A opinión dos docentes...non conta?

30 ago 2016

O xardín de Wert e a educación clasista

Fernando Salgado
Publicado en La Voz de Galicia o 30.08.2016

Rajoy fíxolle un fabuloso agasallo de voda a José Ignacio Wert: unha embaixada e un pisiño en París -500 metros cadrados na Avenue de Foch- para a súa prácida lúa de mel. Margallo, encargado do mantemento de embaixadas, acaba de destinar 775.000 euros para coidar os xardíns da parella. Nada teño que obxectar a tales agasallos. Moito menos desde que o tándem Rajoy-Rivera redefiniu o concepto de corrupción: unha cousa -punible- é «meter a man na caixa» e outra -perdoable- a «mala praxe». Esta última, a feixes, é unha noción subxectiva: o que algún quisquilloso considera dispendio e «mala praxe», a outros nos parece un agasallo merecido. Depende do cristal con que se mira.
Wert tiña sobrados méritos para acceder ao exilio dourado. Foi un auténtico buldócer na demolición da educación pública. Subía taxas académicas e suprimía bolsas e profesores como un poseso. En só cinco meses do 2012 rebaixou o gasto educativo en 4.886 millóns de euros: recortou unha media de mil millóns por mes, como lle recordaba un deputado. Facíao «con sufrimento e pesar», así consta no Diario de sesións, e como «resposta excepcional a unhas circunstancias excepcionais». E, sobre todo, co fin supremo de domesticar o déficit público que Zapatero  desbocara.
Wert ostenta tamén un mérito que ata agora non lle foi recoñecido: o seu denodado empeño en privatizar a educación. Mentres que os recursos do sistema público diminuíron un 18,4 % durante o período de austeridade, as subvencións públicas aos centros concertados ou integramente privados mantivéronse ou aumentaron. Adelgazou o ensino público e engordou o ensino privado. España é xa, despois de Bélxica, o país europeo con menos alumnos en aulas públicas. En Europa, nove de cada dez escolares acoden a centros públicos; en España, só sete de cada dez. A Igrexa, patróns laicos e ultimamente algúns fondos de investimento xa controlan un terzo dos alumnos. A educación vólvese cada vez máis clasista e a igualdade de oportunidades, un conto chinés. Para mostra, un botón: o 72 % de todos os ministros da democracia estudaron en colexios privados ou subvencionados.
Pero Wert -fagámoslle xustiza- só era un mandado que cumpría ordes. Tal foi o seu esmero que, ademais de facerse merecedor das prebendas de París, sentou cátedra. Hoxe mesmo, Rajoy e o seu escudeiro Rivera avogarán no Parlamento por continuar o seu exemplo. Farano cando expliquen esta perla entresacada das súas 150 medidas capitais: «Continuaremos apoiando o sistema de concertos educativos en apoio da educación pública». Xa saben: a educación pública apóiase insuflando máis diñeiro -público, claro- aos centros privados. Nin Cervantes o diría mellor. Comprenden agora por que me encantaría que tamén Rajoy fose obsequiado cunha embaixada, un niniño de amor e un xardín rebosante de gardenias allende os Pireneos?

No hay comentarios:

Publicar un comentario