A opinión dos docentes...non conta?

26 may 2014

Poemas galegos, pode ser?

Iolanda Teijeiro Rey

Publicado en Faro de Vigo o 24.05.2014

 
Dende que lembro non vin un Día das Letras Galegas máis vergoñento. Nin en Ferrol, cicais a cidade galega máis teimudamente antigalega (cidade que merece ser a patria das glorias sen alba e os gabis harmónicos de palleta ceibe) tiña eu visto cousa igual. Pode que ata en tempos de Franco cando se creou a Festa das Letras non asistiramos a semellante ermo cultural!

Levo toda a semana paseando librerías e apenas atopo un mísero libro en galego. Nalgunha nin o cartaz coa imaxe de Díaz Castro, o conmemorado este ano. Ao meu redor ninguén parece decatarse. Estarei trabucada na data? Emigraría sen me decatar a Mansilla de las Mulas? Queremos Galego convoca mobilizacións esparexidas en oito cidades no canto da acostumada manifestación única concentrada en Compostela que viña de se celebrar noutros anos. E a praza de Armas abafa de calor chea dunhas poucas persoas, tristemente poucas, que segundo o presidente da Academia Galega, abafamos demais á nosa lingua. Camiñamos cara a praza de Amboaxe, a zona máis españoleiramente elitista de Ferrol, e as xentes, seica galegos tamén, mais dos harmoniosos, óllannos coma se estiveramos participando nun acto terrorista que afea a súa cidade. Eles son harmoniosamente casteláns e se por eles fora, asolagarían a lingua galega no fondo das fosas marianas para seguir falando o seu elegante castelán e o seu cosmopolita inglés. Ao fin para eles o galego é un portugués deturpado e xa sabemos o complexo de superioridade que amosan ante os irmáns de alénmiño.

Ao remate da celebración, de camiño a casa, paso por diante da librería cervantina e miro a lúa por se puxeran algo en galego anque fora só este día. Que abraio, non só non hai ningún libro en galego senón que atopo algo que parece unha aldraxe consciente: Anxel Fole: Cuentos para leer en invierno. Mira que deberon remexer para dar con este libro. Se Fole xa é pouco lido polo idioma e a temática montañesa na Galiza, que non será en Castela! Cicais estea destinado a galegos que len a Fole en castelán. Incomprensibel para unha mente civilizada cun mínimo de raciocinio. É como se eu dera en ler a Antonio Machado en galego poidendo lelo na súa lingua orixinal. A carón deste libro, e para a rematar, o Cantar de Mio Cid. Resulta que o Fole está traducido por Juan Soto, un novo escritor murciano. Nin xiquera o traduce un galego. Haberá no planeta un povo máis parvo que ature estas aldraxes contra a lingua dos seus devanceiros, contra a súa propia lingua e cultura dentro da súa propia nazón? Se atopades un, facédemo saber.

Chego a casa anoxada, desbardallando de que vou marchar a vivir onde o neno encabuxado de Vigeland. Se fora máis nova... Lembro os patufos desleigados de Ferreiro e o polémico Viaxe ao País dos Ananos mentres digo para o meu chaleque: Que razón tiñas... Galiza é xa un gran centro galego cheo de ananos.Voltarían todos daquel local aclimatado?
Prendo a televisión galega na procura da conmemoración e case que nin se celebra. Pola noite, ás tantas da madrugada, co canto das curuxas é cando dan o programa de máis peso sobre Díaz Castro. Será para que non o vexa ninguén, non vaia a ser... E xa para completar a xornada vexo ao presidente da Xunta que responde perante un xornalista de cal é a súa obra galega preferida. Rosalía, cal senón. A Rosalía fraguiana e harmónica que nos aderezaron, falseando a auténtica. Toda a obra. Non quere precisar. Mais o xornalista é teimudo e entón Feijóo deixa unha frase célebre para a historia da infamia:

–"Poemas Galegos, pode ser?", di dubitativo.
Supoñemos que se refire nada menos que a Cantares Gallegos, xusto a obra que se escolleu para a data das Letras. O 17 de maio de 1863, Murguía cumpría trinta anos e Rosalía quixo agasallalo cos Cantares. Cen anos despois, en 1963, ano do meu nacemento, por certo, comezou a celebración das Letras Galegas, na súa honra. Se unha cousa tan espallada aos catro ventos, que saben xa os naipelos, que ata se coñece alén das nosas fronteiras non é do coñecemento do presidente, en qué mundo vive, quen é que nos goberna? No prólogo dos Cantares, Rosalía laiase da xeral ignorancia que amosan connosco os españois. A pouca estima que senten por nós e a nosa lingua. O que nunca imaxinaría Rosalía é que século e medio despois tanto o presidente da Xunta como a meirande parte do seu pobo sexan máis ignorantes do propio cos alleos. Se o imaxinara pode que mudara o seu Castellanos de Castilla, tratade ben aos galegos... por Castellanos de Galiza, tratade ben aos galegos...!

No hay comentarios:

Publicar un comentario