Publicado no xornal La Region (25.02.2018)
Frutos Fernández González
A miña ignorancia sobre a maioría das cousas é supina. Non obstante,
hoxe escribirei sobre un tema no que esa ignorancia non pode ser total:
refírome á docencia. En vinte e catro anos de estudante, repartidos
entre unha escola, dous institutos e tres universidades, e corenta de
profesor, nunha universidade e en tres institutos, algo debín aprender
de todo iso. Así que, unha vez anunciada polo ministro do ramo a próxima
posta en marcha dun MIR para profesores, permítanme que escriba algo
sobre o acceso á función docente.
Cando eu rematei os estudos da miña primeira carreira, hai diso
corenta anos, un licenciado podía presentarse ás oposicións para
profesor; o único que se lle pedía a maiores era a realización do
chamado CAP (Curso de Aptitude Pedagóxica), que tiña unha duración de
seis meses e consistía nunhas poucas clases de pedagoxía e nunhas
cativas prácticas nun instituto. En xeral, os opositores considerabamos
aquel CAP unha perda de tempo, pero había que facelo e xa estaba;
ademais, apenas roubaba máis tempo có das clases e compaxinábase
facilmente coa preparación da oposición. Desde hai uns sete anos esíxese
o denominado máster do profesorado, dun ano enteiro de duración, moito
máis caro co antigo CAP e cunha esixencia de dedicación dos alumnos
incomparablemente maior. Pero o caso é que a maioría dos profesores que
se incorporan por esta vía á docencia transmítenme a mesma opinión sobre
este máster cá que nós tiñamos do CAP: que se trata dunha absoluta
perda de tempo.
Eu,
se queren que lles diga, xa supoñía algo así. En España, de hai uns
vinte e cinco anos para aquí, o principio do beneficio económico ocupa o
centro de tódolos intereses vitais, incluso en espazos onde non cabe
tal principio: caso dos bens públicos. Deste xeito, cando se fai algunha
proposta, sexa do tipo que sexa, e preséntese como se presente, o que
realmente impulsa as decisións, na maior parte dos casos, son os
intereses pecuniarios de determinados grupos de futuros beneficiados. E
todo o resto é secundario.
É falso que o problema da educación en España radique na formación
inicial do profesorado. O problema está dentro, na propia ordenación do
sistema educativo, que semella unha empresa con traballadores
cualificados pero que falla na organización. Por iso nunca cabe esperar
grandes resultados neste campo, e cando se produce algún é a pesar da
deficiente dirección.
Que significará ese novo MIR que agora se anuncia? Deixen que llo
diga: máis exames e penalidades para quen pretenda ser profesor, maior
retraso na idade de incorporación do profesorado a un traballo estable,
un bo negocio para todos os que participen da nova estrutura e ningunha
mellora substancial do sistema educativo...
Unha pregunta final: por
que non se copia o modelo de acceso dos xuíces: primeiro a oposición,
sen necesidade de máster, e logo a formación específica e práctica nunha
escola de profesores semellante á Escola Xudicial; algo parecido, por
certo, ó que se fai en países coma Francia ou Finlandia? Permítanme unha
resposta: non se fai porque iso significaría o remate dun gran negocio
para algúns!
No hay comentarios:
Publicar un comentario