O tempo das vellas querenzas non deixa de ser como sempre quixeron as elites dominantes. Volve sen terse ido.
Nas últimas semanas, con ritmo crecente desde o 20 de xaneiro, o transfondo informativo de canto
ocorre parece determinado polas présas, coma se o tempo se acelerase con ritmo
crecente. Como reflexo de canto ocorre en EEUU, as noticias dos asuntos
españois portan tamén aceleracións, aínda que a cotío siga todo encomendado á
aparencia de cambio, igual que dicía o Príncipe de Salina, o Gatopardo, ante o que
pasaba na Sicilia do último terzo do XIX,
que non era a do Cambia, todo cambia
de Mercedes Sosa en 1982.
Na “Era Trump”, a xestualidade
do 47º presidente americano, expeditiva e veloz na sinatura de multitude de
decretos ante as cámaras dos medios afíns, quere enterrar canto se dispuxo na
anterior etapa presidencial; nomea aos seus fieis mosqueteiros, víngase de quen
o investigou como convicto e traza o carreiro por onde camiñan apresa as súas
iniciativas. No papel –e nos medios- nada se lle resiste, ben sexan emigrantes,
ansiedades expansionistas, negacionismos diversos e ata reversións toponímicas
que xa sobrepasan o Golfo de México;
segundo o seu ínclito Elon Musk, han de estenderse ao propio espazo europeo,
onde a Canle da Mancha deberá chamarse George Washington. Estamos a empezar. O mundo
mundial, empezando por Groenlanndia e
Panamá, deberá estar baixo a súa xurisdición ou, polo menos, baixo a éxida
da súa americanización. Quen empezou a beber Coca-Cola en 1953 –con motivo daquela Paz de Madrid patrocinada por Dwigt Eisenhower-, despois de que o Concordato co Vaticano facilitase a
reversión do veto da ONU ao franquismo, estamos ao dispor de que a Heritage Foundation nos colonice un
pouco máis. Despois de O fin da Historia
en 1992 e de “a globalización”, aquí andamos coa IA e os seus derivados, ao
retortero dos amos de X/X e outras
plataformas dixitais. Esta xente vai tan tan apresa que, sen rematar o de
Gaza e o Líbano, que non está “tan limpo” como lle gustaría a Trump. Con que os
nativos desaparezan en Xordania e Exipto, parece querer repetir a vella conquista do Oeste cando fixeron desaparecer os
indios e os bisontes das grandes praderías. Enseguida dará renda solta á súa
ambición de recolonizar aquel espazo mediterráneo
con resorts turísticos entrefebrados con industrias extractivas do gas e
petróleo que atesoure a zona.
Vellas querenzas
Recolonizar, redefinir, resituar a posición de dominio e control, co apoio dos socios plutócratas do novo Gobierno, xa era obxectivo propagado desde antes de que Trump renovase o inquilinato da Casa Branca. Desde aí, coreano como facían os romanos cada vez que algún cónsul ou emperador entraba triunfal preto do Coliseo. Xa se dan présa para que sexa máis evidente o cumprimento providencial que demanda toda moeda de dólar desde 1864: In God we Trust (En Deus confiamos), non sexa que a China lles arrebate esa dubidosa honra de someter a máis xente que eles aos seus intereses. A Guerra das Galias é pouca cousa; será interesante ver que pasa coa incursión da ferramenta de IA, DeepSeek, no mercado internacional. Esta primeira escaramuza, a conta do gran competidor de Amazon, ALIBABA, sacudiu a Bolsa. A pelexa mundial alcanza a outros niveis do control de materias primas, comercio e industria, carreira polo control das órbitas baixa e xeoestacionaria dos satélites e os roteiros do Pacífico.
Na cotiandade española, o “desastre do 98” revólvese entre borrascas que van e veñen máis repetitivas e rápidas que nunca. As présas herdadas de entón inclínanse cara á ignorancia e que deamos por inexistente o máis evidente. Asuntos merecedores de especial atención están a ser traballados intensamente pola propaganda de conviccións que se crían desprazadas do mapa. Despois e 80 anos da liberación de Auschwitz –e Mauthausen-Gusen, Treblinka e demais circuítos do horror nazi-, segue
habendo narrativas empeñadas en facer ver que os alí sacrificados en honra da suposta supremacía aria fosen só xudeus, ocultando, por exemplo, que tamén alí foron masacrados os dereitos civís e políticos de xitanos, migrantes apátridas, homosexuais e os de 9.328 republicanos españois, dos que o 60% non sobreviviron. Esta desigualdade na mirada non é única e, facendo como que fose “natural”, augura continuidades larvadas en violencias do presente. Algunhas présas españolas porque non se noten moito agáchanse baixo tardanzas administrativas que sofren os afectados da DINA na Horta Sur valenciana; a tres meses deste desastre, non atoparon aínda a debida atención a problemas que ocuparán gran parte do tempo das súas vidas. Doutra banda, este asunto repite á súa vez urxencias partidistas da actividade parlamentaria, en que votacións retortas dos últimos días, atoparon acomodo por máis que enturbasen a vida de millóns de cidadáns de toda cor política. No Parlamento de todos, que os representantes dos cidadáns conversen, dialoguen e traballen conxuntamente na solución imprescindible de problemas comúns segue tan enlamado como o siga estando Paiporta, ou calquera pobo da contorna da Albufera. Aínda por riba, se os envites entre supostos responsables de distintos niveis administrativos son inútiles para o que importa –incluída a súa responsabilidade na xestión-, a longa cambiada que, coas comunicacións do fiscal xeral do Estado, preténdese dar á presunta conculcación do dereito á intimidade en cuestións fiscais dun particular como o noivo de Isabel Ayuso, vai camiño de cegar a quen queira aproximarse a venda da Xustiza nunha sociedade supostamente democrática.
Este territorio do freo e do atraso é moi coherente con lentitudes herdadas do pasado. En Educación –sempre tan no centro de todo-, non son froito exclusivo de corenta anos que, fosen ou non fascistas, non foron antifascistas e só se interesaron por “os selectos”. A prensa encomiaba este 29 de xaneiro de 2024 o avance habido nunha estrutura escolar cuxo retroceso en “abandono” respecto a 2023 -un 0,7% respecto a 2023, e cinco puntos menos que en 2018- deixaba un 13% de mozos e mozas de entre 18-24 anos unicamente con estudos de ESO para afrontar a súa vida. Certo que é un mínimo “histórico” en España, pero non debe dar que pensar que, dentro da UE, só en Romanía sexa maior este “fracaso do sistema educativo”? Tanto ou máis “histórico” é que, desde antes da lei Moyano en 1857, a moi poucos lles importase a existencia dunha gran masa de persoas analfabetas ou semianalfabetas. Para unha digna vida individual e colectiva, non dá igual; e cantas políticas educativas non concorden niso aceleran o cumprimento das profecías de Trump e os seus neoliberais intrépidos.
TEMAS: Valor da escolarización
universal.- Abandono escolar.- Neocolonialismo americano.- Fracasos do sistema
educativo.- Era Trump.