A opinión dos docentes...non conta?

25 jun 2026

A Universidade de hai 50 anos segue no recordo


A mestura de expectativas, logros e frustracións de entón, han axudar a seguir aprendendo.

A portada do número 681 da revista Historia y Vida mostra este mes de xuño unha promoción celebrando estudar a licenciatura de Historia e Xeografía; despois de 50 anos, case corenta daqueles amigos volveron a atoparse na Universidade de Valladolid. Non podendo acudir a esa xuntanza no patio do Palacio de Santa Cruz, o agradecido afecto con que fun acollido nese grupo en 1973, mesturado con multitude de recordos, fai equívoca a liña interpretativa desta revista. Despois de pasar ese medio século entre cuestións educativas, non estou seguro, por exemplo, de que fósemos a “xeración da Transición”, formada “nos anos chave da historia contemporánea”, como asegura a súa liña editorial.


Melancolía. Alberto Durero, 1514.

Que o segundo sexa verdade, depende do propio concepto de “Historia Contemporánea” e, en todo caso, non fai verdadeiro o primeiro: o post quem (o posterior) non é o propter quem (a causa explicativa antecedente). Salvo que parta de que a Transición fose unha especie de cambio meramente cronolóxico de cromos, tan exemplar que aquela metamorfose non supuxese concesións e rachaduras, moitos problemas -tamén en Educación-quedaron pendentes de mellor tratamento democrático. Ao paso dos anos creceu a impresión de que o máis interesante daquela formación foi “o peche” da Universidade o 8 de febreiro de 1975. A suspensión da actividade académica de 8.000 estudantes, deixou no aire a posibilidade de salvar o curso en setembro e, no tempo previo á “concesión” destes exames, quedou en evidencia o que merecía a pena. Co apoio de docentes atentos ao alumnado, a colaboración mutua dos estudantes logrou -sen clases- preparar o requirido para aquel trámite . A experiencia comunitaria serviu de instrumento, ademais, para concorrer, no verán de 1977, a prazas docentes de Xeografía e Historia en institutos públicos, e ese traballo, en formato de apuntamentos, seguiu sendo útil a compañeiros e compañeiras noutras oposicións. A posteriori, do intenso acontecemento do “peche” quedou tamén a irrelevancia doutro profesorado, pretendendo tapar o baleiro dos docentes debidos. Ante aquela “desorde disciplinaria”, ese amplo grupo reafirmou as súas connivencias coa “nova orde universitaria” que inaugurara Ibáñez Martín no paraninfo do edificio do século XVIII con gran procesión co Xeralísimo baixo palio, encomiando ao comezo do curso 1940-41 “a depuración” de docentes, especialmente da ILE, “o gran desmoche” que iniciara J.Mª Pemán (1936-38) e continuara Sainz Rodríguez (1938-39). Desde antes de 1975, xa tiveramos oportunidade de observar as fidelidades de exfalanxistas de primeira hora e as doutras “familias” do Réxime, parasitando aquel espazo pro domo sua. Con Carrero Blanco significárase máis entre xuño-decembro de 1973, e con Arias Navarro se “bunkerizaron” entre decembro de 1973 e xullo do 76. Nesta data, xa terminaramos na Universidade; o primeiro Gobierno de Suárez -preconstituínte- duraría ata o mesmo mes de 1977.

Doutra banda, gran parte daquela promoción de Historia e Xeografía exerceu a docencia en institutos sen poder dicir que a experiencia co profesorado universitario fose especialmente motivadora para o que debía ser a democracia educativa despois da Transición. Nas  etapas escolares, a obrigatoriedade non alcanzaba a todos os nenos e nenas, como acabarían sinalando os Pactos da Moncloa en outubro de 1977, e aqueles ensinantes -supostamente os mestres inspiradores do sistema educativo- non se saíron do marcado polo CSIC desde 1939. Non facía falta ler Arbor para experimentar que, salvo nas clases de catro ou cinco -excepcionais-, nunca tivemos a oportunidade de esculcar no pracer de colaborar en que houbese outro afán por saber. Das Marías -aínda que xa estivesen de recheo-, nas actas de cualificacións quedou constancia de aprobalas, e das didácticas habituais nas demais materias, quedaron vivos no recordo casos como o de dúas compañeiras que, por achar o libro que seguía un profe ad pedem litterae, e subliñalo en clase segundo a entoación que daba aos seus amarelados papeis, obtiveron un suspenso no exame da parte correspondente do “temario”. Non ser amanuenses medievais era un problema, e lamentable foi, tamén, a represalia sufrida por un  amigo que replicara a un catedrático porque, do que falaba, non tiña nin idea. Anécdotas deste tipo formaban categoría, pero faciamos como que non nos decatabamos; queriamos acabar a carreira.

Un futuro imperfecto?

De engadido, aquela promoción volveu atopar eses hábitos, ao comezo do seu traballo profesional nos institutos e en colexios, onde a exemplaridade vivida na alma mater constituía o marco docente da “cultura escolar” vixente. Poucos daqueles adaptábanse ás esixencias que expuña o alumnado adolescente e, para atender as súas variadas capacidades, máis aló dalgunhas formalidades e neolinguaxes, os cambios que esixiu en 1970 a leve apertura da LXE -e a súa ampliación da obrigatoriedade escolar ata os 14 anos- foron escasos. O burocrático Certificado de Aptitude Docente (CAP), engadido á formación inicial en 5º de carreira, estivo vixente ata 2009, sen que a Transición se ocupase de capacitar solidamente a ninguén .

Outras cuestións quedaron tamén á espera de mellores tempos. Viviramos as folgas de estudantes, e as de docentes empezámolas a vivir desde os días do concurso-oposición en Santander, no verán de 1977 . Para o curso próximo, a “indefinida” xa está anunciada, e volverá mostrar que, despois de 50 anos. nove leis orgánicas, desatentas ao “ensino común”, sinálanlle un futuro pouco venturoso. A Universidade de Valladolid, fundada en 1241 como Estudo Xeral por Fernando III e o papa Inocencio IV, corre o risco de perder crédito como centro público accesible e dotado da dignidade debida. A “primacía nacional”, que volveu a arraigar na Vella Castela, ten no acontecido na Complutense a súa folla de roteiro. Miguel Delibes, que dalgúns profesores daquela Universidade mostraba coñecemento na súa Correspondencia epistolar co seu editor en Destino, daquela  Valladolid deixou reflectidos moito tics en El Hereje, novela ambientada nas inquisicións do século XVI aos vallisoletanos reformados. En Los Santos inocentes, unha España clasista pregoa: “Se un non sabe quen é, nin coñece a súa propia natureza, seguramente non saberá sequera que debe facer”.

Con todo, obrigado é recoñecer que sobrevivir non é pouco, e que unha boa parte do mérito correspóndelle a aquela promoción vallisoletana do 76: GRAZAS 

M. Menor Currás
25/06/2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario