A opinión dos docentes...non conta?

20 feb 2018

Volve a moral do aforro como solución dos graves problemas sociais


Rajoy e o seu Goberno intentan desviar a nosa atención do seu desinterese polas prestacións do Estado de Benestar. Como no século XIX, cargan a responsabilidade exclusivamente sobre os asalariados.

Consciente ou non, Rajoy xa nos reeduca ao sincerarse -desde os tópicos do seu suposto “sentido común”- sobre do presente e futuro do Estado de benestar. No Foro ABC, e baixo patrocinio de Deloitte -empresa quenon se decatou de qué ía a dirección de Cajamadrid e as súas tarxetas opacas- pediulles aos españois aforro para complementar pensións e educación. Curiosamente, ademais, ligouno a unha suposta situación de bonanza: “agora que as cousas van ben é momento de ser previsores”, tomando como deber “incentivar que o aforro pense no longo prazo”. E co pensamento posto en que os aforradores practiquen a moral do aforro cunha orientación finalista: “como complemento da pensión pública pero tamén doutros plans vitais, como a educación dos fillos, un proxecto persoal ou superar calquera revés que nos pode traer a vida”. Non podía faltar neste caso, como noutros das contrarreformas conservadoras, o apoio no consello da OCDE, co seu ranking ao parecer bastante malo nisto do aforro a longo prazo, similar ao que provocan sempre as recomendacións a conveniencia que provocan os seus Informes PISA desde 2002 sobre educación: todo é bo para o convento da economía neoliberal.

O revival do aforro

Exactamente igual e con idéntico razoamento previsor expresáronse as variantes do liberalismo decimonónico español respecto ao aforro que debía procurar todo asalariado se quería subvenir a calquera dos imprevistos que a vida lles traer e, en particular, a vellez. O aforro que fixese ao longo de toda a súa vida laboral -no caso de que a tivese- era o único subsidio de que podía botar man. O que puidese vir doutros, mediante caridade ou beneficencia, ben explicou Concepción Arenal que era insuficiente, a máis diso discriminatorio. En torno á moral do aforro e a previsión xestouse por tal motivo “unha vez que foi evidente que os problemas dos pobres crecían en alcance político- unha dinámica educativa moralizante de grandes proporcións en que participaron a burguesía, a aristocracia e a Igrexa. Ese peculiar xeito de atender á “cuestión social” “como chamaron ás demandas que os obreiros urbanos empezaban a suscitar a unha sociedade autosatisfeita, utilizou todo tipo de medios para estender a mensaxe: libros devocionais, lecturas escolares, leccións de economía doméstica, contos exemplarizantes como o de “A camisa do home feliz” e, ata, máis dunha canción pegañenta. Pola súa banda, as Caixas de Aforro, que en España empezaran a súa andaina en 1835 (Orde de 03.04) a imitación doutros países, tiveron nas voces da sociedade aburguesada unha extraordinaria propaganda. Poucas deixaron traslucir unha visión crítica. Rajoy -ou quen o aconsellou- tampouco. Sexan ou non conscientes da deslealdade cos aforradores de moitos xestores do “benéfico” aforro, volven a que que o Estado aforre -a conta deses recursos- o que en prestacións ben xestionadas desde os orzamentos xerais debía gozar a clase traballadora.

Mesonero Romanos, promotor da idea moral do aforro e das súas Caixas, xa albiscou o atractivo negocio que era, de nulo risco para supostos benefactores, a xestión do aforrado polos asalariados. En 1880 (Art. 4 da Lei de 29 de xuño), dentro dun reformismo de baixo custo, a moral e a práctica do aforro chegaron, ata, á escola. Como adoutrinamento, non só moral senón tamén operativo, volvería repetirse tal presenza en 1911, nesta ocasión como proposta do incipiente Instituto Nacional de Previsión ou, segundo nomenclatura da época, unha “previsión de segundo grao” orientada ao retiro laboral. Sete anos máis tarde, en 1919, repetiríase de novo a instancia a que o aforro escolar difundise o aforro, nesta ocasión, con carácter obrigatorio para escolas e mestres, nos ambientes familiares a través do alumnado. Andando os anos, e dada a lentitude que tiña o número de obreiros que se adscribían á previsión da súa xubilación, aínda no art. 8 da lei de Educación Primaria de1945 volveríase a insistir de novo na obrigatoriedade que tiñan as escolas de fomentar, entre os “hábitos sociais adecuados”, “aos alumnos no aforro, a previsión e o mutualismo”. As catro disposicións comparten unha persistente confianza no poder simbólico -e práctico do aforro-, similares expectativas e instrumentos parecidos. O discurso de Rajoy recupéraa, coma se non tratase de reemprazar con tan barato remedio as políticas sociais, e nada pasase nestes 73 anos últimos.

Sacrosanta propiedade privada

Este sistema moralizador partía de varios supostos. Por unha banda, a sacralización do dereito de propiedade, intocable ata o punto de que nin lexislación de expropiación por razóns de utilidade común existiu durante moito tempo. A teoría económica clásica recoñecíalle máis valor que o que lle concedeu Tomás de Aquino en plena Idade Media e, en 1891, cando León XIII tratou da situación social, fíxoo de maneira que, mentres no seu modo de dirixirse aos propietarios donos dos empregos se mostrou moi comedido, deferente e circunspecto, nas mensaxes que dirixe aos asalariados, dependentes daqueles, perde a moderación, dadas as formas de desenvolvemento que, a esas alturas, cobrara o movemento obreiro, supostamente contra a orde vixente. As primeiras páxinas da Rerum novarum son especialmente significativas nese sentido, como o é así mesmo o ofrecemeentos que lle fai aos poderes económicos e políticos de que a Igrexa intermedie na xestión dos arranxos que -na tradición da caridade, pero non da xustiza social- haberían de solucionar os conflitos entre as dúas grandes clases sociais, a burguesía propietaria e os traballadores, únicamente donos -e non moito- da súa capacidade laboral dentro dun panorama de libre concorrencia e sen protección legal ningunha.

Esa sacralización da propiedade dentro do funcionamento económico e social, xa estaba posta en cuestión para entón. O realismo literario -o de Zola por exemplo- denunciouna en sucesivas novelas; a intelectualidade socialista viña fixando nela as súas críticas máis profundas, especialmente desde 1948, e, ata dentro da propia Igrexa católica, había grupos proclives a moita máis radicalidade no seu posicionamiento. Pero fora sobre todo desde a vertente política que se desestabilizou o ben pensar: fundamentais foran as decisións de Bismarck na década de 1880, en plena fase de unificación de Alemaña. Para reducir a atención que suscitaba o socialismo entre os traballadores -e para frear a pretensión de superioridade das igrexas fronte ao Estado prusiano-, sentou as bases do Estado de benestar. En 1883, creou o Seguro da Saúde dos Traballadores con recursos para subsistir en caso de enfermidade; en 1884, o Seguro de Accidentes, para axudar aos lesionados no traballo; e, en 1889, o Seguro de Invalidez, que tiña especial incidencia na vellez.

Todo iso implicou detraer recursos tradicionalmente pertencentes aos propietarios das empresas, limitou o seu dereito exclusivo de propiedade sobre o valor producido polo traballador, pero contribuía á estabilidade ou “seguridade social”. A solución, estraña para os prohomes do noso país, fixo que na Real Academia de Ciencias Morais e Políticas houbese un pequeno terremoto. Melchor Salvá, nun debate sobre os límites da propiedade, confesou as súas dúbidas ante aquel intervencionismo estatal que tamén aquí se abriría camiño, aínda que moi lentamente a partir de que en 1883 se crease a Comisión de Reformas Sociais:
“Debe concedérselles aos obreiros ese dereito de obter auxilios no caso de que a concorrencia non lles ofreza traballo, e tamén na ancianidade, ou cando lles impidan traballar os accidentes da fábrica”

Estado mínimo e escola ínfima

Naquel Estado mínimo -propiedade dos poucos homes con dereito a voto antes de 1890- a difusión do aforro, que debía substituír a ausencia de leis sociais que atendesen os inevitables problemas vitais e laborais, fiouse a unhas ínfimas escolas, ás que poucos nenos e menos nenas asistían. Mariano Carderera, prestixioso pedagogo da época, anotaría na terceira edición do seu Dicionario da Educación a súa perspectiva reacia a esta medida. Entre outras razóns, pola conveniencia de “quen se empeñan en encomendar á escola, e á pobre escola popular, a curación de todos os males”. A escola -dicía- “non é omnipotente; é só un factor na nosa vida social, un factor cuxo exercicio dificultan, á vez que lle impoñen tarefas a que están obrigados outros factores”. Por exemplo, que os salarios dos traballadores apenas lles chegasen a moitos para satisfacer as súas propias necesidades alimenticias, razón pola que era obrigado na maioría de familias obreiras que mulleres e nenos traballasen para remediar a deficiencia. E por tal motivo, cando a Comisión de Reformas Sociais lle pide a opinión sobre o aforro aos obreiros, un dos informantes, argumentando fronte aos que culpaban á clase obreira por ter poucos ou nulos aforros, dicía en xaneiro de 1885:
“Como ha de telos se é materialmente imposible? Eu, estudándome a min mesmo, vexo que levo trinta e seis anos traballando, e non puiden facer outra cousa que vestir, comer, pagar a habitación e vestir como puiden aos meus fillos. Eu non gañei xamais, desde que tiña trinta anos, menos de seis pesetas, e non puiden ter nunca aforros, malia que non fumei e non teño gastos, porque á taberna tampouco entro. Non pidades a eses seres que aforren, porque non poden”.

Rajoy e o seu Goberno non mostran inclinación algunha por esa historia dos nosos antepasados, nin piden desculpas por unha xestión tan atrabiliaria do aforro popular como tocou vivir a tantos cidadáns. Volven sen máis ao vello discurso de que as prestacións sociais as paguen individualmente cada cal. Ignoran o que supuxo en Europa a creación do Estado de Benestar e o seu bo funcionamento entre os anos 45 e 73 que era a envexa dos nosos emigrantes de entón? Tampouco lles importa que, en España fose moi tardíamente, nos anos oitenta, cando se logrou alcanzar -moi mediatizado- un nivel de recoñecemento relativamente homologable en canto a dereitos e prestacións sociais que os nosos veciños habían ter durante aqueles 30 anos “gloriosos”?. Era unha chapuza, pero cren que, con que, por exemplo, a lenta escolarización total ata os 14 anos se logrou entre 1964 e 1989 xa fora suficiente; levaron moi mal que a UE pedise en1990 que había que ampliala ata os 16. Pouco se preocuparon, en consecuencia, de que aquela homoxeneización escolarizadora ampliada leve a que moitos nenos e nenas ao abandono escolar temperán ou ao fracaso escolar. Xa estaba ben con que houbesen ter acceso a unha escolarización improvisada, aínda que só fose aceptable para unha selección pouco ou nada democrática: coma se a escolarización conlevara a equidade educativa. Igual sucedeu coas improvisacións continuas na Seguridade Social, logo dunha inmensa lentitude na súa aplicación, a partir da creación do INP o 27.02.1908 Non é a Lei 26/ de 1985, coas súas medidas urxentes pola racionalización daestrutura e acción protectora da Seguridade Social -impopular ata chegar a unha folga xeral en xuño dese ano polo endurecemento que supuxo para moitos e moitas traballadoras- a que a estendeu a todos os españois? E non foi dous anos máis tarde que a fraxilidade das pensións achaiou o camiño para a súa privatización e xestión por bancos e empresas?

O futuro que xa estamos facendo

O futuro daquelas mediocres aproximacións ao estado de Benestar que habían ter os europeos non necesitou propiamente da caída do Muro berlinés en 1990, causante da ampliación desa fenda ao neoliberalismo contrario a todo o público. Xa se estaba facendo coas reconversións industriais (1982), as reformas laborais (1984) e outras moitas que, aínda que supuxeron avances nalgunha carencia, tamén significaron a estabilización de solucións regresivas. A propia LODE e a LOXSE, en educación, foron obxecto de forte contestación por parte de expertos da socioloxía nos mesmos anos en que foron publicadas no Boletín Oficial do Estado.

Hoxe é o futuro de entón. Non é o que pasa o que máis importa senón o que ese pasar xa está facendo. Rajoy, encantado de estalo realizando de xeito máis descarado, completa aquelas contrarreformas cunha volta desvergonzada á disciplinaridade social do século XIX. A súa LOMCE é un gran símbolo da irrelevancia democratizadora da súa xestión elitista, reverente co poder. Aí están as denuncias dos sindicatos e cidadáns fartos de como “despois do paso deste bulldozer desde 2011- está quedando a Sanidade, as pensións, os salarios, a dependencia dos maiores, a atención á infancia, a violencia de xénero, a propiedade dos bens comúns do Estado ou a utilización clientelar dos orzamentos xerais. Os seus intentos de adozar o seu tránsito autocompracente e fachendoso polas institucións son patéticos. Se a suba do 0,25 % das pensións estalle estoupando na cara con misivas dos agraciados, o xogo co MIR educativo é unha expresión sarcástica do seu esforzo ímprobo para que todo quede moito peor e sen financiamento. Para mofa, a súa permanente creatividade co PIB nunca di a costa de quen vai ben. E para remate -cando Save the Children e moitos outros recordan como subsiste a pobreza, como se consolida a degradación de todo proxecto de igualdade, ou fenda salarial entre homes e mulleres- devólvenos ao programa de aforro dos nosos tataravós, cando nada do Estado de Benestar existía nin, menos, lei social ningunha que rexese as relacións duns con outros: só o Código Penal, para protección censitaria dos propietarios. Non estaría mal que, antes de que cheire máis a eleccións xerais -entre tanto cheiro a podrecido de tanto irresponsable-, decatásese, polo menos, do que un dos ilustres conservadores de outrora, Cánovas del Castillo, propugnaba no Ateneo madrileño, o 10.11.1890, a propósito de que a Economía política cedese o paso á Política económica: “Vaian, pois, concertadas, que é inevitable, a Economía política e a Moral na Política económica das nacións, baixo a inexcusable inspección do Estado, como boas compañeiras e para todo aquilo a que a caridade cristiá e o seu remedo, o altruismo, non abonden”.

Mellor irían este presente e o seu futuro se polo menos entendese que a disciplina aforradora que quere reintroducir como sistema de atención social xa suscitou agres contestacións de cantos se sentían fóra de xogo na sociedade hipócrita que aquel liberalismo doutrinario patrocinaba e que Galdós tan ben soubo retratar. Fronte a aquela cerrazón individualista, que se empeñaba en suplir con pedagoxía do aforro o que non quería facer políticamente, Pablo Iglesias Posse -o de Ferrol- xa explicara ante os comisionados de Reformas Sociais, o 11.01.1885, a imposibilidade de que o soño burgués dun aforro “benéfico” a costa dos asalariados fose a solución dos graves problemas que había:
Que queredes que aforre un desgraciado que gaña seis ou oito reais de xornal? [...]. Por contestar á pregunta da Comisión, eu direi que o aforro é imposible. Ademais, de qué servirían eses pequenos aforros coa crise que nos angustia? Se se sabe que o obreiro vive en déficit constante, que cando deixa unha peza de vestir é porque xa non serve para nada, como é posible que falen de aforro, sobre todo os que teñen o estómago quente e van ben vestidos?”.


TEMAS: Aforro. Estado mínimo. Estado de Benestar. Sanidade. Educación pública. Segregación social. Democratización educativa. Crise económica. Crise política. Pacto educativo. LOMCE.

Manuel Menor Currás
Madrid, 18.02.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario