A xeopolítica está a cambiar os indicadores do que está ben ou vai mal, e na vida política de proximidade medran as ocasións para o ridículo.
Na prensa destes días, apareceu a mención ás “tentacións” de modo
significativo. A moitos lectores devolveríaos a aquelas tentacións en que o
diaño –segundo di Mateo, 4, 5-11-
mostra a Xesús desde un monte moi alto “todos os reinos do mundo e a súa gloria”,
e dille: “Todo isto dareicho se te
prostras e adórasme”. Véñense á memoria vendo a TRUMP. Cantos foron educados
nos fervores do nacionalcatolicismo, as tentacións asócianos ás censuras que
marcaban as películas e obras de teatro coas cualificativas morais do 3, 3R e 4, indicando que se lles sobreviña
a morte sen confesión despois de velas, o Inferno era o seu futuro. Do pasado, por culpa de Adán e Eva, a humanidade perdera o paraíso; sibilinas
insinuacións entre a serpe e Eva sobre unha mazá prohibida fixeran cómplice a
Adán da tentadora desobediencia.
Nos relatos mitificadores
que educaron a moitas xeracións latexaban unhas cantas imaxes que, ao que se
ve, teñen tentación de presente. As tentacións do diaño acompañan á imaxe do
emperador de Washington asinando decretos e emitindo mensaxes que varían segundo
o humor con que se levante. Á vez, actualizan tópicos e historias que nos chegaron de Nerón, ao que sitúan -pese ao
maxisterio de Séneca- tocando a lira ante
unha Roma que incendiou por ver se emula a Homero ante a caída de Troia. Os
comunicadores do “despacho oval” non cesan de situar a intrepidez neoimperial ante os humanos que se deixaron tentar pola
ambición dun mundo máis habitable, ese en que Europa é un pecado e aí está el,
enarborando a cruzada do dólar cual
fero negociante do benestar recortable. Cantos presuman de ter algunha
intelixencia para vivir sen depender necesariamente do Norte -como chamaban os
emigrantes galegos aos que emigraran a esa latitude do hemisferio americano- aí
teñen a Trump , tentado pola inmensidade
de reinos e terras que non son o Norte, anceiando que o sexan un pouco máis
canto antes .
O diaño é hábil e meteulle no corpo que o programa plutócrata sairá adiante se non pon en risco o
conservadurismo. A documentación histórica abonda en actitudes como esta ,e na historia
do século XX hai moitos acontecementos en que a combinación destes ingredientes
é reiterativa, tamén en España. Así mesmo, o aparello conceptual para analizalo
ten antecedentes. De 1954 é, por exemplo, o brillante artigo de Hannah Arendt sobre Relixión e política en que, entre outras encrucilladas, andaba
por medio “a liberdade” en plena Guerra fría. Na forma de afrontar a suposta “seguridade”
de futuro, o custo do rearmamento no PIB
-entre o 2 e o 3% para alcanzar o 5 canto antes-, tamén esconde tras o
extraordinario negocio mixtificaciones en que o ben, o mal, os bos e os malos,
os mediocres e os mornos, andan á gresca para impoñer o seu criterio e que
parezan coincidir a moral, a política, a economía e a boa conciencia (sempre en
minúscula). Tanto europeos como españois tiveron que aceptar no pasado as
modulacións doutros e, agora, parece que os
novos emperadores de Occidente queiran que nos inclinemos, unha vez máis,
ante as súas redefinicións do ben e do mal (cristián, branco e patriarcal). Non
existe, polo menos por agora, a tentación de non facer caso a esta reedición do
libro de instrucións. Circula desde hai pouco máis dun mes a receita do superior/inferior; entre o colonizador e o colonizado imponse de novo un roteiro prefixado
do ben e do mal, atenta á liberdade de decisión de cantos nunca foron iguais.
Non importa a Declaración de Virxinia
(o 12. 06. 1776), especialmente o seu artigo 1: “Que
todos os homes son por natureza igualmente libres e independentes”. Menos lles
vai a de París en 1789, e a Declaración
Universal de Dereitos Humanos (de 10.12.1948) non lles gusta: 30
dereitos recoñecidos son demasiados e, ademais, estas dúas últimas foron
proclamadas en Europa.
Nos lares hispanos, esta cuestión -central na CE78- adoita
resolverse, por unha banda, nun territorio semántico que non tivese que ver con
“a soberanía” ou, tamén, a “liberdade de
conciencia”. Por outro, as protestas por cuestións de vivenda, escola, sanidade,
migracións, trato aos maiores ou o que se dea ás mulleres, sinalan dúbidas
reais sobre igualdade, xustiza e dignidade, que non diminúen por máis que, ante
queixas sobre a preservación dos
dereitos das persoas, o afán por salvar as institucións supostamente
competentes en tales asuntos pretende que non saian erosionadas. En noticias e debates, esta
tendencia ao silencio ou á desculpa non salva o insalvable cando por acción ou
omisión, rutina ou descoido -máis ou menos culpable-, saen tocadas. Cando as
agresións a eses dereitos non se logran parar, reducir ou minimizar nun tempo
razoable de reflexión e debate democrático, está a mostrarse a limitada
calidade da liberdade, igualdade e fraternidade cidadás. Non fai falta unha análise
detallada dos casos e cousas ruidosos de cada día.
Son imposible signo de saúde democrática os incumprimentos, rutinas e
descoidos acontecidos no desastre da Horta Sur valenciana. Tampouco o é o
algarismo 7291, que fai estremecer a
persoas –non só de Madrid- en idade
avanzada.
Agora que aumentan os aires
do imperio do NORTE reclamando débitos e prestacións, servizos e
reverencias, veremos a firmeza con que aguantan tantas estruturas que viviron
renqueantes cando non parasitarias. Neste sentido, é preocupante a
desinformación que circula cando o empeño dalgúns grupos é transmitir os
criterios de bondade das súas propostas políticas con fórmulas como a que circulou
nunha “Illa das corrupcións” zafia e
falaz. Ese estilo polo que Miguel
Tellado viuse no brete de ter que pedir “desculpas serias á República
Dominicana”, implica altas doses de estupidez programada. Nin é serio o que di,
nin a función dun político é tratar aos seus representados coma se a súa
listeza consistise en mostrase tan superior que fose impune ao que está a
dicir. Entre tanta brincadeira, dilles que os deixase tirados na defensa dos
seus dereitos cívicos, cuxos recortes crecerán coas limitacións orzamentarias. Se
o tempo é o que nos queda por vivir, estes tipos son mala compañía para afrontar
as tentacións a que é adicto Trump, e que pagaremos todos. Non confundan! O
Evanxeo fala dos “fariseos” e “sepulcros branqueados”; o colonialismo coñeceu ben aos cipayos e, entre os asalariados do
pasado, sempre se soubo ben quen eran os crebafolgas.
TEMAS: Liberdade de expresión.- Información veraz.- Xeoestrategia americana.- Falsidade e verdade.- Hipocrisía e moral.
MMC (10.03.2025)
No hay comentarios:
Publicar un comentario