A opinión dos docentes...non conta?

19 abr 2021

GRAZAS, VIDAL, POLA TÚA MÚSICA CALADA

Por Manuel Menor Currás

José Manuel Vidal Souto, o pintor de Osebe (Leiro), déixanos unha obra de gran personalidade, moi expresiva de moitas transicións desde os anos setenta. Carlos Vello foime contando os últimos días do seu íntimo amigo Vidal Souto na UCI; facíao desesperado porque se ía sen despedirse, non podía facer nada para impedilo e perdía a un compañeiro da longa viaxe nas aprendizaxes da pintura e en moitos outros do vivir. O pasado día 24 de marzo producíase o triste acontecemento e o último número de Galicia Única fíxome chegar unha calurosa semblanza do seu paso pola creatividade artística. Por diversas razóns, síntome obrigado a sumarme ao pesar dos seus amigos, de Rosa e Marycarmen, sobre todo porque o seu trato enriqueceu a miña propia vida.

 


O VOLTER


Dos seus amigos pintores, os “artistiñas” do Volter (antes Bar Tucho e, en principio, Voltaire, por remembranza parisina) oíra falar e vira exposicións máis ou menos esporádicas; en Madrid e en casa dalgún amigo, puiden ver algunha máis de José Luís de Dios, de quen o recuncho da praza do Eironciño dos Cabaleiros (Praza do Cid) lucía un gran mural dedicado aos personaxes de Vicente Risco en A porta de palla, autor aínda pouco coñecido, como mostra Félix Castro Vicente nun interesante libro do ano pasado.

O Volter desapareceu entre os “progresos” da moi liberal piqueta en Ourense; Risco -o mestre dos inquedos tertulianos- xa o fixo en 1963 e, daquel núcleo de “artistiñas” -Acisclo, Quesada, Virxilio, Buciños, Alexandro e outros que enchían de invencións aquel exiguo espazo, con barroco horror vacui- Vidal é dos máis relevantes que alí iniciaron o seu andarego traballo como pintor.


Trateino sobre todo desde 1977 e 1979, na Praza de San Marcial e, despois, máis esporadicamente en Osebe, á beira de Leiro; sempre quedou pendente unha reunión máis longa e a incerteza de se o atoparía, polas súas estancias longas en Brasil e, durante algún tempo, tamén en Portugal onde, por azar, coincidín con el e Rosiña no Algarve nunha ocasión.

 


DE BAHÍA A OSEBE

Outros máis expertos falarán das sucesivas procuras da súa pintura, do que quixo e logrou dicir con ela e do valor comparativo que poida ter coas correntes predominantes nos seus descubrimentos e, en particular, co que poidan representar dentro da familia de pintores galegos. Dese quefacer quédame especialmente un cadro dos seus primeiros anos setenta que me acompaña sempre; a súa xenerosidade fíxomo chegar entre conversacións que el quería empezar con repasos ao latín do Bacharelato -do que parecía ter añoranza cando vivía en Ferreiros (Coles)- e que enseguida navegaban por territorios imprecisos do físico e o metafísico, entretidos en físgoas de disconformidade con case todo.

Mirarei sempre a súa pintura desde aquel diálogo desinhibido; especialmente esas figuras que deu en debuxar coma se fosen galegos medio brasileiros, con acordeón e mulatas cerca, bailando ao son dunha música calada que moitos nunca chegarán a oír. Non deixou nunca de traspoñer a esas escenas de aparencia festiva as inquietudes que sempre lle roldaron de procesos anteriores: a poesía da materia orgánica, a expresividade da propia Natureza, o colorido contrastante das cousas máis cotiás na vida dos humildes, a dureza dos inquietantes asuntos sociais.


Nos seus últimos camiños, estiveron sempre os primeiros andares de principiante, con todos os matices de procuras incesantes para contar a incerta vida humana, unha peregrinaxe inqueda como o das súas sucesivas casasestudio. Cálidas sempre no breve tempo que as rehabilitou e habitou de xeito intenso, rica e produtiva, estas vivendas, abandonadas case sempre, recobraban coa súa presenza sociabilidade en cada recuncho, abigarrábanse de coleccionismo -con predilección pola marinería e a xeoloxía-, libros, cadros, bocetos, cartafois, manchas de cor e probas de novas empresas investigadoras; alí espallábanse todas as pezas dun soño desprendido de si mesmo, como un puzzle nada superfluo do que só el coñecía a agulla de marear.


José Manuel seguramente morreu por ensaiar un novo expresionismo das cores que máis o atraeron, constantemente devecendo que a materia mesma, na súa pobreza radical, fóra transmisora do seu ascético entendemento da contorna cambiante. Pasou a cortedade da vida nese afán case marxinal para concertar intuicións, experiencia de autodidacta, honradez consigo mesmo, dedicación completa -monacal con frecuencia-, e gran sinceridade con quen tiña cerca.

Aprendeu pronto a marcar distancias con todo o mundo para ser fiel ao seu ideario inquedo de pintor honesto consigo mesmo e, aínda cando podía parecer áspero e esquivo, celoso da intimidade que acabou construíndo en Osebe co mellor que puido rescatar da súa infancia urbana, nunca puido deixar de ser tenro.



TOXOS E FRORES


Os desherdados das proximidades da Praza do Ferro -entre outros das paisaxes por onde peregrinou-, botarán de menos a súa desinteresada atención. Os máis próximos ao seu quefacer pictórico non esquecerán facilmente as súas opinións apaixoadas, entreveradas de lecturas e socarronería, compaxinables sempre con bo Ribeiro e fume de tabaco enredado no seu bigote. Poida que haxa quen se acorde das súas destemplanzas en momentos de situarse sen convencionalismos, e é posible, ata, que haxa quen non llo perdoe por alimentar a rexouba con que pretenda saír do aburrimiento.


Con Vidal se ha ir un luxo de expresividade bohemia, alegremente contestataria e optimista, esperanzada de que o convencional desaparecería pronto e mudaría en xeitos de tratarse e tratar á contorna comprometidas, intelixentes e sabias. Creo que as xestas, piornos, toxos e frores dos nosos campos, e os chapeus de moitos labregos que tanto disimulou nas súas pinturas, recibírono no espazo onde perviven os recordos de quen viviron intensamente tendo algo que dicirnos aos demais. Que a terra lle sexa leve
.

(Publicado en Galicia Única, nº 500. Autorizada a súa difusión polo autor.)



Manuel Menor Currás

No hay comentarios:

Publicar un comentario