A opinión dos docentes...non conta?

29 oct 2021

Hai profundidades e profundidades

Hainas que só perseguen que o que nos ocorre -aínda que non sexa xusto-, sexa inintelixible e nos resignemos á escuridade.

A apreciación ”profunda” dunha xuíza de Muros a propósito do afastamento dunha criatura desa poboación, deixou asombrado a todo o mundo. Podía poñer na balanza xustificativa calquera outra razón, pero ningunha máis elástica que a da “profundidade”, inintelixible como non sexa para cubicar a cantidade de auga que poida ter esa ría tan bela en comparación con calquera outra.

Profunda ficción

Esa suposta profundidade, mencionada en sentenza sen razóns de máis peso que o platonismo categórico de quen ten capacidade decisoria respecto ao futuro que espera a alguén, deixa moito que desexar no relativo a entender a “realidade” do que aconteza. Non se pode dicir que esa zona galega sexa das de suposta profundidade a que alude o tópico da Galicia profunda ou de calquera outra entidade xeográfica mental. A Barbanza é zona ben dotada de servizos, non moi afastada de Santiago, unha das cidades galegas mellor dotadas, e tampouco é das que estean en transo de “baleirarse”; as súas xentes, que viviron ata o presente de xeito razonablemente acorde coa súa contorna, non parecen dispostas a abandonar a súa ría ao ditado dunha xuíza.

Pode, en todo caso, que esta señora sexa unha eminente representante dunha vella teoría, avalada por non poucos filósofos, políticos e comunicadores, para quen “a realidade” é ficción e, polo tanto, adaptable ao imaxinario, nese caso ninguén pode recriminar a esta xuíza de nada salvo do estilo literario que poida empregar. Non é a primeira vez que sucede no mundo xurídico nin, tampouco, na vida de todo cidadán ou cidadá que, por unhas ou outras razóns, se viu forzado a distorsionar, facer restrición mental ou simplemente adornar algo que lle ocorreu ou lle vaia a ocorrer. Todo ten acollida nos xeitos que temos de ver e non ver, contar e non contar, emporcallar e xurar sen ser pillados en renuncio; é dicir, que hai moito onde empregar unha literaria lei do funil, aínda que repercuta na desigualdade de trato cos demais.

 Realidade e ideoloxía

O escenario político deste momento é rico en oportunidades para observar o uso recorrente desta lei. É un palco perfecto para non perder de vista como se ven uns ou outros e como ven ou non ven aos cidadáns -a todos, a ningún ou só a uns poucos- cando falan da vivenda, o recibo da luz, a propiedade privada, a reforma laboral, as máscaras ou, ata, a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o imposto de plusvalía. Case todo implica recursos e diñeiro, e talvez por iso, entre outras razóns, todo, incluídas as propias institucións -como agora mesmo os cambios de cadeiras nos altos tribunais- admite múltiples versións, e todo, inevitablemente, ten dimensión política porque afecta a cuestións que nos afectan a todos.

Hai pouco, segundo Relixión digital do día 14, unha emisora ben coñecida acusaba a un medio xornalístico, tamén moi coñecido, de sesgo ideolóxico: “subordinar a verdade á ideoloxía e aos prexuízos” por prestar atención aos ilícitos de pederastia en que estaban incursos representantes dunha moi coñecida confesión relixiosa que, de sempre, na súa dinámica doutrinal -como todas as confesións do mesmo carácter- xoga ante os seus fieis con dous planos en continua relación: o corpo e a alma, o temporal e o espiritual e, de fondo, o dualismo metafísico de Aristóteles sobre do “ser”, a materia e a forma. Este material é tan sensible que permite evadir todo tipo de contidos a conta de nominalismos e metodoloxías proclives á ficción e, por suposto, a manipulación. A historia da humanidade produciu habilidades sobradas para que, incluso os algoritmos poidan ser adestrados sutilmente para que non nos decatemos de onde empeza a ficción nin onde acaba a realidade.

É difícil, xa que logo, modernizar a educación cando as palabras non significan o mesmo para uns e para outros. Neste sentido, a expectativa deste presente respecto ao futuro non ha de esquecer que a continuidade da exéxese restrictiva do art. 27 da CE78 mostra un sistema educativo formalmente diferente do preconstitucional, e con todo persistentemente conservador, por exemplo, en canto a soster privilexios privados que erosionan o valor democrático dunha rede pública apetecible para todos. Esta pauta tan firme ten, entre outros motivos, os acordos entre España e o Vaticano dos anos 1977-1979, o que explica o capítulo 6 do libro de Ángel Munárriz , Iglesia, S.A. mostrando en 2019 como a batalla política polo electorado máis conservador segue sendo rendible para esta peculiar “sociedade sen acción”, que vive de ter enquistado a eternidade no ensino público. Dous anos antes, Jurjo Torres analizara, en Políticas educativas y construción de personalidades neoliberales y neocolonialistas (Madrid: Morata), a contribución do sistema educativo -sobre todo nas súas redes privada e concertada- a esa actitude convivencial cos demais.

Modernidade e continuidade educativa

Nesta historia do presente con que temos que lidar, a forte conexión cultural dos anos franquistas coa educación actual obriga a non ignorar que as restricións educativas de entón seguen sendo propiciadas por selectos aliados dentro das institucións do Estado, que oen e non escoitan. Queren que aquel modelo dual en que o Estado tiña as mans atadas para dignificar a educación pública, siga primando aos que gozaron desde 1938 de subvencións moi xenerosas; desde 1985 han ter diñeiro público garantido e ansían que a súa rede de colexios medre máis aínda. Neste tempo de aparencia máis secular, o confesionalismo escolar ten axudas poderosas para ampliar as súas ansias monopolísticas e seguir limitando a rede pública de centros.

A deixación de 40 anos franquistas, alongada nos 43 do “aconfesionalismo” posterior á CE78, mostra unha “secularización incompleta” da vida política. A LOMLOE -oitava lei orgánica do sistema escolar- aprovéitaa para usar a anfiboloxía como forma literaria “profunda”. Téñano en conta cando se fale, por exemplo, de “calidade e excelencia educativas”, de “liberdade de elección de centro” e, sobre todo, de escolarizar ou educar.

TEMAS.- Neolinguaxes.- Confesionalismo.- Linguaxe política.- Rede pública de centros.- Acordos co Vaticano

MMC (Madrid, 27.10.2021).

No hay comentarios:

Publicar un comentario