A opinión dos docentes...non conta?

20 ene 2025

Toda contemporaneidade leva temporalidades atopadas

 


A linealidade do tempo explica pouco o que sucede: a pura cronoloxía queda curta para contar que é un avance ou un retroceso.

 

O novo acceso de Trump á Casa Branca está cargado de confusión, especialmente para cantos acumulan anos. Non é esta a única xeración que vive perplexa ante canto lle toca vivir; abundan nas desconcertadas e non faltan as que creron de verdade que o tempo se acababa. Non se explican doutro xeito as repeticións de trazos dalgúns profetas do Antigo Testamento nin, no Novo, que a Apocalipse fose incluída entre os libros canónicos da primitiva comunidade cristiá. Da inminencia do fin do mundo –esperada por múltiples razóns- , hai moita presenza na arte medieval, especialmente no cambio do milenio. Reflícteno os Beatos: o de Liébana e o da Biblioteca Nacional son fieis testemuñas desa crenza recorrente. Nos últimos oito séculos, as pestes, as guerras, os cambios da “orde” vixente -fosen económicos ou políticos-  seguiron dando pé a variadas expresións do mesmo cariz. O medo e a ansia de atopar sentido ao que ocorre –ou parece que vai ocorrer- animan todo tipo de suxestións. En fin, os soportes do cinema e do cómic, de índole ás veces distópica e moitas outras utópica, medran con este mesmo horizonte temático. Sempre a confluencia do novo e o vello atraen apreciacións subxectivas, en que o afán de seguridade acolle variadas maneiras de facer convivir o que pasa pola imaxinación e o que acontece.

 Os desaxustes entre cronoloxía e a Historia tamén son frecuentes. Na información cotiá, é recorrente que a continuidade de feitos e persoas non indique, por si mesma, avance ou retroceso. Observada en detalle e baixo o prisma dos beneficios ou perdas e os seus afectados, no transcurso da cronoloxía advírtense patróns de continuidade e descontinuidade cuxo contraste permite advertir aspectos cualitativos de gran relevancia. Esta precaución, básica para distinguir uns tempos doutros, permite advertir cambios significativos, pasos cara adiante e atrás, progresos, melancolías e desesperanzas. Retiradas as consideracións de valor, moitas veces aparecerá unha rara disparidade entre o que consigna a Cronoloxía -un antes e un despois físico- e a Historia, é dicir, o que realmente acontece en canto mellora ou deterioración a vida humana. É dicir , que o tempo histórico non é mera cronoloxía. Os historiadores da Escola de Annales  (1929), por exemplo, distinguían por tal motivo a existencia de tempos ”longos” e tempos “curtos” que puidese encerrar a súa configuración. Hegel (1807) pola súa banda , distinguira, na súa filosofía do tempo, tres fases dialécticas no seu tránsito, máis idelista que cronolóxico. E moito antes, Agustín de Hipona deixara constancia nas súas Confesións (398 d.C.) de que o feito de escribir facíao “no tempo”, e que “hai moito tempo que falo do tempo, que este moito tempo non é senón un traxecto do tempo”, pero ignorando “que é o tempo”.

 

Volver e volver

Tales reflexións, experiencias e expectativas, desenganos, esperanzas e indicios de escepticismo, volven acumularse no inicio da que se chamou “Era Trump”, de cronoloxía precisa e valores incertos cara a estes catro anos que seguen. Sen apenas iniciarse, a simple catalogación temporal difumina o valor do que aconteceu antes, e quere exaltar o que achegará á Historia común dos humanos. A falta de suficiente contraste explica o desasosego máis que razoable de cantos len nos xestos e palabras –amplamente divulgados polos amigos do personaxe- que o conservadurismo ultra gañará máis peso nas decisións que tome.

 


Non hai dúbida de que terán repercusión bastante lonxe de Washington, incluída España, onde é relevante destacar que, a cada cidadán non lle será fácil comprobar, en por si, o xusto valor histórico de canto aconteza nesa capital a partir deste 20 de xaneiro. No material a que habitualmente teña acceso –especialmente a través de redes de dubidosa neutralidade- atopará criterios e versións atopadas. As leas mediáticas, sempre interesadas, pouco lle axudarán e verá, mesmo, que unha gran maioría de persoas, pasadas á indiferenza, non advertirían esa carencia. En todo caso, é raro que a educación recibida non se ocupou en proporcionarlle unha capacidade crítica suficiente para distinguir o que merece a pena do que non, cando ningún argumento hai, salvo a desidia, que xustifique a indolencia das políticas educativas neste sentido. Os anos de escolaridade deberían, polo menos, desenvolver certa capacidade comprensiva para a lectura da prensa que, en papel ou en pantalla, está ao alcance ordinario de todo cidadán.

 

Contrasta este obxectivo do dereito á educación, co que o pasado día 13 confirmou un evento no Ateneo de Madrid, en que se puxo de manifesto que a repartición de competencias educativas nos anos noventa xerara, nalgunhas Comunidades, a desregulación do sistema escolar. Os datos alí achegados, indicaron que, coma se  dunha cadea de montaxe se tratase, proletarizan aos seus traballadores docentes de tal modo que, máis taylorizados que nunca, a súa intensa burocratización non lles deixa tempo nin incentivos para construír un modelo crítico e moderno. Por esencial que sexa a unha democracia sólida, o utilitarismo tecnocrático que estarían a impoñer a este traballo moitos xestores das políticas educativas españolas, non precisa a exemplaridade dos novos inquilinos da Casa Branca. Levan anos financiando o público-público á baixa e venden como selecto un sistema en que os fracasos que induce incumpren o artg. 27 da CE78. Roubando dignidade educativa a moitos mozos e mozas en idade escolar, esta xestión , herdeira dun pasado deficitario, protexe na súa estrutura dual marcas de desigualdade. Afectan especialmente aos que máis necesitan un digno sistema que ensine a “ler” do modo adecuado aos tempos que corren e, indirectamente, xeran abulia democrática.

Que á calor que inspire Washington sexa un “progreso” porque sucede en 2025, é difícil de admitir por cantos entenden que os valores comunitarios a soster e ampliar son outros. En particular, “a liberdade”, imprescindible para calquera conversación democrática. Ante cantos fan a onda aos plutócratas americanos, reverter os desaxustes desta coxuntura entre cronoloxía e contemporaneidade educadora esixirá resistencias similares ás que, segundo Frei Toribio de Benavente, poñían os indios á invasión cultural dos españois.

TEMAS: Historia actual.- Políticas progresistas e conservadoras.- Cronoloxía e Historia.- Veracidade e subxectividade.- Educación crítica e democrática.

 MMC (20.01.2024).  

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario