A opinión dos docentes...non conta?

6 nov 2014

Fallaron os protocolos de actuación só no caso de Teresa Romero?


Logo do visto co ébola, as tarxetas negras e os sinais de corrupción descubertos de contino, cabe preguntar polos protocolos do noso sistema educativo e social.


Imaxínense que chamásemos ás meigas da tribo para arranxar o que os síntomas de Teresa Romero presaxiaban, ou que continuase coordinando o barullo consiguiente a Sra. Mato ou o ínclito Sr. Francisco Javier Rodríguez: todos estariamos neste momento con zozobra crecente. Similar cando menos á que teñen, estrañados, cantos viven de cargos -máis ou menos privilexiados e pagos con diñeiro público- segundo se cumpran dentro dun ano as previsións que xa anuncian as enquisas últimas sobre intención de voto. Quedaranos aínda por ver se aguantan a base de volver prometer o xa prometido -desde os noventa-, e a conta de que nos fiemos de que as peticións de perdón -nada significativas de arrepentimiento- abondan para lavar tanto desmán como fixeron ou deixaron facer a compinches e achegados.


Bo é que estes días se fale tanto de “protocolos”, a condición de que o término non se converta en talismán exculpatorio de tanta acumulación de erros graves. Debería servirnos para recordar que todos sabemos bastante de ética – agás que nos cegasen os poros da sensibilidade- e que a lexislación que temos desde a Constitución de 1978, marca as liñas vermellas do que nunca se debeu facer e fíxose, e non debería servir para escaquearse de actuacións políticas marcadas por persoas ou institucións alleas aos intereses comúns dos cidadáns. Ata dentro dun ano, aínda caben moitos máis latrocinios baixo formas diversas de desculpas e escusas -tamén de máis normas redundantes-, que non atallen a dificultade de responsabilizalos de algo. Non parece que o fallo sexa cuestión de leis, senón principalmente de “cultura democrática”: a pouca xente parece terlle importado que se conculcara algunha lei ou procedemento, que non se desenvolveu suficientemente nin que, en cambio, non se dispuxesen os medios adecuados para cumprir as existentes: todos preferiron que se fixesen leis novas para o incumprimento. Cando, por exemplo, no sistema educativo levamos xa oito leis orgánicas para “mellorar a calidade do sistema” -sen que se aprecie unha clara determinación por que así sexa-, e cando sabemos con demasiados detalles como se vetaron na última determinados aspectos claramente indicados para fomentar e desenvolver o sentido máis aberto, igualitario e cualitativo dunha boa educación para todos, non podemos quedarnos pensando en que o diñeiro de todos valla tanto para un roto como para un descosido; ata, para regalarlle a algúns amiguiños suculentos convenios de “colaboración” privada, mentres se debilita o ensino público. Cando se aproveitaron os cargos públicos para facer un ensino programado para desenvolver un ideario particular -estraño aos intereses fundamentais de todos e aborrecido de que houbese unha pequena presenza explícita de Educación cívica-, todo indica que existiu unha tomadura de pelo e que o protocolo básico da dignidade educativa, igual para todos, estívose -ou se está- conculcando sistemáticamente. E, por extensión, nada incita a pensar que o máis groso da corrupción estea aínda por saír en este e outros ámbitos.


Os fallos habidos nestes dous gloriosos acontecementos recentes, o ébola e as tarxetiñas volandeiras -a máis diso os desmáns propiciados por persoas moi encumiadas en diversas institucións, financeiras, autonómicas e municipais, entre outras- deberían inducirnos a unha reflexión seria sobre todo este conxunto, máis longo e complicado do que parece, e co que en diversos grados de responsabilidade estamos todos emparentados. O de que os políticos sexan corruptos é demasiado simplista e non esclarece nada. Que lles votemos a propósito de que o son, xa complica as cousas bastante, pois podemos ser corresponsables do que fagan (aínda que o voto sexa secreto). E que haxa de todo entre eles, -e que, aínda que se mira, os corruptos son poucos-, no canto de esclarecer algo de cara a qué facer agora mesmo e no futuro, o enturba todo e déixao como sempre, cos corruptores, ademais, campando ás súas anchas. O verdaderamente certo e urxente, é que, neste momento, está en xogo o sistema democrático, con todos os seus defectos, pero tamén coas súas moitas virtudes, superiores sen dúbida ás de moitos outros sistemas políticos como algún que nos tocou vivir non fai moito. Ninguén nos vai a eximir de tratar de resolver como reducir os defectos desta democracia e aumentar as súas calidades positivas, empezando pola transparencia das decisións e o control do gasto para executalas, sen que ninguén conculque as regras básicas da igualdade de todos os cidadáns.

Para empezar, habería que distinguir: non todo vale. Hai veces en que os protocolos fallan, por caducidade, ignorancia ou estéril rutina burocratizada. Outras, con todo, é que nin existen explícitamente como tales: ninguén os coñece ou di non coñecelos por máis que, insistentemente, amplos sectores afectados por un asunto de certa entidade nolo pidan unha e outra vez, mentres as actuacións dos responsables do asunto van ao seu aire. E moitas outras, o proceder existente está tan mediatizado e tan entreverado con mesquindades particulares, que o protocolo resultante é inextricable e insultante para os bos profesionais pola mestura de compoñentes que arrastra. Imitando o propio proceder do ser humano, que para gañar en seguridade e prontitude de resposta ás necesidades de cada instante tan só utiliza un 9/10 da súa capacidade, na complexidade das actuacións que conleva a organización do traballo hanse ir protocolizando as secuencias e rutinas que cada actividade leva. Os regulamentos e especificacións de cada perfil profesional -incluído que teña que ensinarse a cada un para desempeñalo adecuadamente- han ir gañando en prescripcións e codificacións cada vez máis precisas. E sempre, na medida en que un sector, oficio ou actividade ha ir tendo máis demanda, a taxonomía diversificadora -e os especialistas correspondentes- tenderon a ser máis esixentes para apropiarse da súa rendibilidade e evitar fírgoas de intrusismo. Cantos traballan en formación, profesionalidade e empregabilidade -asuntos plenamente interrelacionados-, saben disto sobradamente. Os que non parecen terse decatado son moitos dos quen se dedican á actividade política e queren ser responsables, ata de cuestións das que teñen acreditada sobrada ignorancia. O sucedido no ámbito sanitario en torno ao ébola é un bo exemplo de como a improvisación -nun territorio tan sensible como o da saúde- é sempre un mal procedemento. Pero peor é cando nestes últimos anos se estivo xogando a que fose un bo negocio para amiguetes, no canto de fortalecer e mellorar o que xa tiñamos. A reacción cidadá consiguinte pronto ameazou con levarse por diante todo o tinglado. Colateralmente, aí quedan, ademais, diversas manifestacións de histeria, máis propias da Idade Media e da súa “peste negra”, sistemas encubertos de falsa mercadotecnia da nada e, por suposto, xestións nefastas da prepotente relación dalgúns políticos cos cidadáns que lles pagan pese a mostrarse irresponsables, coma se estivésemos na época do absolutismo do Ancienne Régime e de nobres se tratase.

E as tarxetas? Dan bastante máis xogo que o que estes días saltou e merece a pena que noutro momento volvamos sobre elas. De momento, sexa suficiente recordar que seguiron un protocolo existente, por bochornoso que fose. E prolongaríano no tempo se non se chegase a coñecer. O seu problema é que se coñeceu públicamente nun momento nada propicio para que os que as gozaban puidesen seguir facéndoo impunemente. O asunto deixa, en todo caso, varias leccións de interese. En primeiro lugar, que moitos dos nosos próceres máis encumiados -por razóns agora mesmo moi difíciles de entender- mostraron explícitas moitas das súas obsesións demostrativas, valores sociais e gustos máis ou menos cursis, cando dicían estar actuando para o noso ben, pero sempre afastados dos gustos, valores e posibilidades da xente común. Dito doutro xeito, que mostraron ás claras que aínda existen clases e que, cando alguén falaba con eles, non sabía do inmenso valor que representaba o ter acceso a tal prebenda. Segunda lección pertinente: as máis de oitenta persoas pilladas no desgraciado protocolo usuario destas tarxetas negras son unha boa mostra de que a probable variedade ideolóxica existente entre elas non é garantía suficiente dunha ética e unha estética adecuadas a unha democracia compartida. Máis ben lévannos a coincidencias asombrosas na ideoloxía do morro esgrimido. Para isto presumían moitos deles da boa educación que tiñan, os bos colexios nos que se prepararan e os gloriosos títulos que podían acreditar e, ata, dos valores polos que loitaran no pasado? Non produce ningún consolo saber que están feitos da idéntica condición humana -falible e ata torpe- que calquera outro individuo: estas igualdades deberían facernos máis humildes, porque o de “iguais” ante a lei... non nos consola. En terceiro lugar, e isto xa nos toca moito máis de cerca, o asunto cífrase en que eses quince millóns e medio de euros eran nosos -pois nosa era a institución que servía a mamandurria-, como o foron tamén tantos miles de millóns dilapidados nunha xestión nefasta previa e que, agora, xa lastraba a débeda global do Estado, cos consiguientes efectos nas prestacións sociais deste. Reduplicativamente, xa que logo, este persoal, responsable tan só ao parecer de cobrar pero non de xestionar como cómpre o noso patrimonio, seguía no uso abusivo dun privilexiado status protocolizado por eles mesmos e sen que ninguén lles chamase a atención con mínima contundencia. En cuarto lugar, por ridículo que puidese parecer, tan dignos señores -seguindo unha pauta de escusas moi estendida e invocada por demasiados personaxes e milhomes, máis propia dunha conciencia afeita a lavarse na falsa confesión individual, que na responsabilidade que conleva calquera mínimo cargo público- invocaron ignorancia respecto ao uso abusivo deste instrumento financeiro. Sen nin sequera distinguir tampouco: de sempre, hai unha ignorancia “culpable”, da que parece que deban facerse cargo, pois sen que saibamos do uso de moitos dos diñeiros fraccionados que puideran sacar dos caixeiros, o rastro contable que deixaron os demais rexistros é sobradamente indiciario e nada opaco.

Isto da ignorancia é moi interesante: ningún escándalo habería se non se soubese. Pero xa que se coñeceu, que non metan todo no mesmo saco e que se expliquen. Os que de ningún xeito poden alegar ignorancia son os que repartiron as tarxetas e ampliaron -segundo niveis xerárquicos de presunta responsabilidade na xestión- a capacidade de gasto persoal dos demais implicados, o que induce a pensar que, deste xeito, estarían máis calados ante diversas xestións dubidosas que deberían analizar con pausa antes de decidir nos órganos de control correspondentes, a máis diso poder poñerse ventaxosamente eles mesmos no transo de ser principais recipiendarios directos ou indirectos dalgunhas destas decisións. Algúns, ademais, que estaban aí en nome dos valores da esquerda, algo deberían explicar sobre de que valores indican os usos das súas tarxetas: o bo uso das plusvalías do traballo alleo?... Que a xustiza social ben entendida empeza por un mesmo? E tampouco parece que poidan alegar moita ignorancia senón contrición perfecta os que, en nome de non se sabe que representación peculiar, frecuentaron coa súa tarxeta establecementos de artesanía relixiosa: polo menos eles deberían saber polos seus respectivos pais espirituais, algo do que implican o 7º e 10º preceptos do Decálogo. Particularmente, o relativo ás raíces da “restitución”, nas súas diversas variedades e raíces orixinarias desta obrigación, a partir da inxusta detentio rei, e tanto que o seu posuidor o sexa “de boa fe” coma se -sobre todo- “de mala fe” ou de dubiae fidei. Conveniente é, así mesmo, que saiban que a neglixencia na devolución do subtraído non cabe neste terreo; tampouco, pois, as meras escusas por moito que a palabra “perdón” se esgrima. É máis, alguén debería explicarlles a estes malos alumnos de bos colexios privados -na súa maioría-, que significa de antemán a injusta cooperatio, por mandato ou consello consentidor para desenvolver figuras tan ben coñecidas -na moral católica e no Código Penal-, como o “palpo”, a receptación e a participación, ou outras formas de cooperación negativa. Todas elas son modalidades de dano ás propiedades alleas das que eran custodios, e que en diverso grado de responsabilidade obrigan a iso que chamamos RESTITUCIÓN. Ese é -fágase o que se faga nos reiterados circunloquios da rexeneración que tanta verbosidade suscita- o primeiro punto que calquera protocolo ético e político debe contemplar. E rápido, porque xa está ben de marear a perdiz e de que os que máis deben actuar respecto diso, os xuíces e fiscais, teñan as mans atadas ou limitadas para protocolizar actuacións adecuadas en tempo e forma.


Tal como está o poder xudicial, con procedementos que ao dicir dun dos seus representantes máis relevantes, están feitos para os “roubagaliñas”, é moi probable que neste mesmo momento se estean desenvolvendo novas artimañas para que os ladróns poderosos, que tanto insultan aos que teñen que traballar duro para dispoñer do indispensable para vivir, sigan medrando a conta do ben común da comunidade. E tal como está o pasado de moitas institucións, cuxo pasado foi ocultado, ignorado ou terxiversado sistemáticamente -coma se de coutos pechados se tratase-, tampouco o coñecemento de latrocinios e desmáns co público será ben recoñecido cando se siga producindo no presente. Neste sentido, é unha mágoa dicilo como historiador -pero o mesmo cabería que o dixesen os xornalistas no seu labor de informar responsablemente-, é preciso que moitos arquivos de documentación imprescindible para que todos saibamos a que aternos e non chamen “investigación” a canto queiran coarnos interesadamente, non estea ben regulado. Cada vez que salta un destes casos -como agora mesmo a xestión torticeira en tantos concellos e algunhas comunidades-, un sabe que iso dos segredos de Estado e das “reservas” de información sensible é un mal recurso para ocultar o que todos debemos saber: en que se gasta o noso diñeiro. Regúlese esta cuestión nesas medidas de transparencia que tanto lume queren apagar nestes días de revelacións incompletas, e teremos un pouco máis de saúde democrática.


Temas: Corrupción, Protocolos de actuación, Ébola, Tarxetas negras, Segredos de Estado, Actuacións ministeriales, Educación, Sanidade, Información pública, Ignorancia, Restitución, Orzamentos do Estado, Déficit público.


Manuel Menor Currás
Madrid, 04/11/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario