A opinión dos docentes...non conta?

26 oct 2020

A apertura do Vaticano actual é ambigua

 

Non está próximo o que en Francia existe desde 1905, unha separación nítida dos intereses do Estado e da Igrexa.



Cando se menciona o Estado Vaticano, non prima a natureza da Igrexa, senón o ser sé do cumio piramidal da Igrexa. Consolidada en 1929, en trato con Mussolini, despois de que, en 1871, perdese os Estados Pontificios, consolidou a imaxe do “Papa prisioneiro”; non son agora Las sandalias del pescador (de que falaba Morris West en 1968) o que está en xogo senón intereses terrenais enlazados con outros sedicentes espirituais; como na coroa de Augusto, pero con máis anos de peso en España que os daquel imperio.



Vaticanismo post 1871


En 1896, Émile Zola, logo de documentarse ben, escribiu Roma, segunda novela dunha triloxía sobre un Papado moi ocupado en preservar a hexemonía perdida nas revolucións burguesas; as súas 806 páxinas mostran a dobre cara ao lado máis “social” do Vaticano naquel fin de século. Os máis cinéfilos vírona en Roma de Fellini, por exemplo, e a súa contraposición en Roma cittá aperta, de Rosselini. O seu reflexo na Democrazia Cristiá, aparece nunha pequena novela de Leonardo Sciascia, Todo modo, cuxa edición española mostraba, en 1982, o escudo do partido italiano coa palabra LIBERTAS campeando sobre unha cruz vermella; no centro do seu nó narrativo, o Pai Gaetano protagonizaba sentenzas como esta: “Por favor, señores, espero que non vaian darme o desgusto de dicirme que o Estado segue existindo…Aos meus anos…, resultaría unha revelación insoportable”.



A presenza cultural vaticanista vén de cando a xerarquía eclesiástica asentou o seu poder no século IV d. C. tralo “triunfo” sobre o “paganismo”. Sería un erro esquecelo ao oír ao papa actual, sensible como parece cara a persoas da LGTBIQ , ou expresándose en aberto como fixo con motivo da audiencia ao presidente do Goberno español. Falouse da súa “apertura” -non de aggiornamento, como se dicía de Xoán XXIII- sen fixarse en que, cando se refería ao colectivo de orientación sexual non hexemónica, falaba unha posible lexislación civil que lles fose propicia; menos dá unha pedra, pero nin marca tendencia a estas alturas nin dixo nada do que a súa Curia faría para darlle cabida dentro da Igrexa que dirixe, con igual dignidade xurídica que ao resto de crentes. Os lectores deberían estar advertidos, igualmente, de que a Igrexa Católica é tan diversa que, sobre as máis de 3.000 especificacións que acolle o seu nome, sempre hai unhas “comunidades cristiás” -término xenérico en que conflúen opcións supostamente fieis ao primeiro cristianismo- discrepantes da “xerarquía católica” ou funcionariado que dirixe a sociedade eclesiástica desde o Vaticano e as sucursais diocesanas.

Nese denso contexto ha de lerse o que o papa Francisco dixo a Pedro Sánchez; a súa invocación ao “diálogo”, a “caridade” e á “ideoloxía” dá fe das ambigüidades do Vaticano actual, non tan diferentes das da súa xenealogía. Deslizamentos semánticos da súa historia son iluminadores; cando León XIII decidiu incluír “o social” na súa axenda de 1891, xa o movemento obreiro tiña unha longa andadura e, nos oitenta do mesmo século, abriuse paso o “Estado Social” para atender -en dereito- cuestións que causaban a pobreza máis lacerante; o papa “social” non excedeu, con todo, as formulacións caritativas, tan similares ás que propiciaba a burguesía con “beneficencia” e “filantropía”.



E a España de hoxe


Aínda que a achega de segmentos da Igrexa foi valiosa -como acreditan os Informes FOESSA desde mediados dos sesenta-, como corporación mediadora segue sendo ambigua e nunca dá oficialmente o paso á reivindicación en xustiza; J. Mª Castelo advertiuno hai anos respecto da súa vinculación á Declaración de Dereitos Humanos. Se arroga, con todo, a suplencia ao Estado en atencións a través de Cáritas e outras ONGs, cuxos principais subsidios proceden do propio Estado sostendo, baixo ese paraguas “social”, pouca transparencia para as súas presenzas en Sanidade, Educación, e ámbitos artísticos, mediáticos ou sociais. A todas elas debería térselles aplicado o que o Papa dixo na audiencia do día 24:”construción da patria por todos” sen “coartadas de modernidade”, “restauracionismo” e “ideoloxías” ou que -segundo asegurou- “as ideoloxías deconstruen a patria”, palabras que pareceron advertencias a un Goberno que non encaixa no ámbito conservador. Separadamente de que non indican que sexa esa a “onda” de actuación de moitos delegados xerárquicos en España, o que trasluciron en público semellaron máis a rifa dun “superior” a aceptar en silencio por un “inferior”- que un sentido aceptable de “diálogo”.



Para que a mensaxe non resulte máis escura, do comportamento de IGREXA S.A. -como a chama Munárriz- está pendente que mostre a súa propia capacidade de emenda respecto da súa historia en España desde os anos trinta e en canto a liberdade de conciencia, asuntos aos que a educación pública é moi sensible. Os recursos que lle asigna Facenda, segundo o asinado nos discutibles Acordos de 1977-79 -repetitivos dos Concordatos de 1953 e 1851-, poucas veces non serviron para propiciar as políticas máis conservadoras da vida española. En tempos de Covid-19, con tales medios debería haber máis “sintonía” nas relacións bilaterales; pero a suposta apertura actual do Vaticano renxe se prosegue o seu uso pola senda por onde -servatis servandis- adoitaron ir desde as Cortes de Cádiz. Amparando, ata, negocios moi privados, o primeiro desorientado é o “ben común” -común por ser bo para todos, máis que bo por ser común-, que orientou a Summa Theologica de Tomás de Aquino.



A exemplaridade de Samuel Paty


Aos crentes españois, partidarios a un tempo da crenza e de criterio autónomo no político e social, séguelles sendo difícil conxugar os intereses eclesiásticos cos democráticos do seu país ata en asuntos tan terrenais como os impostos; probablemente para o propio papa Francisco o sería igualmente se se pronunciase sen ambigüidades. Sen dúbida, falaría algo co presidente español en privado antes da parte pública desta audiencia, pero polo oído, os españois aínda non alcanzarán a ver o que os franceses han ter a man desde 1905. O noso art. 27 da CE78 nin se lle parece, e unha homenaxe a profesores ou mestres españois, como o tributado a Samuel Paty o pasado día 21 en París, está pendente en España desde hai oitenta anos.

TEMAS: Igrexa-Estado.- Acordos 1979.- Tradición cultural.- Dereitos Humanos.- Exemplaridade institucional

No hay comentarios:

Publicar un comentario