A opinión dos docentes...non conta?

3 sept 2018

Ao Val dos Caídos chegoulle o cambio de hora


O cambio de fuso horario nin sintonizaba coa idea de Franco, nin reducía o gasto enerxético. Tampouco os usos da súa cripta se aveñen cun relato democrático.

O final do verán non é bo para o humor. Ao comezo doutro curso, entre que se deixou atrás unha vida supostamente “máis natural” e que reencontramos problemas que criamos esvaecidos, a ameaza de que se repitan borra a distancia imprescindible. No canto da ironía que suxire a coincidencia dos asuntos de Cuelgamuros co replantexamento do cambio horario e os seus propios desfases, tende a impoñerse a impotencia.

O uso que do pasado adoita facerse, alleo co acontecido e case sempre dependente do que nos malensinaron na escola, foi moi advertido por Luís Carandell: “máis que unha historia de feitos, era unha historia de heroes”. De Pelayo a Franco, de Isabel a Católica a Agustina de Aragón, evitaba canto puidese enturbar o redentor modelo imperial dos vencedores e saltábanse case todo o século XVIII e XIX para meterse de cheo na exaltación da santa Cruzada. “O amor a Deus e o amor á patria, -tal como nos eran contados aseguraba o autor de Celtiberia Show-, constituía o eixe da educación dos nenos daquela época” (Ver: Carandell, L., Las habas contadas, Espasa, 1998, pgs. 20-21).

Pero comeza o curso 2018-2019 e seguimos con aqueles andares. As páxinas que ocupou o Val dos Caídos todo o verán sen decaer, xunto ao devandito e rectificado en torno á futura dedicación dese espazo fúnebre, deron cancha a interpretacións de todo tipo, en que o menos relevante parecen xa as historias penosas que moitos tiveron que soportar e que os seus deudos aguantan, mentres a simplificación e a demagoxia copan o primeiro plano. Como case sempre no que incumbe ao noso pasado recente, para os equilibristas do término medio sempre hai problemas máis urxentes que resolver e non se deben “reabrir feridas”. Os máis teimudos lamentan que aquela historia triunfal non teña protexido o seu futuro. Outros estiman que a Igrexa -que custodiou aquel lugar co apoio de Patrimonio Nacional- debería frear este final, mentres a familia de quen mandou facer o mausoleo pon trabas.

Tan prolífica reacción ten máis de visceral que de racional e, aínda que debería terse atopado algunha solución para ese espazo, hoxe tampouco é mal momento para intentalo. O dramático é que,despois de 40 anos, este asunto siga producindo rachadura de vestiduras. Talvez non fose tanto se o que denunciou Fernando Hernández en: El bulldozer negro de Franco (Pasado &presente)
fose corrixido a tempo e a Historia que se ensina nos nosos centros educativos tivese outra calidade. Se segue igual -cando a tendencia é a que desapareza-, o seu valor para entender o presente será nulo.

O bulldozer negro

O arcaico non é caer na conta diso senón esquecer que xa está ocorrendo o que a metáfora do “bulldozer” suxire. O uso máis frecuente que xa ten a Historia é o que lle proporcionan conmemoracións oportunistas e o que lle dan moitos guías turísticos, que tampouco van á zaga. As primeiras pretenden asegurar o existente e que todo siga ben controlado, e as segundas que creza o fluxo de visitantes: non hai pobo que non se precie de ter unha igrexa, muralla, castelo ou monasterio “posto en valor”, e a todo turista -non ao viaxeiro ansioso de aprender- encántalle que lle adornen os seus selfies con relatos mitificados en que datas e personaxes teñan facultades propias da ficción cinematográfica. En ambas circunstancias, predomina o ronsel do que contaba a Historia de España contada con sencillez, que escribiu Pemán (1939) como modelo do que había que ensinar; o de menos é si o teatrero que se conta a -ou se representa con festas de inventadas tradicións- permiten coñecer o sentido do pasado. Nestas ocasións, as preguntas adoitan ser como nos concursos de TV, e tanto os libros conmemorativos como os guías de espazos museizados adoitan obviar outras cuestións. O peor é que xa é norma que, en moitos lugares -incluídos os escolares- perduran filtros do “esquecemento interesado”, como Emilio Castillejo estudou reiteradas veces analizando o que contan os libros de texto dos nosos fillos.

A piques de empezar outro curso académico, a pregunta pertinente é que historia van estudar os nosos fillos e se esta de o Val dos Caídos -sexan cales sexan os episodios que lle resten- serviralles para algo. Isto sería o irónico: que tan pregoado cambio non lles valese para nada.

TEMAS: Val dos Caídos. Historia actual. Libros de texto. Currículo escolar. Ensino da Historia.

Manuel Menor Currás
Madrid, 01.09.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario