A opinión dos docentes...non conta?

18 oct 2023

Contos longos

Hai moitas historias próximas en que a constante das repeticións de episodios e datos estatísticos atasca todo avance progresivo.

Aproximábase novembro de 1989 e Günter Grass publicaba É un conto longo, novela en que daba conta da Historia de Alemaña desde 1948 no recordo de dous amigos inseparables e complementarios, un deles un burócrata gardián das esencias do país, e o outro un homecorrente pero coñecedor do pasado. O que tendía a permanecer e o que estaba a cambiar dábanse a man nun momento especialmente significativo do século XX europeo.

Pasaron 34 anos e, como entón, atopámonos na dúbida se o máis propio da Historia é o que cambia ou o que permanece. Os asuntos que asolagan estes días os medios permiten adscribirse a unha ou outra teoría. Jano, o deus romano das dúas cabezas mirando en sentido oposto, rexe as transicións entre comezos e finais de acontecementos que volven enlazar con outros de aparencia nova sen resolver qué queda de antes. O que acontece en Palestina pode orientar a hipótese do que é a Historia actual. Os múltiples episodios que conta A Biblia, desde Abraham a Caifás –director do Gran Sanedrín xudeu que xulga ao Jesús do Novo Testamento-, reiteran guerras de maior ou menor alcance con exipcios, babilonios, gobernos helenísticos e romanos. Desde A guerra dos xudeus que relata Flavio Josefo no s. I, hai unha dispersión ou diáspora no 70 d.C., e pasarán caso 19 séculos ata que, en 1917, o sionismo logre coa Declaración Balfour o apoio británico ao restablecemento dun “fogar xudeu” en Palestina con tal que se respectasen “os dereitos civís e relixiosos das comunidades non xudías existentes”. Desde entón, a reiteración de enfrontamentos naquel territorio non cesaron: é interminable o conflito.

A prensa volveu a facer infografías das guerras de diverso calibre que houbo nese anaco do “Oriente medio” desde que o sionista David Ben-Gurión proclamou a independencia de Israel o 14 de maio de 1948. Desde 1946 viñan pelexándose cos veciños, e, desde ese mesmo ano houbo desencontros particularmente graves en 1967 (a Guerra dos seis días) e en 1973 (a Guerra do Yom Kipur), seguidos dunha segunda Guerra do Líbano (maio de 2000), e a Operación Chumbo, en Gaza, (a finais do 2008). Máis que unha consolidación, o Estado de Israel logrou, de guerra en guerra, ampliar o seu territorio a conta de Palestina e, contra o establecido en sucesivas sesións da ONU ou na Paz de Oslo (1993), no canto de concordia cultivaron sucesivas formas de reacción dos seus inimigos, a cuxo dereito de “defensa propia” chaman “terrorismo”. Esquecen, con todo, os xestos que eles mesmos fixeron nos anos corenta e, tamén, como nas súas formas de reaccionar ao atentado de Hamás, sobre todo na Franxa de Gaza –e oxalá que non prosigan en Cisxordania-, as súas formas de reaccionar ao atentado, eles mesmos axudaron a que nacese este grupo en 1980, e que están a saltar os límites dunha “guerra xusta”. Son moitas as instancias –incluídos as súas máis fieis aliados, os EEUU- que reclaman moderación á súa lexítima resposta militar e respecto ás persoas civís, condición practicamente imposible de pescudar, pero si fácil de intuír polos vetos á prensa e ante as imaxes que chegan de 2.200.000 persoas expulsadas da súa terra entre bombardeos constantes, reducidos medios de supervivencia e acumulación de mortos inútiles. A embaixada de Israel trata de lavar esa crise humanitaria con palabras solemnes do ocultamento. É posible así a paz en zona tan sensible?

Surrealismo semántico próximo

Entre outros moitos contos, nun que se desenvolve no noso país, a súa trama vén de 1857, en que viu a luz a primeira Lei de Instrución Pública. Para atallar a altísima taxa de analfabetismo, establecía a obrigatoriedade do Ensino Primario entre os seis e os nove anos de idade e prevía instaurar en cada provincia un Instituto de Ensino Medio e unha Escola Normal de Maxisterio; daba especial trato aos colexios relixiosos privados e reservaba para o Estado a xestión das Universidades. Segundo o artigo 97 daquela lei, as escolas de Ensino Primario estarían “a cargo dos respectivos pobos, que incluirían nos seus orzamentos municipais, como gasto obrigatorio, a cantidade necesaria para atendelas”, e, ao tempo, sinalaba que no Orzamento Xeral do Estado consignaríase “a cantidade dun millón de reais, polo menos, para auxiliar os pobos que non poidan custear por si sós os gastos” coas disposicións oportunas “para a equitativa distribución destes fondos”. Xa iamos con atraso e con escasos medios, pois en 1812 a Constitución de Cádiz expuxera algo parecido E seguimos atrasados; desde entón ata hoxe, a única vez que o Estado se ocupou seriamente deste asunto foi na Constitución de 1931 e nunha serie de disposicións como a creación de 7.000 prazas de mestres e prazas escolares. Nesa data, case a metade da poboación infantil non tiña escola, nin sequera unitaria, e proxectáronse 27.151 (o 76% das existentes), para o que, emitíronse obrigacións que lle desen cobertura económica. A carrerilla que colleramos con aquel proxecto cortouna a Guerra e seguimos con atraso: ata febreiro de 1957, o absentismo estatal non se ocupou de construír o que quedara sen facer, nin as prazas que necesitaba a crecente natalidade. Dezaoito anos máis tarde, en 1975, segundo o Padrón de habitantes de Galicia, ao redor dun 55% dos habitantes do medio rural aínda acreditaban unha Primaria incompleta, e que “máis do 86% dos que a fixeron non continuara outros estudos. Pasado o franquismo, en 1977, no punto IV.1 dos Pactos da Moncloa, quedou constancia de que “a democratización do ensino” tiña pendente a súa “gratuidade progresiva” e faltaban 400.000 prazas de EXB (A Primaria da Lei de 1970), 200.000 de Preescolar e 100.000 para o BUP (a gran parte da Secundaria de entón).

Pero o máis histórico –en datos oficiais- é que as reiteracións do problema de fondo seguen vivas neste tempo, supostamente o máis bonancible en moitas décadas. Imos pola novena lei orgánica para desenvolver o art, 27 da CE78 e, entre privatizacións do público e conscientes abandonos adoptados por diversos poderes socioeconómicos e quen controla o gasto educativo nas Comunidades Autónomas, a equidade dunha educación capaz de elevar o ton democrático da convivencia cidadá non é un obxectivo estratéxico: cento sesenta e seis anos despois da Lei Moyano, preto dun terzo do alumnado, con distintos graos de abandono escolar, apenas alcanza a ter a titulación da ESO. Desde 1976 en que se lanzou a Alternativa democrática no Colexio de Licenciados e Doutores de Madrid, basicamente aceptada logo por sindicatos de profesores, plataformas reivindicativas,partidos da esquerda parlamentaria, e as AMPAS da gran maioría de centros públicos, a historia da educación española segue tendo estas e outras reivindicacións. Cos mesmos problemas desde 1857, non dan para ter gran esperanza de arranxo.

TEMAS: Guerra Israel-Palestina.- Cambio e permanencia en Historia.- Terrorismo e defensa propia.- Guerra xusta e crise humanitaria.- Educación equitativa. 

MMC (17.10.2023)

No hay comentarios:

Publicar un comentario