A opinión dos docentes...non conta?

7 jul 2021

Estamos nas vésperas da cuarta onda?


Os datos epidemiolóxicos deste momento estival, inducen a marear a perdiz e, como tantas veces, improvisar, improvisar e improvisar.

Nalgunhas zonas, xa non falan da cuarta, senón da quinta onda inminente, se as acumulacións de contaxios desbordan o sistema de Sanidade dispoñible e seguen a súa traxectoria doutras tres ou catro veces anteriores.

Os feitos

Nesta ocasión, parece que a causa central sexa que as cohortes de idade máis novas son as de maior incidencia e que o seu efectomultiplicador está sendo moi rápido en comunidades como Cantabria, Cataluña ou Estremadura. Todo parecía ir moderándose e, ata fai poucos días, os datos propiciaban pensar que esta pandemia estaba vencida. Animábanos ao optimismo a insistencia en que as vacinacións batían récords diarios; cunha velocidade de cruceiro que superaba as 700.000 unidades diarias, acadaríase o obxectivo trazado de ter en setembro inmunizado ao 70% da poboación. Poucos parecían atender ás fraquezas desta fórmula, en que pasaban a segundo plano, e sen a atención debida, outros flancos da situación: a atención primaria e, sobre todo, que os máis novos estaban ao final do proxecto.

E chegaron as viaxes de fin de curso dunhas ou outras promocións de colexios e institutos, renovando tradicións que, no curso pasado, quedaran sobreseídas. Chegaron tamén reclamacións de pais que, ante as precaucións sanitarias adoptadas en Baleares, lograron que unha xuíz volvese poñer no brete as fráxiles costuras da liberdade particular e a saúde de todos. E veu, a renovada propagación do virus, non tan letal de momento, pero si moi problemática para unha situación xa moi tensa dos profesionais sanitarios da atención primaria. O caos pode volver render e o que suceda nos próximos días será determinante respecto da secuencia da pandemia, cuxos últimos fotogramas non chegaron aínda.

Causas e efectos

Unha vez máis, parece tamén que non deban confundirse e mesturarse as causas e os efectos. Primeiro, porque -como dicían na Galicia rural- non se adianta nada con poñer o carro diante das vacas: canto se pretendía facer desbarátase antes de que poida realizarse nada. Neste asunto, as ansiedades duns e outros, tanto desde o mundo produtivo turístico e hostaleiro sobre todo, como desde os afáns de recuperar tempos supostamente perdidos en confinamentos e corentenas restrictivas, levan confusión ao que debería  ser o antes e o despois nesta historia; as prexuizadas prioridades inducen a graves erros respecto das esixencias que deban mediar entre a saúde de todos e a liberdade individual.

Que as confusións existiron e existen, interesadas unhas e aparentemente inocentes outras, é obvio; aínda que no relaxamento sempre hai de todo, sempre hai os dispostos a pescar en augas revoltas, máis propicias para que se confíen os incautos e crédulos. Neste sentido, esta situación dubitativa entre a cuarta e quinta onda desta pandemia é unha boa metáfora, parábola ou simulación efectiva do que en moitos outros ámbitos nos sucede como sociedade.

Pedagoxías en loita

Repiten os opinadores agora -como moitas outras veces- que é unha cuestión pedagóxica, que non se ensinou ben o que hai e que, na transmisión das noticias desta peste faltou finura no que se di ou se deixa de dicir. O problema é que a Educación social non é unha tirita coxuntural, senón un ambiente que ou se crea con tempo ou non pasa de pura retórica; non é unha tecnocracia que, trala lectura rápida dun folleto de instrucións, aplícase e tense a solución. É, ante todo, unha actitude de longo prazo, unha cultura creada, alimentada e sostida nunha dirección determinada ata que arraigue, en cuxo desenvolvemento haber de ter claros os problemas a solucionar, os obxectivos de sociabilidade a conseguir e os medios axeitados para lograr a concordancia do que queremos para unha convivencia saudable para todos.

Pouca pedagoxía deste tipo hai cando os líderes políticos e sociais discuten violentos, coma se de mundos opostos se tratase, sen nada que compartir, ou coma se a co-gobernanza administrativa fose un dereito de conquista. Pouco se pode facer se hai lobbys presionando por ver que gremio ou organización saca máis vantaxe dos recursos que se están dispoñendo para atallar un problema. Moi pouco se logrará se os papás e mamás de moitos nenos en transo de facerse adultos, son os primeiros en confundir ante os seus vástagos o touciño coa velocidade. Ninguén razoable imaxinará que a suposta “responsabilidade” que se adoita recordar en situacións como esta a os máis novos lles vaia a chover caída do ceo cando todo o mundo os induce a ser irresponsables.

Como somos improvisadores permanentes, a quen -como xa sinalaba Larra- custa crer nunha rede indispensable de coidados, con estrutura consistente e duradeira, os nosos sanitarios quéixanse da mala pedagoxía que fai a Administración española -estatal, autonómica e municipal- desprotexiendo á Sanidade pública do indispensable. Aos cidadáns, pola nosa banda, deberan habernos ensinado a ocuparnos de onde se invisten os nosos impostos, se en mellor servizo para todos ou en maior rentabilidade para as empresas privadas do sector; talvez fósemos máis responsables das actitudes convenientes ante problemas como a COVID-19.

E igual sucede coa pedagoxía que a Administración desenvolve respecto ao sistema de educación xeral de todos, onde a ética universal, de dereitos e obrigacións iguais para todos se descabala desde a educación infantil con redes de centros cuxos idearios nucleares son tan distintos, e onde a privatización -a conta dos orzamentos comúns- é gran negocio desde antes da Lei Moyano en 1857. Esa cultura das diferenzas cultivadas para demostrar distinción medra exponencialmente en situacións como unha pandemia, e mostra a debilidade protectora do Estado, o único que pode garantir o ben de todos, especialmente dos que máis o necesitan, cando se traballa para que sexa mínima a súa consistencia. Non son os/as docentes nin os/as sanitarios/as -que tanta profesionalidade mostraron no transcurso do curso académico- as/os aias/aios responsables desta mala pedagoxía.

TEMAS: COVID-19.- Educación social.- Políticas sociais.- Autonomía e Liberdade persoal.- Saúde pública.


Manuel Menor Currás

Madrid, 05.07.2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario