporcionais aos cómplices que lles propoñen a mordida e o suborno, entre a anomia, a ilegalidade e o silencio.
Os partidos políticos españois non foron capaces de poñer freo nos seus núcleos cordiais a tan intensa obsesión pola pasta e as manifestacións demostrativas de status de novos ricos. Volve falar estes días de “rexeneración” democrática e “transparencia” que, ao parecer , non existen. Quen avizoran “un novo tempo de decencia” para gobernar “con honestidade”, avanzan algúns pasos á fronte aínda que, sendo realistas, non “lles dan os números”, como di Almeida. Aos seus costados ecoan, unha vez máis, vellas proclamas do “Santiago e pecha España”, por ver se dilucidan –como en USA- que sexa a Patria, o civismo e a decencia. En tales asuntos, decenas de cuestións pendentes nos tribunais –sen contar as que lles foron sobresidas- non lles conceden autoridade. A cidadanía que observa e toma nota, ten poucas alternativas. Os puritanos de conduta talvez xa estean subvencionados, e os máis fariseos saben máis de picaresca que o Lazarillo. Razóns que poderían explicar que os estoicos estean de moda están de moda: Marco Aurelio e Séneca consolan un pouco.
TEMAS: Corrupcións políticas.- Fariseísmos morais.- Ética e Política.- Alternancias de Gobierno.- Conflitividade internacional.
MMC (15.06.2025).
No hay comentarios:
Publicar un comentario