A opinión dos docentes...non conta?

29 jul 2021

A COVID-19 AMOSA, ADEMAIS DOUTRAS, A GRAN FENDA DIXITAL

Xa non é mera prevención ou presaxio de futuro. Temos datos precisos por idades e referencias ao acceso, uso habitual, e uso relevante de Internet.


Igual que coa lectura e os seus graos, os niveis destes dous aspectos son moi significativos; non abonda a posibilidade de acceso, senón que estamos nunha etapa de desenvolvemento tecnolóxico que, trala contribución indirecta da Covid-19 ao acelerón de cambios sociais, o uso que impoñen as TIC dependerá da comprensión que teña cada usuario deste instrumental tecnolóxico.


Xa están visibles, cada vez máis, as diferenzasque marcan, por idades, por xénero e por rexións ou áreas territoriais, os grupos e cohortes de cidadáns e cidadás que, no momento actual, teñen maiores problemas nestas formas de comunicación. Por exemplo, ser muller, ter máis de 75 anos e vivir nunha zona en que o uso dalgunhas delas -máis aló do móbil como teléfono tradicional- teña dificultade de conexión, é indicio case seguro de exclusión de moitas das expectativas actuais.


Nos trámites administrativos e xestións ante as entidades bancarias o seu vigor xa é condicionante de moitas transaccións cotiás e medra o número de persoas que se senten como especies en vía de extinción ou, cando menos, desprotexidas ante a avalancha de situacións para as que non teñen a alfabetización imprescindible. Repítese, noutro plano, un problema endémico na cultura española, ligado á tardanza en resolver o outro analfabetismo do saber ler e escribir, sen que se resolvese satisfactoriamente aínda o semianalfabetismo que, tantas veces traslocen múltiples manifestacións. No apartado dos Pactos da Moncloa de 1977 sobre urxencias educativas, ben patente quedou a necesidade de prazas escolares que desdiciu toda a parafernalia retórica que, desde o golpe de Estado do 36, torpedeou os plans escolares da II República; e no Informe PIAAC de 2013 (da OCDE), aínda se poden ver mostras significativas de como o duro analfabetismo está presente nas cohortes dos que eran nenos nos anos cincuenta, a quen “a liberdade de elección” no exercicio deste dereito fundamental foilles negada radicalmente. Ademais, mentres preme a fenda dixital, entre os problemas e carencias que segue tendo o noso sistema educativo, ben está claro igualmente a dificultade que, para titular na etapa obrigatoria- ten case un terzo dos adolescentes aos seus 16 anos.


Suma e segue

Como outras moitas historias da nosa vida concreta -tan distinta da que os medios adoitan manexar para seducirnos-, a fenda educativa extensa -que inclúe a dixital- xa está incrustada nos nosos hábitos como “algo natural” pese a tantas reformas e contrarreformas. Está aí como o estivo o mal pasar crónico dunha cultura de andar a medias en case todo e crendo, ademais, que o noso era especialmente magnífico, extraordinario e ata -segundo moitas leccións que nos fixeron recitar- contaba con protección do ceo. Non cabían nese relato tan infantilizado os máis mínimas físgoas de crítica nin de glosa marxinal razoable; todo era perfecto. Tanto, que algúns prohomes da palestra política, non se sabe se por defecto cognitivo ou por brincadeira co twiter partidista, seguen dicindo cousas en público como a de que o problema da República foi a disxuntiva entre “democracia sen lei ou lei sen democracia”, tese tan doutrinaria que supera todos os revisionismos e, dun golpe, elimina a responsabilidade dos sectores reaccionarios no que lle fixeron a un Estado democrático e ás expectativas de convivencia de cantos o votaran; nesta sentenza de ínfulas aparentes, quedou xustificada, ademais, a insana violencia autoritaria que seguiu, segundo uns ata 1978 e, segundo moitos outros, polo menos ata 1981; parece que fose pouco e que os españois merecesen máis trato deste estilo simplista e desvergoñado.


Deste cariz, veñen sendo con intensa rumoroloxía moitas mensaxes que circulan polas redes desde que o conservadurismo perdeu o control do Goberno central, sen máis obxectivo didáctico que propagar o despiste. Independentemente de que sexa unha estratexia elaborada para desgastar á coalición gobernante, parece que desexen que canta máis xente ignore a nosa “Historia actual”, mellor, e que canta máis comparta a idea de que é opinable -como calquera cor de moda-, mellor. Canta máis ignorancia haxa da Historia baseada na documentación acumulada nos arquivos, e non ter unha explicación veraz do acontecido, máis manipulable será o presente. Do mesmo xeito, xa que logo, canto máis profesor de Ciencias Sociais Historia da Arte, Filosofía ou Literatura, teña medo a explicar canto conecta directamente co noso presente, máis fácil resultará a aposta por un conservadurismo que incapacite para mover nada. Mark Twain dicía dos señoritos sureños de Misuri que se empeñaban en que os escravos lles limpasen as botas e que, despois, desprezábanos porque deduciran que só valían para iso.


Séguese levando, como “algo natural”, a ignorancia como método de felicidade -ese anhelo de perfís imprecisos-, que así queda máis vaga como obxectivo publicitario das vidas persoais e convivenciais. Alegan os que o propugnan que o afán de saber obedece a ganas de molestar a tranquila vida cotiá; din que os que avogan por un coñecemento consistente e razoado de canto suceda antes, queren “reescribir” a Historia. Deste xeito, torpedean non só a Historia, senón a nova Lei de Memoria Democrática; saben que nunca se repiten os feitos -pois non estamos ante unha moviola do tempo-, e queren controlar o relato como algo exclusivamente seu. Baixo o pretexto reiterado de “non desenterrar vellas feridas, nin descoser o perdón que selaron os nosos pais e avós”, non recoñecen o dereito á verdade da variada gama de sufrimentos que as vítimas do pasado fascista tiveron que sufrir e da que aínda moitos son testemuñas.

Cultura relevante

A Covid-19 coa súa maraña de cansazo e problemas inducidos non é bo momento para parar esta propensión á ignorancia que moitos desenvolven conscientemente. Igual que na rúa triunfan as terrazas dos bares sobre o silencio tranquilo dos veciños, en moitos centros ten prevalencia dispoñer dunha boa cafetería no canto dunha boa biblioteca e que sexa moi usada. Todo se volverá cada vez máis fráxil se as nosas escolas, colexios e institutos non medren na súa capacidade de propagar coñecemento, saber e boa comunicación respecto do que nos pasa; se os que a elas acoden non perciben o beneficio que poidan traerlles a súa obrigatoriedad, a superación da fenda dixital seguirá confirmando a obsolescencia que, en moitos aspectos, detentan. O dixital por se só é un instrumento cada vez máis urxente e imprescindible, que se non vehicula nada valioso -e non o manexan docentes ben formados profesionalmente- será unha prótese inútil e, ata, atafegante, no mesmo ronsel de moitos xeitos tecnocráticos do pasado, que intentaron innovar sen cambiar nada substancial no sistema educativo.


É máis, historias como a da sentenza recente do TC (Tribunal Constitucional) á propósito do Estado de alarma, ou a do líder do PP a prol do silencio sobre o pasado histórico recente, fortalecen rutinas e valores establecidos como tradicional “cultura interna” de moitos centros educativos. Facendo máis “natural” o seu inmobilismo, a súa contribución á comprensión da realidade social será cada vez menor; pouco valiosa pola cerrazón a formulacións humanistas, consolidará as neolinguaxes dominantes e o que as modalidades do conservadurismo demandan para que a educación sexa rendible.

TEMAS: Políticas educativas. Fenda dixital. Semianalfabetismo. Culturas escolares. Alfabetizacións segregadoras.

Manuel Menor Currás
(Madrid, 29.07.2021)

No hay comentarios:

Publicar un comentario