Chegados
a unha idade suficiente para calibrar que o que queda por diante é bastante
menos que o vivido, esta pregunta é pertinente.
Quen non teña esa idade dificilmente se
pode facer a pregunta e, se preguntan, é porque están fartos de rutinas ás que
non lle ven sentido ou imposicións que non aguantan. Para isto último, calquera
crianza é quen de atopar razóns, e máis os que, despois de andar entre algodóns,
saen caprichosos e antolladizos. De consentidos que son, preguntan, pero para dar a nota na aula, como saben os
docentes máis pacientes.
De cinco meses acá -sen buscar
antecedentes-, a pregunta ten sentido para todo tipo de cidadáns e
especialmente, como queda este, para quen peitea anos. Entre os adornos desta
etapa sociopolítica, está o que lles lembra moito os tempos escolares, sobre
todo a parte que brindaba o segmento de
recreo no patio do colexio ou a escola. Era un tempo breve, sempre
incongruente pola súa curta duración; polo menos , iso parecía a mozos –e
mozas- que en idade medradeira, que non vían sentido a tantas horas de aula.
Sedentarias e case sempre amarradas ao pupitre en silencio, parecíanlles
ridículas fronte ao tempo escaso en que, a media mañá, era un pracer correr,
moverse, dar patadas a canto puidese rodar ou, se se terciaba, botar uns “guás”
ás canicas, xogar ao marro ou a outra habilidade estimulante entre iguais.
O problema do recreo, para a maioría,
era que, á marxe das disposicións regulamentarias que houbese –cuestión que en
internados e similares, podía ser atafegante-, mentres non se tiña formada unha
personalidade recoñecida polos demais sempre reinaban no patio uns cantos que
dominaban a escena e trataban de ter a man unha corte de vasalos. Era un asunto
algo mafioso. O xefeciño exercía como Don ou Boss de película, cunha chulería
que podía ser estridente cando ía acompañada dunha gama de violencias anticipatorias do mobbing actual, capaces de amargarlle os días a calquera que
ousase levarlle a contraria ou non facerlle caso. Era evidente que eran os donos do recreo e, se os vixiantes
estaban na lúa, non eran difíciles as rifas. Se o colexio en cuestión non
estaba situado no barrio onde se vivía, tampouco era raro que, antes de chegar
de volta a casa, se repetise un ambiente similar entre colegas: as cuadrillas
reproducían o mesmo esquema relacional, e en áreas periurbanas non eran raras pelexas en que as pedras sobrevoaban un
escampado máis ou menos propicio para disputarse o control da zona cando os maiores
non circulaban por alí.
Non fai falta vivir aqueles ambientes
escolares; sen melancolías daquel pasado, todo cidadán pode ver aquel estilo
pendenciero nos díxomes, díxomes da tele. Rexorde nas secuencias televisadas
dos supostos debates no Senado, o Congreso e algunhas Asembleas de Comunidades
Autónomas, onde os modais ao uso entre
os representantes políticos teñen grandes analoxías con aqueles patios.
Neses espazos privilexiados da democracia e, coma se non tivesen máis que
facer, malgastan o tempo entre rifas ás que levan preparada a esceniña, o
atrezo e, sobre todo, as pedras para tirar aos da outra bancada, con voces ben
adestradas e xestos que fallan ás veces, pero en que o que nunca marra é a
intención de ver se, tirándolle ao de en fronte un asunto, tatexa e faille
morder o po da humillación. Nestes espazos de desencontro, o último en
estratexias son as sorpresas. En tempos de tanta fragmentación, non é doado
soster a suposta cohesión imprescindible para saír ben da pelexa. As fidelidades de cuadrilla fraquean ás veces;
sempre media algún cabreo, celoso por un mal xesto, unha desavinza ou
malentendido que, manexado habilmente por xornalistas amigos, deixe a alguén
descolocado e sen a imaxe debida.
Habilmente manexado o tropezón, é
útil para a bancada propia, que escacha co riso. A política parlamentaria española
ten actualmente un certo aire infantil,
por graves que sexan os asuntos que por alí pasan ou parece que pasan. Importa
máis, por exemplo, un gol deste tipo que a mellora da Saúde ou da Educación.
Reprodúcese, a escala, a política de moda no panorama internacional, en que o curmán de Zumosol , ao que se recorría,
quere que xoguemos sen a súa protección e que aprendamos a defendernos, aínda
que xa verá que fai se advirte que somos infieis á súa patriarcalismo
hexemónico. El, pola súa banda, ten a sensación de estar a perder calidades
ante outros posibles primos do seu rango, e bota contas de se, no campo de
recreo global, de toda a Terra, fáltanlle
cromos e xoga a súa partida coma se non existise Europa. Naqueles recreos afastados,
quen non soubese de corrido dous ou tres aliñacións de futbolistas, e non fose
recoñecido cun mote ou pseudónimo en que un recoñecido campión de cada domingo
fixese de talismán protector, era un pringado ao que a clasificación futboleira situara como un perdedor.
Volve unha repartición de roles forte, en que as fendas da memoria escolar advirten nas preocupacións do presente, ante todo, a persistencia do pasado; coma se o tivese adiantado, é posible que non se fose e que siga aí. Os partidarios da circularidade do tempo non teñen fácil demostrar que teñen máis razón que os que, sen saber que é o tempo –como confesaba Agustín de Hipona-, aseguran que máis ben é lineal e, en si mesmo, infinito. O que en todo caso é difícil a uns e outros é explicar como, na realidade cotiá, a relatividade das estatísticas repite curso a curso, verso a verso, descoidos importantes. Por exemplo , a consistente mutación do analfabetismo en semianalfabetismo , un panorama crecente do que os datos obxectivos da súa proporción no presente son tan altos que facultan entender a persistencia -non menos pertinaz- dun amplo pasado de credulidades, negacionismo e ignorancia. A autonomía persoal está en risco, pero parece non importar.
Que Trump se sincere respecto ao pouco que lle importa no seu corraliño a Educación, pode ser un adianto do que o mal exemplo parlamentario hispano, con xestos, voces e rabechas, dirá pronto sen andrómenas. Tempo ao tempo; varios personaxes xa están a piques de mostrar cal é a súa autonomía persoal ou si farán como Europa, que se debate agora sobre si mesma. Algún hai que canto máis corean os cidadáns a súa incompetencia probada, xesticula moito pero amárrase á cadeira de brazos como Odiseo ao mastro e trata de sortear a tormenta. A IA, disposta a ser a Sibila de Delfos, diralle o que queira oír; o ChatGPT está adestrado para que aguante e, tamén, para que recoñeza que se terminou o tempo de recreo. Namentres, os espectadores destes xogos reunidos entretéñense coa filosofía do tempo e outras series televisivas en que non pasa nada, cando o preocupante deberían ser as amnesias, desmemorias e descoidos deste tempo: non é de adultos xesticular dos nervios e votar ao chou. Benedetti, falaba de que a Historia, “maltreita”, xa non ten quen lle peitee as mentiras”, pero coma se chovese.
TEMAS:
Filosofías do tempo.- Analfabetismo.- Semianalfabetismo.- Educación
pública.- Políticas privatizadoras.
MMC
(24.03.2025)
No hay comentarios:
Publicar un comentario