A opinión dos docentes...non conta?

10 nov 2011

O profesorado na trincheira.

Rosa Enríquez

Publicado en La Región o 10.11.2011

José Sánchez Tortosa, profesor de Filosofía, aborda sen temor o tema do conflito nas aulas no seu libro 'El profesor en la trinchera' (2008). Describe nel o que sucede no ensino. Daquela, ofrece un retrato diáfano dese 'campo de batalla' onde existir e sobrevivir, segundo se infire das súas palabras, se confunden. O alumnado, afeito á domesticidade obxectual, entende por 'liberdade' o dereito a non facer ren. Co ipod pegado á orella, o móbil sempre listo para envíar mensaxes aos/ás colegas, e a atención posta no televisor, a rapazallada déixase ir. E, realmente, de non facermos nada ao respecto, ha cumprir o seu desexo. Guste ou non, ha perderse, sen ningún tipo de discernimento, no lamazal. Así, como moi ben explica este profesor, coa nosa aceptación tácita, derivada da fatiga que tal loita ocasiona, convertémonos en cómplices deses futuros escravos que, pouco a pouco, embrutecen o seu espírito, pois, malia que nos incomode, perseveran na propia ignorancia.

A Inopia é un mundo de sombras, como aquela caverna de Platón, cuxos habitantes son servos. Sen opinión propia, pois unicamente reproducen o pensamento dos proxenitores, ou, no peor dos casos, da televisión, os pupilos e pupilas senten certa incomodidade ante as diferenzas. Cren que son 'modernos' na medida en que 'pasan' de rollos, sendo estes múltiples e variados. Existen pois, para que nos imos enganar, 'rollos' de historia e de matemáticas. 'Rollos' de ciencias, ou de latín. 'Rollos' químicos e filosóficos. Tamén 'rollos éticos'. Digamos que son 'rollos' que non 'enrollan' absolutamente nada. Isto é así na meirande parte dos casos, a pesar de que, como naquel mundo tan infeliz de Huxley, aínda queden 'pequenos tesouros' que poden suscitar algo de entusiasmo nos docentes.

Por todo isto, a 'trincheira' de Sánchez Tortosa leva implícita a decepción, consecuencia, certo é, do duro proceso na defensa da luz contra as tebras, esas potentes sombras que ocupan a Inopia. Que facer? Continuamos así ou solicitamos dos pais e nais maior colaboración? Ten o profesorado o apoio das familias? Compréndese, realmente, que a educación é cousa de toda a comunidade educativa? Valórase nas casas o que significa 'aprender'? Existen asignaturas de primeira e de segunda? Certamente, non podo imaxinar un mundo onde un médico, por exemplo, descoñeza o valor dunha obra de arte e careza de sensibilidade para tratar ás persoas enfermas. Vostedes si?

No hay comentarios:

Publicar un comentario