A opinión dos docentes...non conta?

21 ene 2019

Casado&Socios son rancios, e máis sendo novos


En política está de moda a envoltura máis que o contido, mentres o votante non pense que lle pasa como á leña verde ou á mona do refrán.

O divino tesouro da mocidade é moi rendible para os donos do gran poder. Hoxe esta tendencia alcanza á política porque faino máis dúctil aos que gañaron experiencia en vender o de sempre como novidade incitante. O auxilio das redes sociais xoga ao seu favor. Ao narcisismo conxénito de gran parte das súas utilidades séntanlle ben os mozos e mozas novas con desenvoltura e boa presenza. A propensión ao autoengano medra e o demais non entra nese xogo de aparencias dos influencers: logo resulta pesado, anticuado e caduco.

En Europa

Nun panorama tan duro e inestable como o que aventuran o Brexit, Trump, Putin e outras trazas da política internacional, o xogo lixeiro e mordaz coa terminoloxía política e a fachenda de linguaxe desinhibida entraron no intercambio informativo dos media, con especial notoriedade nas gamas da dereita cuxos nativos dixitais copan xa postos relevantes. M. Le Pen acaba de presentar á fronte da súa lista para as eleccións europeas a Jordan Bardella, un mozo de 23 anos orixinario dun dos barrios humildes da periferia parisina. Sebastián Kurz, vienés de 32 anos e militante do Partido Popular Austríaco, é chanceler de Austria desde decembro de 2017. Non son unha excepción. No Bundestag alemán, Roman Müller-Böhm, militante do FDP (Partido Liberal ) ten 25 anos, e Gyde Jensen, do mesmo partido, ten 28. En Dinamarca, que en 2012 e 2013 foi proclamada pola ONU o pobo máis feliz do mundo -polo seu nivel de benestar social-, o singular é a moi nova traxectoria do PPD (Partido Popular), partido ultra e xenófobo que, fundado en 1995, controla a gobernabilidade do país e, hai pouco, aumentou o seu influxo combinando fortes restriccións á inmigración cunha política social atenta aos servizos públicos e o desemprego.

En España
A conxunción de persoas novas e formacións novísimas amosa unha mobilidade política que cambalea as vellas organizacións. Os acelerados cambios que impoñen a globalización e a informática -en permanente innovación competitiva-, fixeron que o anovamento tamén afecte a practicamente todos os partidos españois, acosadas polo pensamento máxico de poder gañarlle a partida aos malos resultados . Primeiro, e nesta orde, a Cidadáns (desde 2006), Podemos (2014), PSOE (2014) Esquerda Unida (2016), e PP (2018). Agora, o último é VOX, que acaba de irromper na política andaluza condicionándoa desde os acordos que asinou con PP e CS, e que, a curto prazo, é probable que faga o mesmo no resto do Estado.

É fenómeno moi vinculado ás organizacións xuvenís dos partidos, ocupadas en fomentar o emprendemento político entre cohortes de idade máis ben escépticas ao político. Para os seniors, son viveros de onde cooptar aos que mellor se fogueen ante os seus iguais sen perder fidelidade obediente aos principios fundantes da organización na súa versión máis próxima ás urxencias adaptativas que impoñan as cambiantes circunstancias. Pode verse no PP, que aparenta deste xeito ser alleo ás convulsións que lle ocasionaron os moitos casos de corrupción. O seu proceso de xuvenilización a partir das Primarias de xuño de 2018 puxo ante a opinión pública a dirixentes como Juan Manuel Moreno, de 40 anos, que acaba de acceder á Presidencia andaluza. O palentino Pablo Casado apenas hai sete meses que iniciou, con 39, a presidencia do seu partido, onde, entre outros ou outras, destacan -á calor do recentemente elixido para dirixir o neoconservadurismo- dúas mozas: Isabel Díaz Ayuso, corentañeira que optará ás eleccións de maio para a Comunidade de Madrid, e Andrea Levy, de 34 anos, vicepresidenta de Proxectos e Programas, unha das áreas de relevo na organización, desde onde pasará enseguida a algún posto executivo.

 "Banco de probas"?
O votante, con todo, non debería confundir rexuvecemento con modernidade; a reposición pode non pasar de eminente disfrace de continuidades obedientes. Doutro xeito, estes mozos e mozas non chegarían nunca a poder ser cooptados nin a ser elexibles. De feito, ese adestramento probado na obediencia é o que orienta as responsabilidades que están asumindo. Din, que Madrid e Andalucía van ser un “banco de probas” para os seus programas e políticas pero non cesan de airear as súas conexións orixinarias con Aznar, Aguirre e os seus adláteres. Os encargados do seu argumentario ata tenden a resucitar supostos prestixios de falecidos ou retirados da escena política por sospeitas impresentables.

Que esta “xuvenilidade”, unida á do CS e de VOX, nos queira gobernar con estes mimbres, non fala de innovación senón de cansina repetición. Os modelos de actuación que invoca -por moita aparencia que poida dar unha fisonomía nova ou un parloteo berrón- xa os experimentaron os seus ascendentes. O seu, máis que “banco de probas”, é terco abuso dos abundantes medios que teñen os seus patrocinadores para facer crer que o que quixeron facer os seus devanceiros foi perversamente torto, pero que agora, se se lles vota, arranxará os problemas. Só eles serían “a” solución; garantida, ademais, por quen sempre os acompañan nesta misión, tan sagrada que ata do ceo botan man.

Pese a iso, todo dereitohabente ao voto pode calcular -a partir do acordado por VOX-PP-CS para Andalucía- que se minimiza e a onde irán parar os diñeiros de todos. Os preocupados pola educación deste país poderán apreciar como sairá parada a escola pública. E poderá predicir como ese programa político aumentará situacións como a dun colexio de Aravaca, ou a denunciada en Barcelona respecto da diferencial acollida de inmigrantes segundo que centros. Que as desigualdades que padece o dereito á educación -igual que moitas outras de urxente atención- irán en aumento, é fácil de ver.

Vellas estratexias
Éo, ademais, caer na conta de que, por moito ou pouco que fagan desde o Ministerio os seus actuais directivos, os mozos que están entrando a decidir nas Comunidades reiteran a súa fe nas vellas políticas. Como as levarán a cabo xa non é noticia. As súas estratexias, medios e instrumentos están patentes no libro de José Luís Pazos: No nos callarán (Madrid, Edicións ACC, 2018). Se o que lle fixeron en Madrid á escola pública Gallardón, Aznar, Aguirre, González e Garrido, foi malo, a fachendosa “xuvenilidade” de Casado&Socios&Cooptados será pésima. Coidado co fume ...da leña verde!

Manuel Menor
Madrid 17-01-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario