A opinión dos docentes...non conta?

15 ene 2025

Proliferan os estilos victimistas de mostrarse ante os demais.


Esta forma de distinción, baseada en supostos agravios, tende a confundir e esixe aos demais cidadáns privilexios excepcionais. 

O victimismo é unha praga que carcome a confianza, actitude esencial para a dignidade democrática. Os longos anos do Antigo Réxime, sumados a formas alternantes de colonialismos autoritarios da vida política, nunca fixeron desaparecer de todo aquelas maneiras da distinción. A medida que a burguesía afianzou as súas maneiras de control rendible do sistema produtivo, conformou tamén as de control político, os seus gustos e preferencias de liberdade. Boa parte do acontecido no século XIX e do XX legou a este século unha herdanza na que o gran debate é ver en que medida, facendo como que non existe a clase traballadora, as chamadas xenericamente clases medias imitan libremente –sen aparente coacción- os donos de canto xera valor.

Non cesou de repetirse neste tránsito que “Todo é bo para o convento” ou “todo vén ben para o convento”, apotegma xerado nas loitas dos chamados “apostólicos” con quen lles disputaba a civilidade do poder. Ao parecer, aludía á escusa dun frade que levaba ao lombo a unha muller que recollera en algures, e vale tamén ao que se ve, oe e predica desde noticiarios e faladoiros diversos. No tempo presente, en que creceron as formas en que certo aristocratismo de aspecto benevolente, bota man do populismo. Esta suposta proximidade reitera episodios en que os suxeitos activos non necesariamente son cregos nin aristócratas fetén; “todo” lles vale e ante calquera situación política xogan a protexer o seu poder. Hai cumios partidistas que os coaligan para que non teñan reparos en nada se convén para vencer ao contrario e, por un tempo, darse a razón a si mesmos.

Na escena internacional, dentro duns días verase no Gotha, o triunfo deste estilo político. Por primeira vez na historia do Norte alcanza a presidencia un señor convicto de 35 delitos, ao que, grazas a lograr o favor cidadán, exímeno de canto chanchullo golpista montou en 2021 . O seu proxecto, propagado a conta de supostos victimismos de colectivos alleos ao seu, non ten inconveniente ético en fachendear de canto se lle antolla . Pronto veremos qué pasa, mesmo, coas relacións internacionais, supostamente pacíficas desde a IIªGM. Non admite a existencia dunha hexemonía en declive e pregoa que a súa xeopolítica expansionista reconfigurará a estratexia americana baixo novos pretextos de seguridade. O sempre aleatorio Oriente Medio xa está a ser reformulado no xadrez internacional; vaise Biden querendo deixar recosido o taboleiro de xogo, e Trump ocúpase de garantir a súa provisionalidade nun mundo cambiante, cando a escala mundial as pezas fortes do poder xa se moven nos escaques do Pacífico. Antes de que o día 20 de xaneiro se traspase a presidencia de Washington, unha cohorte de multimillonarios está encantada de ter a ocasión de expandir os seus monopolios no novo mapa de relacións. O PIB particular de plutócratas como Zuckerberg e Elon Musk  supera o de países enteiros da UE, e se avén cos alardes do populismo trumpista. A súa capacidade de interferir na ignorancia ou o coñecemento a través plataformas tecnolóxicas e recursos é abafadora e xa mostraron ao resto dos humanos a pouca capacidade que teñen de exercitar razoablemente a súa liberdade. Na lexislatura que empeza, os seus xestos de proximidade esperan acrecentar a rendibilidade dos seus negocios, e en Los Ángeles, mentres arden miles de casas, a elite dos millonarios loce os seus propios bombeiros.

Simulacións ao redor da Moncloa

No microespazo hispano nunca deixaron de existir simulacións similares. A picaresca, orixinal achega española á narrativa literaria, está a converterse cos ventos que sopran de América en plaxio do populismo victimista. Desde que unha moción de censura desbancou a Rajoy en 2018, os que perderon o envite colleron afección aos relatos con altas doses deste compoñente; esgrímeno para que medre o seu número de fieis e que o recoñecemento mutuo embarge a cantos , por variadas razóns, se inqueden por que a súa posición socioeconómica poida decaer. As solemnes declaracións dos seus líderes denotan unha desenvoltura de gran reverberación cando logran que o xornalismo de micrófono reproduza o seu lanzo en directo para os noticiarios. A última destas revelacións, a cargo de Nacho Cano, foi que era un perseguido da Moncloa. Os adxectivos que empregou e a nombradía das súas amizades e labores procuraron que o resto dos mortais se puxese do seu lado sen preguntar se “se podía levantar”. Todo axudaba a que o televidente –especialmente se se sentía agraviado por algo- asentise ao cabreo que o faladeiro entrevistado expresaba. Tamén en democracia existen situacións conflitivas e aí estaba esta educación  informal tratando de sintonizar coas audiencias sen desmellorar a posición dos selectos.


Esta tendencia xa estaba de moda antes de que a presidenta madrileña, os seus achegados e servidores, se fixesen  cargo de emitir mensaxes escurecedoras do que fan cada vez que lles poñen un micrófono diante. Como alumno ben educado, Feijóo, contraprograma á Moncloa e trata de obedecer o que lle din que faga; para progresar adecuadamente, todo lle vale. Amnistías, desastres, auga, inmigrantes ou vivenda, son cuestións ás que, incluso a ponte cara a Junts per Catalunya deixa na irrelevancia a longa dedicación dun xulgado aos correos electrónicos da Fiscalía do Estado. Desviada a atención de Dna. Isabel e o seu noivo, o victimismo deste con Facenda pode permitirlle irse “de rositas” , como di Rosa Villacastín. O método seguido, unha xoia do esperpento, é obra dun M.A.R. que xa “peitea canas”, responsable de elevar de Valladolid á Moncloa ao actual oráculo de FAES, o profeta  nostálxico da alta misión de que “o que poida facer que faga”, porque Sánchez  é “un perigo para a democracia”.

A primeira vítima de tan aristocratizante victimismo advírtese nalgúns xestos do presidente actual do Gobierno e a súa contorna. Non é para menos: o resto dos españois sófreo desde case sempre. Á maioría, o suposto dereito escolar á educación non os facultou  –segundo reiteran os informes PISA- para discriminar o verdadeiro do falso; infórmanse como poden, pero a rutina de sobrevivir non lles deixa tempo, nin medios. Quen tamén peitean canas, educados na austeridade de que  “vanitas vanitatum et omnia vanitas (Eclesiastés, 1, 2), non entenden o que está a pasar, pero poida que o ritmo victimista dos donos das vaidades mundanas logre este mes de xaneiro facer entender para que queren o Estado.

 

TEMAS: Populismo.- Victimismo.- Autoritarismo.- Confianza democrática.- Dereito a unha educación digna e igual para todos.

MMC (15.01.2025).

No hay comentarios:

Publicar un comentario