A opinión dos docentes...non conta?

25 ene 2016

Tamén no sistema educativo existen a violencia e a desigualdade



O “Non aturo ir ao colexio” que deixou tras si o último suicidio escolar non se borra cun telefoniño. Require actuacións que afectan a moitas pautas de conduta establecidas.

As posicións tácticas de Rajoy e demais posibles candidatos a presidir o Goberno déixannos cada día máis confusos. Todo segue case igual que o día despois do 20-D e canto máis xesticulan uns e outros, menos vemos. Os opinantes profesionais teñen amplo percorrido para xogar coas elasticidades da aritmética parlamentaria. Mentres, os problemas do día a día van podrecendo, non volvemos ás urnas e repítennos persuasivos : “Diálogo”, en boca dos que practicaron unha sistemática política de terra queimada na súa contorna e, sobre todo, “Estabilidade”, para ver se todo segue deitado cara ao mesmo lado.


As anteolleiras do natural


Haberá quen teña morriña polo que foi o “Plan de estabilidade” de 1959, pero non é recomendable. Ningunha das leis educativas que seguiron foi capaz de poñer suficiente atención aos problemas centrais que seguiron afectando ao sistema educativo: sempre veu outra que dicía que ía mellorar o que había, para renovar ao pouco tempo a necesidade de volver reformar -ou contrarreformar- o precedente. No sistema de estabilidade que agora se busca, as reformas estruturais de que se fala levan implícita a desatención programada cara a cantos poidan queixarse, de modo que o “natural” seguirá sendo que a educación dos españois siga como ata agora. Cunha chisca de “diálogo” que sosteña a aparencia de preocupación, tratarase de manter o ritmo existente, de maior distinción para un 35% mentres crece o deterioro do ensino do outro 65%. O negocio espera que os máis descontentos deste segundo grupo, e con posibilidade de hipotecarse, se pasen ao primeiro por desesperación ou desencanto. Tan estable é xa esta perspectiva que apenas se modificou o que, en 1900, escribía o que foi primeiro ministro de Educación, Antonio García-Álix: “A liberdade de ensino no noso país converteuse nun censurable mercantilismo”.


Este bobo retroprogresismo é sacudido de cando en vez por imponderables, pero pronto volve todo ça súa parsimonia inmutable. O suicidio de Yokin Ceberio en setembro de 2004 removeu estas tranquilas augas. Volveu intermitentemente o revuelo e, coas modalidades de acoso ciberntico en alza, este espectro de variacións que poñen en risco a vida dos nosos adolescentes vai camiño de converterse en rutineira estatística. Non é moi tranquilizador agregala á derivada de situacións problemáticas para a infancia, como a da pobreza infantil tan denunciada por institucións solventes como Save the Children ou Cáritas, ou ás que o Consello do Poder Xudicial pode deducir das situacións familiares distorsionadoras do san crecemento dos nosos nenos e nenas. As conclusións poden ser alarmantes.

Pouco auxilio pode atoparse, doutra banda, na cultura que arrastramos de atrás en colexios, barrios, cuarteis e ata universidades, onde abundaron as exaltacións ao máis forte da manda ou ao máis gracioso. Rirse e pasalo ben sen machucar a alguén ou sometelo ao capricho de “inocentes” novatadas foi pouco divertido. A graza case sempre estivo en que os minorizados, tivesen que mostrar inferioridade e submisión. Poucas e poucos son os que non tiveron que convivir con modalidades microfascistas de falsa cohabitación, máis duras canto máis pechado fose o seu ambiente vital.

Para as últimas xeracións, moitos hábitos foron distintos, aínda que non necesariamente mellores. Os problemas agroman por outros linderos se se baixa a garda. Algunhas asepsias, aparentemente boas e mesmo prestixiadas no tratamento dos pequenos, non o son tanto cando non facilitan que a convivencia e desenvolvemento persoal se vaian afinando co rozamento continuo das diferenzas. Os colexios e institutos -o papel de mestres e profesores- serían á súa vez pouco fiables se continuasen sendo estritamente fieis ao que lles era esixible hai cincuenta anos. A complexidade de tarefas e obrigacións educadoras que profesionalmente deberon asumir fíxose moito máis complexa e máis difícil. Require, por tanto, moito mellor recoñecemento, acreditación e preparación. E se non é así é que fallan cousas principais na nosa vida colectiva.

Non aturo ir ao colexio”
Diego, o neno de once anos que acaba de suicidarse, déixanos un urxente legado: “NON ATURO IR AO COLEXIO”. Á marxe do que ditamine a investigación xudicial, pon en cuestión non só os protocolos administrativos senón tamén o concepto de educación en que andamos embarcados á altura de 2016. Malo será que se conclúa que houbo acoso escolar, como parece requirir a demanda dos pais. E peor aínda se o problema que se descubra é o dunha persistente desigualdade desatendida, incrustada nas pautas habituais do quefacer cotián como algo banal e anódino.

Con este tipo de problemas escolares sucede como coa violencia de xénero. Case todo procede da nosa ignorancia máis ou menos culpable, de non recoñecemento de violencias estruturais que están aí de contino sen que lles fagamos caso. Parécennos “normais”. Non nos enfadan nin alporizan. Criámonos con elas coma se a natureza nolas dese. Se de engadido formamos parte do grupo ou facción dominante, que non tivo especial problema para sentirse recoñecido polos demais, moi difícil será advertir nada inconveniente salvo que, por azarosa casualidade, nos vexamos atrapados no despropósito. O máis probable é actuar segundo as pautas do que está ben visto, co mesmo humor, xestos e palabras, que cantos -ás veces- dicimos que son machistas, abusóns, discriminadores, chantaxistas e señoritos aproveitados. Esta androcéntrica maneira de mirar o mundo desde o embigo é moi admirada, ademais, cando se ten, de engadido, posición privilexiada na vida económica e social. Por máis crise que haxa, esta minoría selecta non se decata e aínda crece máis a súa distinción respecto de todo o resto do persoal xunto. Co agravante de que esta asimetría en aumento permítelles publicitadas formas de benevolencia cara aos servos, obrigados implicitamente a recoñecelas. Loxicamente, os que miran o mundo desde abaixo son os únicos que teñen clara esta ideoloxía da desigualdade. A pouco conscientes que sexan, non aceptarán a inxustiza da “excelencia” que se lles quere impoñer.

Un telefoniño ou outra escola

Os profes parecen doerse de que un mozo brillante e de boas notas decidise deixar este mundo. Coma se esa fose a función da educación. E aí reside o gran problema do sistema educativo, da escola, institutos e colexios. Que educación promoven, que tipo de convivencia desenvolven, que personalidades de cidadáns prefiren. Como promoven e traballan, por tanto, para que as relacións humanas sexan menos desiguais de partida e permitan a todos a posibilidade de desenvolver as súas capacidades sen servilismos. Visto desde este ángulo, o testamento de Diego debería queimarnos a todos por non estar á altura. A reacción tecnocrática de Méndez de Vigo, co telefoniño de queixas, parece unha tirita para unha metástase de gran calibre. Máis vale iso que nada, pero ben podía dedicarse a traballar con outra seriedade por que os dereitos de todo rapaz fosen respectados ao máximo. A función do sistema educativo e a súa obrigatoriedade parece que deberíancentrarse en xerar ambientes cálidos onde poidan sentirse acollidos, e en evitar que os máis se vexan absolutamente estraños.

TEMAS: Acoso escolar. Sistema educativo. Desigualdade educativa. Excelencia. Calidade educativa. Microfascismos. Estabilidade. Diálogo.

Manuel Menor Currás
Madrid, 23/01/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario