A opinión dos docentes...non conta?

7 nov 2016

O "diálogo" de Méndez de Vigo pode abortar antes dun "pacto educativo"


O continuismo de Rajoy non lle propicia un clima favorable. A LOMCE, o Estatuto da Función Pública Docente e os Orzamentos poden seguir patrocinando a marxinalidade da educación pública.

Unha vez coñecidas as novas caras do Executivo, desde as 18,30 hs. do día 04.11.2016, o máis destacable do panorama que, para “afrontar as reformas que necesita España” volve presidir Rajoy, vai ser o continuismo. É o que corresponde ao seu discurso de investidura e á traxectoria política dos seus últimos cinco anos. A mobilidade inmóbil é, con todo, unha teoría que se compadece mal co “diálogo” que, se desexa permanecer un razoable tempo adicional na Moncloa, ha de exercitar no que dure esta XII Lexislatura. Na práctica, este estilo de esperar a que escampe, tan dalgúns galaicos, vén ser similar ao lampedusiano afán de que todo cambie para que todo siga igual (O Gatopardo, 1954). Máis do mesmo: puro conservadurismo para unha maioría de españois.


“Isto non é unha pipa”

Xa é mal agoiro que se fale de “diálogo” de mala gana, como un mal necesario que viñese dado polo adverso de non dispoñer de maioría absoluta no Congreso, e non como algo que vai de seu no xeito de entender as relacións políticas dos humanos: “O home é por natureza -dicía Aristóteles- un animal cívico” A razón de que o home sexa un ser social, máis que calquera abella e que calquera outro animal gregario, é clara”: só o home, entre os animais, posúe a palabra. A voz é unha indicación da dor e do pracer, por iso téñena tamén os outros animais. En cambio, a palabra existe para manifestar o conveniente e o daniño, así como o xusto e o inxusto. E isto é o propio dos humanos fronte aos demais animais: posuír, de modo exclusivo, o sentido do bo e do malo, o xusto e o inxusto, e as demais apreciacións. A participación comunitaria nestas funda a casa familiar e a cidade” (A Política, I, 2).

Por natureza, pois, a convivencia cívica sería, segundo o filósofo de Estaxira, anterior a cada un de nós, e a capacidade funcional de falar e dialogar constituiría a súa razón de ser fundamental. Pero si esta actividade parlante deixa de existir, falar de “diálogo” é máis propio de selectos autosuficientes, e non dos que necesitan vivir en sociedade como membros da Polis. Razonamento este que, se se aplicase ao que viñeron a ser os cinco anos últimos de gobernación de España, fai máis intelixibles os motivos que levaron a Rajoy a decidir coma se as maiorías absolutas lle conferisen razón e, ademais, a enorme dificultade que, por falta de hábito, vai ter para adaptarse agora ás razóns dos outros. Indirectamente, esa neglixente falta de práctica explicaría boa parte da indiferenza, desesperanza e desazón que a vida política suscita na cidadanía actual. Especialmente, cando a lealdade ao ben común saltou polo aire e, no seu lugar, primou un excesivo abandono da palabra dada.
Problema adicional a superar polos chamados a “dialogar” nesta Lexislatura para non incurrer en reiterada xordeira, é que de “diálogo” non é a primeira vez que falan os que agora insisten tanto en “dialogar”. A desconfianza que suscitan fará moi dubidoso que vaia a ser esta una das claves de canto vaia a suceder en diante. Foi unha das palabras que máis instrumentalizou o PP na etapa anterior de Goberno e sucédelle o mesmo que ao término “calidade” que, tal como o aplicaron á educación, torceu o seu valor semántico orixinal: desde 1998, empregárono para erosionar o que o ensino público conseguira nos últimos 30 anos. Esta reutilización da linguaxe a conveniencia, está en plena sintonía coa hipocrisía dos sofistas e coa ambigüidade surrealista. René Magritte -hoxe revisitable no Centro Pompidou- representouno en varios iconas gráficas coa inscripción: Ceci n´est pas une pipe, dentro da serie que titulou A traizón das imaxes (1928-29). En todo caso, o alcance real do que por “diálogo” estean agora dispostos a entender accidentalmente, ata admitir que outros poidan ter tanta ou máis razón que eles, pronto será sometido a avaliación en asuntos como Orzamentos xerais, Pensións, Emprego e traballo, Déficit público ou novos recortes nas distintas prestacións estatais de signo social. Aí fixarase o nivel de entendemento deste agora tan invocado “diálogo”, e se non é outra ocasión estratéxica para tirar pedras acusatorias aos demais.

O diálogo de “os uns”

Íñigo Méndez de Vigo será un dos máis chamados a “falar, dialogar e pactar”, pois a Rajoy, aínda que moi satisfeito con proclamar o moi exitosas que sexan as súas leis e “reformas” anteriores -que por iso haberían de profundarse-, a da LOMCE non lle debeu satisfacer demasiado. Fai ano e medio encargoulle a este renovado ministro de Educación e Cultura que lavase a cara ao que lexislara Ignacio Wert. O ser diplomáico e, ao parecer, “amable”, pódelle vir ben para o outro encargo da Portavocía do Goberno. Si, ademais, adubíao con algunhas doses de humor -como este primeiro venres pasado-, poida que colleite algún éxito.


No entanto, nestoutra tarefa non basta con iso. Tampouco con meros anuncios publicitarios como o do “Pacto educativo” que intentou modelar desde que Wert fora de embaixador ante os amos da educación globalizada, a OCDE e PISA: unha especie de vacacións pagas en París. Os distintos interlocutores que foi chamando desde xuño para ir preparando o ambiente xa lle deixaron o encargo dos deberes que implicaba dialogar neste asunto. Entre outros, a reversión dos recortes educativos executados especialmente desde 2011 e, por suposto, a derrogación da LOMCE, amais diso outros coidados á escola e universidade públicas. Pois ben, de entrada, o Decreto de Reválidas do pasado 29 de xullo é cousa súa e, entre o que el di e di Rajoy a fin de suavizar esta selectiva cuestión estratéxica, hai tal distorsión que non evitou a primeira gran folga deste curso académico.

É máis, algúns dos seus interlocutores suscitáronlle ampliar privilexiadas bonificacións, e na fotografía correspondente aparece moi risoño, probablemente para indicarlles a súa connivencia. Ao cabo, o círculo do CEU en que este ministro se moveu da man de Marcelino Oreja Aguirre -o dos Acordos Co Vaticano en xaneiro de 1979-, propiciaron desde as súas orixes un peculiar xeito de entender a “liberdade de ensino”. Doutra banda, a posición preferente que lle deu ao profesor José Antonio Marina, coas súas predileccións abondo coñecidas e máis despois da súa “carta ao novo ministro ou ministra de educación” do día dous de novembro-, non é unha boa praxe. Ninguén ignora que está vinculado á Universidade privada Antonio de Nebrija, e máis ocupado en impulsar unha Universidade de Pais on-line que en detentar unha representación parlamentaria adecuada para asuntos de tanta relevancia social. Ata o momento, esta iniciativa só contribuíu a sentar un mal precedente de partida: con cartas marcadas e prepotencia indebida, será difícil o acordo que se necesita para que un “pacto educativo” e un Estatuto da Función Pública Docente poidan ter consistencia. En xuño pasado, T.E., de FE-CCOO, xa advertía, á propósito dunha suposta “Sociedade Civil para o Debate”, que o arbitrismo te nlonga tradición entre nós.

Sen dúbida, as competencias do oficio diplomático que, como corresponde a un aristócrata con certa prosapia poida ter Íñigo Méndez de Vigo, viranlle moi ben. Pero se a substancia do que poida acordar en “diálogo” segue baleira de contido e as formas son deficitarias ab ovo, o suposto proceso que ha de conducir para que nun prazo de seis meses se poida formular un pacto Educativo, quedarase en fofo despropósito, máis oco canto máis riseiro se mostre e nas súas comparecencias públicas, que serán moitas. Non é fácil e non o ten fácil. Antes de que fose nomeado substituto de Wert, ninguén apostaba por que fose experto en asuntos educativos. Tampouco hai constancia de que estivese comprometido ou polo menos crese nunha educación de todos e para todos, en igualdade e sen privilexios subvencionados.


E “os outros”

En todo “diálogo”, hai os uns e os outros. A marxe de manobra, neste caso, non é moita se se teñen en conta os antecedentes dos que agora mentan algo máis “o diálogo”. E tampouco se cantos se presten á parafernalia que se poña en marcha, non se quitan de encima os malos recordos, especialmente na etapa de Aguirre á fronte de Educación e, sobre todo, cando lle tocou a Gabilondo, en que por conveniencias peperas non houbo acordo. Ou non logran sacudirse os momentos significativos destes últimos anos, en que a calada por resposta ou o desprezo acompañaron a cantos trataron de facer oír a súa voz discordante ás altas instancias do Ministerio ou ás Consellerías de moitas Comunidades Autónomas. Quedan aí aínda non poucas malas artes queborrar, falsos argumentarios contra os opoñentes, consignas pagadas con diñeiro público para soster en Internet unha adulterada imaxe de prestixio, xunto a un manifesto desprezo ás súas plataformas reivindicativas.

Novidade nada secundaria será, de todos os xeitos, poder seguir o grado de “responsabilidade” que, malia mimbres tan endebles, estean obrigados ou dispostos a ter “os outros”; polo menos, os once parlamentarios precisos para que a aritmética do voto saia compasada ao que foi a investidura de Rajoy. Ser interlocutor distintivo do PP nas circunstancias actuais será un problema especial para os activos de que poida dispoñer o PSOE dispostos a defender unha verdadeira oposición socialista. Supoñeralles un reto non só interno, senón tamén ante os que poidan interpretar os seus xestos como renovado compromiso social ou, simplemente, como coxuntural corresponsabilidade política con alleos intereses. Pode, en fin, que a posición endeble do PSOE facilite a tarefa ao IX Barón de Claret de quedar ben ante os medios, tan necesitados como están de felices encontros, pero non é arrendable a ganancia. E todo pode quedar peor que está se este “diálogo” se reduce a cambios epidérmicos. Coa ineludible responsabilidade de que non atender a educación en profundidade acrecentará a gravidade doutros moitos problemas que temos enriba.

TEMAS: XII LEXISLATURA. Gobernabilidade. Diálogo. Corresponsabilidade política. PP. PSOE. Rajoy. Méndez de Vigo.

Manuel Menor Currás
Madrid, 06.11.2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario