A opinión dos docentes...non conta?

7 abr 2019

Pasado borroso e vulnerabilidade nun presente incerto



Se os electores non urxen unha ética común, e un sistema educativo construído desde ela, aviados imos co que indican os abusos e desregulacións latentes do Estado. 

Os profesores de Sociais -os de Historia en particular- xa poden reconsiderar o seu quefacer docente. A teor do que se oe nos últimos tempos sobre os neanderthales, a conquista de Granada, os abusos reconquistadores sobre musulmáns residuais logo de 1492 ou como deban arrepentirse os viquingos das súas incursións en Galicia entre os séculos IX ao XIII, non parece que sirva de moito esta suposta aprendizaxe escolar. Esa febre revisionista do pasado, florecente tamén en México -e noutras áreas americanas- está poñendo en solfa todo o investigado ata o presente e pregoa, a un tempo, que a ligazón de responsabilidades entre épocas e persoas actuais coas doutros tempos viría ser tan primitiva e tribal como na Prehistoria. 

Historias ucrónicas
Se a liberdade de prensa está en mans dos seus amos, o ensino dunha Historia coherente coa investigación rigorosa tamén está en perigo. Entre manipuladores interesados en desviar a atención de moitos asuntos e atrevidos prestos a usar a Wikipedia contra quen se lles poña diante, os referentes históricos úsanse como un divertimento aleatorio, de opinións excitantes para distraer o duro presente. Esa posibilidade aumenta se se advirte que a Historia Contemporánea, e máis o acontecido desde o I GM, é unha penitencia para moitos ensinantes que deben tratar cuestións inmediatas aos anos 30. Por medo a que os tachen de “adotrinadores” ou cousas peores, a ignorancia sobre a “Historia actual2”é preocupante. Cando se cumpren 80 anos da nosa última Guerra Civil, o que máis propagan os medios apenas altera o que dicía a Enciclopedia Álvarez e, como comprobou fai tres anos Fernando Hernández, a bagaxe con que moitos licenciados chegan aos másteres de profesorado é penosa. 

Moi coherente todo iso co que nestes anos transcendeu á propósito de teses, graos e posgraos impartidos en universidades de que se beneficiaron algúns privilexiados, ou co desmantelamento programado para as públicas. Canto hipoteticamente decidan para cualificar a creación e difusión de coñecemento, virá lastrado de carencia de autoridade. É pracenteiro, e socialmente máis proveitoso, o que miradas como a de Teófanes Egido procuraron transmitir ao seu alumnado nunha froitífera docencia. (Grazas, mestre!). Pero é nula a utilidade que, para reciclaxe ética, puidese ter unha antoloxía das ocorrencias de que adoitan facer gala conspicuas personalidades. As brincadeiras que procrean, similares en todas partes, amosan que a súa proximidade ao poder seguiraos escudando para eximirse de todo “esforzó” por saber de que están falando cando usan a Historia para enfrontamentos sectarios. Recordan aquela falsa pelexa de Esperanza Aguirre polas Humanidades en 1997? Desafortunadamente, seguirán no seu labirinto, aínda que sen dúbida -como indicou o senador Olóriz- “necesitamos menos toureiros e máis científicos” e, con estes, bos coñecedores dos problemas educativos, que se responsabilicen de atopar algunha solución ao fatuo exhibicionismo. 

Falsas rixideces
Canto máis en campaña -e con lemas moi discutibles- máis mágoa dá que moitos candidatos non sexan exemplares no uso serio dos saberes. Pese aos prexuízios que aceptan por tradición, ambiente familiar, clase social ou compadreo con poderes máis altos que o seu, din ser neutrais e, con tal bagaxe, nunca decidirán para todos. Tampouco defenderán -como debería ser a súa obrigación democrática- unha ética laica, como esixe a convivencia intercultural. Cando se sintan presionados por titorías como as que a xerarquía católica tratou sempre de imprimir á política española, acatarán a obediencia debida. Sáennos caros, pero poida que sexa este o sentido primordial dos colexios privados ou, no seu lugar, dese 32,7 % de concertados existentes no noso sistema educativo en virtude do suposto pacto escolar de 1977 no artigo 27CE.

O valor que Durkheim confería aos que se comprometeron cos cambios da Revolución Francesa, radicaba en que “onde as vellas tradicións relixiosas, políticas e xurídicas, mantiveron a súa rixidez e autoridade, frearon calquera atisbo de cambio e, precisamente por isto, preveñen o espertar da reflexión”. Meritorio era que abriran o camiño a pensar que as cousas podían ser de modo distinto a como foran, a poder preguntarse como poderían e deberían ser e, por suposto, que se habería de cambiar nunha configuración xusta das relacións sociais, produtivas ou políticas. Vale para a educación -e a política- na incerteza actual: se non induce a reflexionar sobre os problemas que temos, a pasiva aquiescencia deixará que as rutinas prosigan e que se decante un mundo máis perigoso. Ao ritmo que imos, cos medios do Estado a disposición de iluminados doutrinarios trampulleiros, ata logros como o que fixo que os Dereitos Humanos (en 1948) poidan pautar unha ética universal para un mundo secularizado volverán ser vistos como rémora polos violentos que logren, pola forza, rexer os asuntos comúns.

A España baleirada
A Terra pasa xa factura pola irresponsabilidade dos humanos por non considerala un ben común, ao que os demais deben soxulgarse. E tamén nisto políticos e ensinantes haberán de situarse. Cando os partidarios da “Xeografía crítica” -Harvey, Lacoste, ou Capel, entre outros- empezaron a difundir as súas hipóteses e metodoloxías, considerouse que “adoutrinaban” ao alumnado. Empeñábanse en cruzar informacións políticas e económicas para clarificar como o aproveitamento indiscriminado de recursos naturais xeraba “paisaxes” que nunca se publicitarían nos paquetes turísticos. As alertas polas colonizacións atoladas, polo aloucado turismo ou as talles salvaxes, os monocultivos industriais e as estabulacións forzadas, cos consiguintes desprazamentos de poboación, miserias e fames negras provocadas por rupturas radicais coas tradicións culturais de cada territorio e, ás veces, sen ter en conta sequera as mínimas esixencias físicas, eran para o desarrollismo dominante unha ofensa provocadora inspirada en intereses “pailáns”. Poucos daqueles ensinos, que esforzados profesores pioneiros desenvolveron nas súas aulas desde os anos setenta, caeron en terreo propicio para alterar o curso dos acontecementos e, sen esa masa crítica, os abusos urbanísticos e os plans estratéxicos de intercambio e transporte medraron desintegrando o territorio. A Xeografía oficial, en todo caso, serviu de pouco, e Google Maps acabaraa enterrando se soamente vai seguir repetindo canto ordene o poder instituído. 

E máis vulnerabilidade
Por iso é sorprendente que a imaxe -hiperrealista- dunha “España baleira” estea destapando miles de expertos agora que tan só un residual 9% de españois vive no 77% do territorio. A dispoñibilidade de recursos naturais -cun cambio climático imparable e potente mutación nos ecosistemas- acúrtase, pero non vai ser fácil que recoñezan o oportunismo de moitos arbitrismos simplistas en vésperas electorais. No entanto, esta inusual preocupación polos resistentes que reclaman atención á riqueza rural e á súa propia sustentabilidade -en igualdade cos urbanitas-, poderá ser de interese. Oxalá que na próxima lexislatura esta área de vulnerabilidade sirva, como lle gustaba dicir ao sociólogo crítico Robert Castel, para evaluar a calidade dos representantes políticos no Parlamento ou desde o Goberno! Estean pendentes os seus votantes de se se ocupan de “o social” destas reclamacións ou as deixan medio protexidas, pouco reguladas ou precariamente residuais, a mercede da Natureza inclemente e dalgunha caridade ou beneficencia particular.

TEMAS: Cuestión social. España baleirada. Historias falsas. Xeografía acrítica. Coñecemento estéril. Arbitrismo autoritario. Ética para un mundo secular.
Manuel Menor Currás
Madrid, 03.04.2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario