A opinión dos docentes...non conta?

23 feb 2014

Enchúfame

 Fernanda Tabarés

 Publicado en La Voz de Galicia o 23 de febreiro de 2014.


Galicia. Anos noventa. A sospeita instálase en institucións públicas cuxos titulares alardean da súa capacidade para enchufar a gogó e que converten o constitucional dereito ao traballo nunha mercadoría electoral poxada a golpe de trombón. Os que teñen a obrigación de censurar e apartar aos mangoneadores rinlles as grazas e confían neles para garantirse respaldos políticos. Os medios de comunicación quedan sós na súa obriga de denunciar porcalladas que só de forma anecdótica chegan aos xulgados, o que consolida a sensación de que o nepotismo non é unha excrecencia do sistema senón algo consustancial ao mesmo e, como tal, inevitable. Os procesos de selección son moitas veces unha monumental charada con aparencia de legalidade nos que non se garante o anonimato dos aspirantes nin a independencia dos tribunais. Todos o saben pero ninguén fai nada.


Galicia. Ano 2014. Unha operación xudicial permite aos cidadáns escoitar ao fin como se enchufa. Comprobar que é unha práctica tan habitual como sospeitaban. Esperaban escarnio e desculpas, pero a cambio reciben unha insólita defensa do enchufismo por razóns humanitarias e a xeneralizada teoría de que non é para tanto. Nin un paso adiante contundente e definitivo. Nin un compromiso público dos partidos para desterrar para sempre unha práctica que dinamita a meritocracia e a cultura do esforzo, instala a sospeita nas Administracións, expulsa do sistema aos mellores e convértenos nunha sociedade mediocre que, ao parecer, algúns consideran que é a que nos merecemos. Outros cremos que un mundo un pouco mellor é posible.

No hay comentarios:

Publicar un comentario