A opinión dos docentes...non conta?

7 jun 2026

A “a casa común” fáltalle moito para que sexa común


Viralle ben o concurso de vontades próximas á voz de León XIV para que esta Terra sexa habitable.

Esta metáfora, recorrente nas mensaxes de León XIV, é continuista de moitas  outras como “igrexa”, “comunidade” e “corpo místico” que, no pasado, tiveron as súas propias connotacións para o confesionalismo católico. O novo recurso alegórico ten gran interese na procura e desenvolvemento de vontades concordantes en crear condicións para un mundo en que todos ter cabida. Este papa emprégao 14 veces na súa recente encíclica para ensamblar o seu discurso ao redor do “ben común”, a inmigración, a paz ou os desherdados da Terra. Este espazo da habitabilidade “común”, que a crise climática fai indispensable, corre o risco de non ser habitable por ningún humano salvo que todos -incluídos os crentes- arrimen o ombreiro. Esa perspectiva permite chamar a atención sobre cuestións relevantes como as que conleva a IA na vida diaria. Como res nova, non o é tanto se se considera entre os determinantes doutra fase da Revolución industrial que James Watt iniciou en 1769 ao redor da máquina de vapor, pero é máis grande a súa capacidade de acentuar  as vantaxes e riscos que entón supuxo o cambio do sistema produtivo.

A vinculación do valor simbólico da “casa común” -moi en liña con pronunciamentos científicos, e os de expertos no uso indiscriminado de prestacións alleas ao “ben común” e a xustiza- ten gran importancia como amplificador da súa voz ante negacionistas diversos. De todos os xeitos, pode quedarse en verbalismo ante o xogo real en que anda a humanidade nos pasos de quen ten o poder tecnocrático sobre eses medios. En 1891, o seu antecesor León XIII lanzou unha mensaxe similar sinalando as res novae do seu momento, sen que o núcleo causante destas -a xustiza distributiva dos beneficios da economía capitalista- apenas se decatase. Ata moi entrado o “Estado de benestar” -despois da IIªGuerra Mundial- aquela doutrina valeu, moitas veces, como escusa dun amarelismo do que os sindicatos obreiros de clase foron testemuñas e vítimas. O test de que a rápida atención de León XIV en atender asuntos que arrastra esta nova  “cuestión social” supera aquela ambigua linguaxe, reside en se logra que “a caridade” da súa Igrexa sexa “xustiza”, polo menos no que está directamente na súa man. Sería a súa grande achega a “a casa común”, aínda que a historia non lle sexa favorable. Jean Delumeau, por exemplo, dá conta en O medo en Occidente nos séculos XIV ao XVIII (1978), de como o afán eclesiástico de “cristiandade” instrumentalizou medios para controlar a sociedade. E en España -revisando simplemente desde Xoán XXIII ao papa Francisco-, actuacións dun episcopado -consentido polos gobernos, antes e despois da CE78- facultan para desconfiar de que esta bonita metáfora conte con lealdades suficientes para cooperar con “outros” a que sexa realidade.


L´ home qui marche. Alberto Giacometti, 1960.

Unha gran “conversión”?

O humanismo de León XIV, asido a un punto de ancoraxe relevante, fai atractivo que quen se chamou Robert Francis Prevost Martínez cando vivía entre xente humilde, queira liderar, como referente do catolicismo, unha posición ética con vontade de compartir cos humanos unha historia en que a Natureza está farta de xestos desapiadados. O seu tirón concorda coa mensaxe cristiá orixinal, pero non impide a desconfianza de quen sufriu, de diversos modos, un clericalismo autoritario e colaboracionista de explotadores da Terra e de canto ser humano tiveron a man. De nada  lles serviron aos afectados as queixas que -entre outros- vertera Mark Twain en Contra a relixión (1904), por culpa do “cristianísimo” Leopoldo II de Bélxica –“o carniceiro” do Congo-; do esclavismo inaugurado por Sir John Hawkins -que puxera ao seu barco corsario o nome “Jesús” en 1564-, ou dos progroms do “intensamente cristián” tsar Alejandro III en 1882. Ás cazas de bruxas, como a de Salem (Massachusetts) en 1692, tamén estaban entre as súas queixas, e Arthur Miller teatralizaría esta historia en 1952. O seu estreou en España, a finais de 1956, non impediu que aquel substrato seguise vivo no “púlpito” católico. Tantos partidarios tivo, mesmo despois de 1975, que, como escribía en 2017 un colaborador de Mundiario, algún eximio representante dicía que “falaba con Deus”. Moitos outros, en silencio ante o que non quixeron ver,  aínda se cren inspirados ditadores do ben, que non diferencian entre “pecado” e “crime” de lesa civilidade. Namentres, a CEE, delegada operativa do Estado Vaticano en España -extensiva da súa Nunciatura- promove movementos contrarios a “a casa común” mediante entidades interpostas como CONCAPA ou COLEXIOS CATÓLICOS. Prolóngaos desde puntos emisores como a COPE ou medios afíns, e non lle vale que os Acordos de 1979 ou a ampla presenza temporal lograda no Rexistro de Propiedade, nin os patrocinios e exencións das súas fundacións, contradigan un sermoneo constante sobre a amplitude de “o público” en Educación. O seu “aconfesionalismo”, a pesar de estar ben dotado, interfire en debates democráticos, sobre todo, se incumben a liberdades e dereitos de todos, como os que, por exemplo, afectan máis directamente ás mulleres.

O símbolo da  “casa común” -unha crítica indirecta á Economía política vixente- gañaría moito se, nesta ruidosa viaxe “apostólica” a España, tendencias consentidas desde a CEE visen rebaixadas as súas pretensións neoliberais. A eficiencia empática que poida ter fóra do círculo católico pasa, entre outras actuacións, pola súa capacidade de cambiar conceptos e preceptos da competitiva educación que, pretendendo incluír ao alumnado que acolle, exclúe as necesidades de boa parte do alumnado. Eses dous mundos, desiguais para convivir, vénos creando desde antes de 1953 na súa pelexa polo orzamento do Estado. A escola privada-concertada -en que a Igrexa é gran empresaria- fortaleceuse , a pública foise facendo ”residual”, e o sistema educativo resultante anima un selecto individualismo que desprotexe a quen non teñen recursos.

A Teoloxía política de León XIV expón problemas, despois de 2000 anos, á ansiedade clerical por alargar o “ollo da agulla” de que falaba Mt.19, 24. Os damnificados polo hierocratismo que soportaron entre os anos 50 e 80 non aguantan ben o exhibicionismo pop desta viaxe. Con outra congruencia, esta “casa común” sería máis exemplar, particularmente para docentes en folga, estes mesmos días, por vellas demandas dunha “educación común” digna.

TEMAS: Teoloxía política.- A Igrexa como “casa común”.- “Educación común”.-Acordos de 1979.- Ben común e pobreza.

MMC (Madrid: 05.06.2026).

No hay comentarios:

Publicar un comentario