Rosa Enríquez
Publicado en La Región o 15.03.2012
Son malos tempos para a lírica, así é que no seu lugar, o que triunfa é a
espiritualidade metálica, unha tendencia que busca, principalmente,
impór unha realidade que non existe. Nótase entón no ambiente, unha
burla insolente, elaborada con descaro. É o cinismo que, ou ben
desdramatiza os problemas sociais co seu escepticismo e indiferenza, ou
ben acomoda a realidade ao seu discurso. Parece que nos considerasen
idiotas. Penso, ao dicir isto, nas declaracións de Gallardón, por
exemplo, que utiliza o termo 'violencia estrutural' -coñecido e
recoñecido por someter á clase traballadora mediante a invisibilización
de problemas sociais como depresións, suicidios ou angustia permanente,
patoloxizándoos- para referirse ás mulleres que, libremente, deciden
abortar. Na opinión do político, estas mulleres, asoballadas pola
devandita violencia, vense abocadas a unha decisión irrevocábel por mor
de evitaren as críticas dunha sociedade que, segundo se infire do seu
discurso, non perdoa a maternidade en solitario, entre outras cousas.
Fía ben fino, a verdade. Como pouco, podemos afirmar que sabe manipular
con destreza as palabras. Ante iso, ignoro que será máis produtivo, se
rir ou botarse ao mundo nun barco, para desconectar e poñerse unha en
'modo silencio', pasar de todo e deixar que fagan co mundo un caldo de
ignorancia e mendacidade. Digo isto porque, á marxe dos problemas de
conciencia de cadaquén -polos que sinto un profundo respecto-, paréceme
que as razóns que levan a unha muller a abortar son diferentes en cada
caso. Daquela, non creo que o argumento da 'violencia estrutural',
xerada polas sociedades capitalistas, deba ser empregado para tratar
este tema. Non é ético, pero non porque sexa un termo pertencente ao
imaxinario da esquerda, pois existe para todos/as, e, como tal, pode ser
usado, senón porque o seu emprego, para tratar este tema, faise
tendencioso.
A presión que se exerce sobre a forma de vivir das mulleres non provén
da esquerda, mais da moralina dunha pequena burguesía trasnoitada que
unicamente acepta, no fondo do seu corazón, un tipo de vida: a familia
tradicional. Outras formas de vivir son contempladas con certa
condescendencia, como se for necesario obter un 'permiso' para levalas á
práctica. Calquera muller que non se someta ás tácitas regras sociais
'normalizadoras' sofre pequenas violencias, si, pero estas veñen doutro
lado. Gallardón o entende perfectamente, así é que, de seguro,
comprenderá, porque o uso do termo 'violencia estrutural' resulta, para a
esquerda, estrañamente tóxico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario