A opinión dos docentes...non conta?

10 sept 2018

As ambigüidades e máis os acordos co Vaticano, pexan a Celáa


O curso 2018-2019 empeza con modificacións leves e inestables. A “concordia” de Casado e as apelacións de Carmen Calvo non son seguras.

En Educación, a ambigüidade segue presidindo a actividade do Goberno. Ao comezo deste curso académico, a referencia principal para ter en conta son as palabras de Celáa o 7 de xuño, á propósito do “respecto ao ensino concertado”, actitude a compaxinar co que había dixera, nada máis empezar no cargo, respecto da seu estima pola pública. En substancia, ese territorio conceptual apenas pasou de principios xenéricos, en principio distintos dos que viña esgrimindo a etapa de Méndez de Vigo, pero na práctica só concretados nun propósito de ampliar as becas e axudas ao estudo. Respecto das prometidas medidas correctoras do decreto dos recortes, en 2012, todo queda na práctica en mans das comunidades autónomas e para o curso próximo (no relativo a horas lectivas e ratios por aula). O profesorado só advertirá, neste, o sentido corrector daquelas medidas en canto ás súas baixas laborais.

No entanto, comunidades hai, como a de Castela A Mancha, que verán revertido, respecto da etapa Cospedal, o número de profesores ou as axudas para comedor. En Educación, non todo depende do Goberno central, e o que acontecerá en Galicia e Madrid explica mellor as tendencias do PP. En Galicia, apostan por ampliar a privatización: mentres crean 34 unidades na privada, suprimen 54 na pública, ademais de que sostén unhas taxas altas de precariedade de moitos dos seus propios docentes (destinos provisionais de interinos e bloqueo da anulación do incremento de horarios lectivos, contrariamente ao instado por Celáa). Na mesma onda, en Madrid andan reacios a explicar o reclamado por CCOO ante os tribunais, respecto dos aumentos de ratios nas aulas públicas de xeito desproporcionado e como práctica non excepcional. Por outra banda, xa era patente a vontade de Garrido por blindar o ensino concertado ante posibles revisionismos do Goberno Sánchez.

No sistema educativo pesan, por outra banda, cuestións previas como o sostemento dos Acordos co Vaticano, volveron a primeiro plano ao anunciarse o día catro que a Igrexa readmitía como profesora de relixión nun colexio público de Almería, logo de 17 anos, a Resurrección Galera. O bispado desa provincia aceptouno pese a que instara en 2001 a que se lle retirase o contrato por casar cun divorciado. Logo de tanto tempo, e de bastantes casos similares, as ataduras dos Acordos parecen ceder ante os dereitos laborais cidadáns. Queda, de todos os xeitos, treito longo para que se dobreguen outras reticencias que levan respecto de dereitos dos nenos e aos de todos os que teñen dereito a unha educación en igualdade. Por iso esta noticia recorda a da dura traxectoria do xenetista Luigi Cavalli Sforza por corroborar, antes de que existise a primeira secuencia do xenoma humano, que os primeiros homínidos deixaron o continente africano hai 100.000 anos para colonizar o planeta. Se desde sempre homes e mulleres se mesturan entre si e non existen as razas senón na mente dos racistas, quitaba razóns ao racismo. Ao mostrar que as canles principais da diversidade humana non son de índole xenética senón cultural, é o capital cultural o que explica a maior parte das distancias dunhas a outras poboacións e o aparente das súas diferenzas de fondo. Con todo, malia ao 85% de material xenético que segundo os xenetistas compartimos, temos os problemas de carácter racial discriminatorio que temos.

Calendario condicionado

As dificultades que afrontou o traballo de Sforza son de interese. Nos Acordos co Vaticano, o implícito -sustentado en paradigmas políticos antigos do Estado e do ben común, o “dereito natural” e outros constructos- é que han de renovarse e ampliarse de contino a conta das crenzas duns fronte ás doutros. Este elemento cultural diferencial, sostido e fortalecido con recursos do Estado, compromete os intereses prioritarios de todos nun ideario democrático común, o que sería razón sobrada para que tales Acordos fosen denunciados ou, cando menos, se revisase o alcance que teñen no sistema educativo. Pese a iso, a desigualdade que implican os Acordos parece que seguirá aí, notoriamente contraditoria para unha cidadanía que está lonxe de considerarse unánimemente crente e practicante. Non foi fácil para Sforza que se admitise a unicidade da familia humana e tampouco o será que os privilexios que outorga o Estado a moitos colexios concertados e á presenza da confesionalidade relixiosa no currículo escolar desaparezan.

No comezo deste curso, xa que logo, dubidosamente se clarificarán diversas ambigüidades previas á fraxilidad parlamentaria do PSOE e aos seus obstáculos para que o teito de gasto sexa o adecuado á mera reversión dos recortes efectuados estes anos. Cando os datos económicos de coxuntura -turismo e desemprego, sobre todo- mostran debilidade, probable é, ata, que, entre tacticismos de diverso calibre, pronto se impoña un novo calendario político.


TEMAS: Políticas educativas. Goberno/Comunidades autónomas. Acordos España-Vaticano. Igualdade. Democracia educativa.

Manuel Menor Currás
Madrid, 06.09.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario