A opinión dos docentes...non conta?

23 ene 2024

Canseira e mobilización


Parece coma se estivésemos estancados, con poucas ganas de mover nada; non sexa que se rompa o ser das cousas.

Nos fragmentos filosóficos que nos chegaron desde a antiga Grecia pode verse como, detrás do que acontecía, estaba “o que é” e “o que non é”. Xa disputaban acerca da inmobilidade ou mobilidade do ser. Cando algúns profesores de Filosofía llo explicaban ás xeracións de Posguerra, aquelas cuestións ontolóxicas soaban peregrinas e os seus oíntes imaxinábanse a súa concreción en maridaxes  verticalistas como o de Educación e Descanso.

Que din os rumorosos galegos?

Algunha herdanza sociolóxica deixaron aquelas aprendizaxes. Non son poucos os expertos en estatísticas electorais que, no que incumbe ás que se achegan, prevén que se o 18 de febreiro os galegos que acudan a votar non alcanzan o 62%, a inmobilidade da prevalencia de voto seguirá no seu ser actual. Aducen en prol desta hipótese que, con Feijóo á fronte, a súa estratexia preelectoral procuraba desenvolver a parsimonia do votante, convencido de que gañaría o envite se a participación era frouxa. Nas eleccións de 2020, alcanzou o 47,96% de votos do 58,88% de votantes; abstívose o 41.12%). Pouco variou respecto a 2016, en que triunfara co 47,56% do 53,63% das papeletas; co 46,37% de abstención, seguiu a tradición dominante anterior, de baixa participación Que se chovía ou non chovía e que se os vellos eran inducidos a absterse ou pronunciarse, foron invocacións soadas, cando nalgunhas mesas os mortos podían votar.

Esta parecía a tónica para desenvolver estes días. Queda por ver, por tanto, ata que punto a intromisión dos péllets vai ser capaz de introducir dúbidas nos derechohabientes ao voto, acerca da xestión dos problemas e necesidades de Galicia durante estes anos. Romper a afeita cachaza dos galegos para achegarse ás urnas e que non parezan escépticos, demostraría que moitas cousas que, se son dun determinado modo, non é por inmutabilidade do seu ser natural e que son susceptibles de cambio. Se os que non votaron nas últimas eleccións seguen sen pensar facelo o 18 de febreiro, aínda que vexan en vivo o que pasa en asuntos como os que afectan á pesca, será porque desculpan aos seus xestores próximos do público. Seguindo vellos medos ao que dirán, terán dadas por bos as mensaxes de Feijóo e os seus correlixionarios no sentido de que a culpa de que algo non funciona tena o “sanchismo”; os malos serán os que removan  a tranquilidade do que dicía Parménides con ideas heraclitianas.

Cansazo

Visto o cansazo crecente de todo humano atento aos noticiarios, rende a dúbida tamén de se serven para algo os políticos e os seus partidos instrumentais. A matanza de Israel en Gaza xa supera os 25.000 mortos e, a pesar de ser crecente a estupefacción de centos de miles de manifestantes en todo o mundo, os dirixentes israelís aínda din que quedan meses –e miles de mortos?- ata liberarse da ameaza de Hamás. Intensifican os masacres e bombardeos e xa son doce ou trece espazos no Oriente Medio, onde esta Guerra está a ter repercusión directa. As comunicacións pola Canle de Suez e Mar Rojo están a ser cegadas e xa temos actores dispostos a defender os seus intereses nese amplo territorio estratéxico simulando axudar a israelís ou a palestinos, mentres a ONU, vilipendiada, ten as mans atadas no conflito. Despois de tantos anos repetindo o mesmo espectáculo internacional, neste momento é televisada en directo a vella vinganza que se orixinou por intrusismo en terra estraña. É moi canso que quen ten máis forza para retela queira facer ver que ten máis razón, e que, invocando suposta superioridade moral, trate de ampliala co consentimento dunha humanidade contemplativa.

A moitos cidadáns asolágalles o mesmo cansazo á vista de que, ante problemas concretos, abundan na súa contorna políticos expertos en reordenar o sentido das cousas. Con esta monomanía -igual á dun personaxe  da unamuniana novela  Amor e Pedagoxía-, cren que o obxecto da súa actividade pública é catalogar o universo para, unha vez redefinido, devolverllo ben ordenado a endeusadas ideoloxías. Ese fanatismo absolutista, sen arranxar nada, dificulta e converte en enigma cuestións delicadas como o urbanismo, a convivencia, a liberdade democrática e ata o coñecemento. Complicada a vida aos cidadáns, non é infrecuente que torzan o rico sentido que estes asuntos suxiren, non só ao ser nomeados, senón para entender a análise e evolución digna de canto sucede. Pola vía sofista do curtocircuíto semántico, deixando fóra de xogo o máis atractivo eríxense a si mesmos en sabios do lugar. Subidos aos altares das Redes Sociais, mesmo pugnan por ser insignes a pesar das censuras con que difuminan que non saben ou que non lles interesa que a dura realidade sexa removida.

Sucede especialmente no ámbito das políticas educativas, onde acertar é difícil. O corpus normativo neste terreo, repetitivo desde antes de 1857, fai pousada a súa historia e que o seu aprecio cívico poucas veces teña que ver co que realmente sucede nas aulas, por pomposos que sexan os fervores das Autonomías. Por tal motivo, é digno de ser observado o balbordo que se está montando a raíz do anuncio de antonte na Coruña, dun plan do MECDF sobre reforzo escolar en matemáticas e comprensión lectora que repartiría 500 millóns de € entre case cinco millóns de alumnos comprendidos entre terceiro de Primaria e cuarto de ESO. Equivale a 100 euros por estudante na lexislatura: 25€ cada ano, e como vaia afectar á organización actual das aulas escolares de toda España, á conta de qué e de quen, está en mantillas.

Cabe aventurar que pouco pode transformar culturas escolares vixentes, entre outros aspectos, en formación do profesorado, atención a desigualdades profundas e inspección dunha discriminatoria “liberdade de elección” que poucos teñen. Se só os retocan, máis dun terzo de alumnos, cando vaian por primeira vez á escola ou ao colexio, enseguida advertirá que o seu tránsito será un “fracaso”. O sistema ten esta limitación desde antes de que a OCDE se interesase pola educación española en 1969, e non faltaron quen o denuncie. Non é desdeñable a intención da iniciativa, pero é pousado volver repetir que remover transfondo de carencias competenciais como as que acaba de mostrar unha vez máis PISA, require outro compromiso co ensino público. 

TEMAS: Ensino público.- Reformas educativas.- Recursos.- Aprendizaxes e competencias.- Igualdade educativa.

 

MMC (22.01.2024)

No hay comentarios:

Publicar un comentario