A opinión dos docentes...non conta?

2 ene 2024

Diminuídos e discapacitados

Ía sendo hora de que este cambio na letra constitucional se producise. Outros non menos importantes esperarán ad kalendas graecas

Que desapareza do artg. 49 CE78 o termo “diminuído” é moi coherente coa lexislación que, desde a lei 13/1982, do 13 de abril, veu regulando a integración das persoas con discapacidade. Sucesivas leis e decretos, en 2003 e 2007, disposicións de 2011, 2012 e un Real Decreto Lexislativo de 2013 que refundía o disposto anteriormente, tomando como referencia a Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade, aprobada o 13 de decembro de 2006 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU). España ratificáraa o 3 de decembro de 2007 e entraba en vigor o 3 de maio de 2008. Aínda en 2022, foise clarificando máis a consagración legal dos dereitos das persoas con discapacidade como suxeitos titulares de dereitos, xunto á obrigación dos poderes públicos de garantir que o seu exercicio sexa pleno e efectivo.

No plano semántico, a substitución da expresión “diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos” pola de “persoas con discapacidade” non vén, por tanto, senón a corrixir unha linguaxe desfasada da propia lexislación. O precepto constitucional seguirá insistindo na obrigación dos poderes públicos para realizar “unha política de prevención, tratamento, rehabilitación e integración “destas persoas” prestándolles a “atención especializada que requiren e as ampararán especialmente para o goce dos dereitos” que a Constitución “outorga a todos os cidadáns”. Se a preocupación principal dos implicados na vida de tales persoas fose de índole nominal, o CERMI non agruparía a máis de 800 organizacións comprometidas na representación, defensa e acción cidadá da cidadanía española con discapacidade.

Con ser importante que cambie ao nivel lexislativo máis alto o modo de chamar a esta diferenza interpersoal máis forte, non debe deixar fóra da preocupación política e cidadá polas necesidades reais que conleva; con esta maquillaxe verbal, o 10% da poboación española non ve cumprida senón unha pequena parte do seu recoñecemento. A cuestión relevante seguirá sendo a súa inclusión plena, se non se quere que a atención a este problema relevante quede nun enfeite cosmético e hipócrita, que parece pero non é. É de celebrar que os dous partidos con máis representación parlamentaria renoven un acordo que xa mostraran antes das eleccións. Pero é de anotar igualmente o tempo transcorrido desde 1982 para este leve cambio e, doutra banda, as dúbidas que a moitos dos agora pactantes lles produce que poida ser a porta a reformas constitucionais noutros asuntos sobre a calidade democrática dos españois. É evidente que a letra do articulado constitucional ten neste momento importantes encollementos minorizadores do que os capacita ou diminúe en gran variedade de cuestións en que non se acomoda á realidade social e, ás veces, nin sequera roza a máis urxida de atención despois de 45 anos. E non hai dúbida de que seguirá así. A divisoria que existe entre “constitucionalistas” e o resto de políticos parlantes no Congreso e no Senado, allea aos problemas dos seus representados, parécese moito ao que René Magritte escribiu en 1928 debaixo dun debuxo seu: “Isto non é unha pipa”. Esa traizón surrealista das imaxes é a que, por exemplo en Educación, sostén imperturbable o variado artg. 27.

 


TEMAS: Discapacidade. Inclusión.- Dereitos constitucionais.- Minoración cidadá.- Dereitos propios e impropios.
MMC (Madrid: 30.12.2023)

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario