Tratar
de que se acepten cambios sen protestas implica tratar de convencer ao persoal
do bo que é facer as cousas doutro xeito .
A instrumentación de medios para convencer dun cambio ou unha
revolución non é nova. Case nada o é. A publicidade e a propaganda son tan
antigas como as táboas cuneiformes; de tempos próximos, cabe lembrar imperios
mediáticos construídos no século XIX, condicionantes de políticas diversas,
incluídas as imperialistas. Extraer recursos a base da ansiedade de novidades
foi o fundamento da rendibilidade do
negocio da información e a publicidade, un campo en que a liña divisoria
non sempre é fácil distinguir. Así creceu o comercio; así se difundiron as invencións
e descubrimentos; así se desenvolveu a información contraposta sobre as guerras
e, coa mesma ambigüidade desenvolvéronse tamén non poucos movementos culturais
e políticos, especialmente algúns que acabaron en desastre. Sen contar damnificados,
os mortos na IIGM sobrepasan os 60 millóns entre civís e combatentes, en boa
medida a causa da eficiencia de Goebbels
entre 1933 e 1945.
A relación de estudos e investigacións sobre esta etapa europea,
cos seus múltiples ingredientes é amplísima, o que non impide a preocupación de
quen como Siegmund Ginzberg, na súa recente Síndrome 33, ven
similitudes no momento actual cos anos en que os nazis, destruída a República de
Weimar, seduciron cos seus parrafeos ao pobo alemán. Abundan os indicadores de
parecidos síntomas de deterioración
democrática, e ata algúns dos personaxes deste presente fan que aquela
etapa pareza cada vez máis un metáfora da realidade sociopolítica actual.
Anuncios últimos de Trump &Company no sentido de reducir o Departamento de
Educación á nada, que os museos sexan patrióticos e deixen de pescudar sobre o
seu discurso colonial, ou a súa petición de respecto aos valores cristiáns desde
as institucións, alberga serios pretextos para depurar tendencias favorables ao
desenvolvemento dos Dereitos Humanos e
Civís. A definición xeoestratégica en que se move a nova Administración de
EEUU aproveita ao máximo as posibilidades das tecnoloxías actuais para impoñer
unha neocolonización cultural e
económica sen obstáculos morais nin confesionais, que estorben un
neoimperialismo proveitoso para a elite que neste momento detenta case todo o
poder político.
Algunhas derivacións desta estratexia xa presionan sobre Europa.
Entre aranceis e OTAN, ambos en fase de revisión e novas condicións do acordado
desde a IIªGM, os 27 de Europa van ter que reformular, de entrada, o
concernente á Defensa: rearmamento, exército, investigación sobre tecnoloxía
militar, mando de tropas, plans estratéxicos, número de unidades operativas,
etc. É dicir, teñen que priorizar un concepto de sociedade e de medios que -nos
anos pasados-, parecía estar en segundo plano e tutelado por EEUU. O dono do taboleiro de xadrez en Occidente
cambiou as normas do xogo, e sen que haxa un debate a fondo sobre o novo
regulamento, fáisenos ver día si e día tamén, o interese que ten o Exército. Practicamente todos os días
preséntase o papel de servizo dos submarinos, a Armada, os tanques, a
tecnoloxía aérea e, de cando en vez, cóanse tamén cantidades de recursos que
deba poñer cada país e os seus prazos de contribución. No Congreso, aparecen
cuantificacións proporcionais ao PIB e que o
debate político adivíñase complicado. A dificultade trátase de obviar
dicindo que os recursos imprescindibles para ese 2% do PIB, con que
contribuiría España, non implicará recortes
do Estado de Benestar, é dicir, do conxunto de prestacións sociais que deron
diferencialidade á vida en Europa. Teoricamente, por tanto, nin a Sanidade, nin
a Educación, nin as Pensións dos maiores –nin o trato nas residencias xeriátricas-,
nin os demais servizos públicos en seguridade pública, en comunicacións e
transportes -nin en xestión de todo o conxunto-, sufrirá deterioración. De onde
sairán os recursos adicionais é aínda misterio: o tira e afrouxa respecto ao
que o novo empeño signifique de proveito económico
inmediato empezou, e está por ver se ha de ser un gasto mancomunado ou se
cada un dos 27 ha de cargar individualmente co seu.
En todo caso, está claro que a
Defensa Europea vai cara adiante. Flotan no aire cuestiones tales coma se
vai ser algo de verdade autónomo ou se, como nas transicións do esclavismo, e
as súas reformulacións da subordinación
voluntaria a cambio de protección, ha de parecer que a escravitude se
difuminou en maneiras máis ou menos piadosas de manumisión. Para que os
problemas de opinión pública sexan menores, e que se é posible se revertan cara
a posicións proclives a unha “paz
armada”, aquí temos en exercicio a mesma técnica do “OTAN, DE ENTRADA, NON”
de 1982, convertido catro anos máis tarde en: “VOTA SI EN INTERESE DE ESPAÑA”,
e volven os españois para ter a ocasión de comprobar as teorías de McLuhan ao redor do medio como mensaxe. A masaxe
informativa-publicitaria empezou de maneira sólida e consistente, a fin de que
as maneiras de pensar, sentir e opinar vaian collendo o cariz que menos custo
represente a quen deba decidir. Como é propio de situacións en que non é o
mesmo estar na oposición que no poder, todo ten unha ambigüidade calculada e,
ao ritmo dos días que veñen, irá incrementando a súa intensidade, propicia a
dobregar aos máis remisos. Xa se advirten nos medios os neoconversos á nova situación, que engadirán méritos para seguir
estando onde sempre estiveron, sen arriscar nada e non perder corda nas novas
oportunidades que se presenten.
É propio das situacións de cambio, o emprego de mecanismos pedagóxicos para que se acepte o que impón o
poder real, o da economía e os seus preceptos. As linguaxes do liberalismo
remodelanse e complementan desde antes de que Adam Smith tratase de facer ver
que eran a maneira de lograr A riqueza
das nacións. Na vida escolar, repetiuse o mesmo cos reformismos que, desde a
Lei Moyano en 1857, marcaron a xeneralización
da escola deixando sempre fóra de xogo a un grupo amplo de persoas. A
redución do analfabetismo foi lenta, pero sempre hai quen diga que avanzamos
moito. Aínda en 2025, “fracasa” un terzo
do alumnado, ao que o sistema educativo sérvelle de pouco, pero a súa
invisibilidade mediática e política vénlle ben ao sistema produtivo como man de obra barata. A cuestión é
saber se non lle iría mellor á calidade da convivencia colectiva unha igualdade educativa de verdade. Faría
ineficientes as pedagoxías sobre a “paz armada”?
TEMAS: Educación pública.- Deterioración democrática.- Estado de
Benestar.- Xeoestratexia actual.- Unión Europea.
MMC (31.03.2025).