A opinión dos docentes...non conta?

8 abr 2022

O futuro está no presente

A complicada situación que temos non propicia torcer a frecha do tempo sen modificar supostas seguridades do pasado.


No discurso do Nobel de 1956, Albert Camus invocou a necesidade de ”impedir que o mundo se desfaga”. O mundo estaba en plena “Guerra fría” e, en España, nos inicios dun leve despegue do racionamento e a autarquía que seguiron a unha dura guerra in-civil. O que o alxeriano de ascendencia española reclamaba era consistencia ética e moral ante o que estaba acontecendo; non era lexítimo que dese igual calquera actitude se a honestidade, a xustiza e os dereitos humanos andaban por medio. Non era cuestión de ser bondadosos a capricho.


O futuro


Pasaron sesenta e seis anos, e as actitudes con que nos topamos a diario nos noticiarios non desmerecen da sensación de desmoronamento en que parecía andar o mundo e o ecosistema. Unha guerra de cuxas noticias temos imaxes case en tempo real, unha realidade económica en situación difícil e ata unhas noticias meteorolóxicas tan cambiantes como inusuais contaxian unha sensación de crecente cansazo. A palabra máis repetida no Congreso de Deputados, na interpelación ao Goberno deste día seis de abril, é sobre “o futuro”. Cando ninguén ten as claves en que se movían as pitonisas de Delfos, é desacougante, parece pouco claro e xera desconfianza.

Os máis berróns aférranse é ver se -xusto neste momento en que empezan as datas de declaración da renda- se baixan os impostos. Volvemos, xa que logo, a donde sempre; se o da propiedade privada é un dereito absoluto ou se, para afrontar os problemas, ten algunha obrigación. A limitación que impoñen uns ou outros tributos ao fisco común é o que de verdade lles inquieta. Volvemos, xa que logo, a unha cuestión que xa na Baixa Idade Media atopara solución teórica, pero que aínda nos anos 90 do século XIX non alcanzara unha solución práctica para eliminar unha das causas principais da pobreza: a sacralización que adquirira a propiedade por riba doutros dereitos. A partir do momento en que as leis e institucións sociais empezaron a entrar na escena a comezos do século XX, quedou en mans das políticas económicas dos gobernos o satisfacer máis ou menos as necesidades perentorias de todos. Tamén quedou en mans da oposición aos que propugnan ampliar a economía social o que, nas súas alternancias de goberno -e desde os medios de difusión das súas mensaxes-, diminúa o papel distributivo do Estado e, sobre todo, a quen vaia a parar sen privilexios a distribución.


Entre ser un Estado mínimo, con menos impostos, e ser un Estado con suficiente apertura ao benestar de toda a cidadanía, xógase practicamente toda a política actual. Nesas estamos, e de xeito non fácil neste momento. E como sempre, non é só unha cuestión económica, senón tamén unha cuestión de ética colectiva e, xa que logo, un xeito ou outro de entender o pacto social e político que subxace no sistema democrático. O predominio dunha ou outra tendencia aparece máis decidido cando a cidadanía se pronuncia nas urnas; antes, no tempo anterior, a mensaxe que as formacións políticas procuran que teña audiencia é o que, implícito na teoría de xogos, combina niveis de satisfacción propio con formas concretas de dirimir a cuestión en nome dunha suposta liberdade e benestar común pero que toma como criterio fundamental o interese individual.

Nese xogo andamos, cando falamos de futuro. A gran cuestión en Educación non é o currículum, que tamén, pero en segundo plano, senón a gran división que esconde a dobre rede privada e pública. Tras ela nese xogo andamos, cando falamos de futuro. O mundo educativo, a gran división que esconde a dobre rede privada e pública, reflexa amplamente esta dobre concepción da propiedade, do Estado e das actitudes persoais e grupais ante o ben común. Cantos sigan con algún detalle as evolucións das políticas de sanidade, educación e servizos sociais da súa comunidade autónoma, poderán ver que actitudes éticas están propugnando e a que tipo de cidadanía preferente teñen en conta cando deciden.

Leis mestras

Por diversas razóns, a Comunidade de Madrid é emblema ou suposto modelo do que o ámbito conservador propugna para que o mundo “non se desfaga”. Non lle parece importar, por exemplo, investir pouco na Pública -pese a dispoñer de máis recursos que outras comunidades- e erosionala cada ano que pasa con sucesivos recortes e crecente abandono. As queixas dos colectivos implicados, Anpas, asociacións veciñais, sindicatos e diversas plataformas reivindicativas, non cesan de denunciar falta de centros e infraestruturas e mantemento das mesmas, obras que se eternizan, existencia de “aulas modulares” ou barracóns para suplir as inexistentes e, ademais de falta de prazas nos barrios, deficiencia de recursos para atender alumnos con diversos graos de necesidades educativas.


A baixada de ratios é unha demanda longa, e a inexistencia de prazas en Educación infantil de 0 a 6 anos, acelerada este ano con decisións que afectan a un conxunto de escolas públicas que foran pioneiras no respecto ao desenvolvemento integral dos máis pequenos, é outra liña de actuación que merma o papel da rede pública. E o é, ademais, que a Formación Profesional , os equipos de orientación, as escolas de idiomas, tampouco teñan as dotacións necesarias para atender con calidade as demandas que teñen da parte da cidadanía que non ten recursos para pagar unha praza na rede privada. Se adicionalmente se limitan prazas en determinados centros que poderían atender esas necesidades, mentres en paralelo se abren noutros de iniciativa privada próximos, a orientación decidida dunha Consellería de Educación como a de Madrid cara á privatización explícita ou encuberta dun dereito fundamental está clara.


Non fai falta que o especifique nunha lei como a chamada “lei mestra de elección educativa”, que non logrará unha calidade maior, senón que excluirá de educación a quen máis a necesitan, mentres os seus grandes beneficiados son os grupos e asociacións privadas. Entender a “liberdade educativa” deste xeito non é senón volver á etapa anterior aos anos noventa do século XIX, en que o poder estudar -non simplemente ir á escola- estaba reservado a quen podían ir a un “colexio de pago”; e a gran maioría dos concertados o son, aínda que se revistan de “función social”. É dicir, que quen ten mal “o futuro” son as clases populares, ás que se exclúe de xeito legal de que os seus fillos estean en igualdade de condicións que os demais para que as súas vidas estean humanizadas e tamén merezan a pena.


TEMAS.- Impostos.-Propiedade privada.- Pública e privada.- Privatizacións encubertas.- Lei mestra de elección educativa.


MMC (06.04.2022)

No hay comentarios:

Publicar un comentario