A visión humanista do papa sobre os asuntos duros
que neste momento sacoden a convivencia pon un punto de esperanza.
De Canarias lévase o
papa, ao final da súa viaxe a España, a existencia de contrastes aos que as
súas palabras trataron de iluminar. Resultou tecnicamente perfecto, tivo
gran seguimento mediático e, como remate, a inauguración da torre de Xesús, na
Sacra Familia, de Gaudí, suscitou aplauso unánime. Outra cousa é a eficiencia
das mensaxes deste home campechanamente bo sobre realidades que viviu con
humanismo cristián entre os pobres do Perú. O acontecido aos sete minutos dos
aplausos ao seu discurso no Congreso ou a pequena liorta entre o presidente do
Gobierno e o xefe da oposición e, sobre todo, os comentarios de Almeida respecto
ao bonito que quedou o seu paso por Madrid, ou os de Ayuso acerca de que a súa
procura de futuro era “importar pobreza masiva”, son indicadores do seu alcance
obxectivo. Tampouco podería oír á alcaldesa de Mogán, en Gran Canaria,
explicando por que, en novembro e 2020, fretou tres autobuses para levar
inmigrantes á delegación do Gobierno, nin ao presidente daquela Comunidade
poñendo pegas á atracada do barco do hantavirus hai un mes.
O xesto de percorrer
España en papamóbil, as súas outras palabras sobre a dignidade do nasciturus, ou
os asuntos da igualdade da muller, reiteran tradicións doutrinais da súa Igrexa,
pero é esperanzador que a autoridade da súa voz alente a primacía ao
lado máis nobre dos seres humanos: a dignidade e igualdade de trato a que
todos teñen dereito, sexan ou non sexan pobres. Esa posición, como xa lle
mostrou Trump, non le achegará moito aliados, nin sequera entre xentes da súa
contorna eclesial, onde abundan escorregadizos partidarios de intransixencias
e, se cadra, de colaboracionismos autoritarios. Con todo, a súa visión do
pobre, coherente coas Benaventuranzas, sinala un camiño cohesionador de
vontades cara a unha historia en que non sobre ninguén, propicia a que as
persoas de boa vontade se apunten a dar dignidade á vida de todos. Ese baixarse
humilde, remiso a cantos van de prepotentes sabichóns, acolle a cantos queiran
cooperar nesa tarefa que, ao longo da historia sempre foi conflitiva xusto por
empeñarse en que caiban todos.
Na súa misa nas Palmas,
León XIV veu denunciar unha actitude xa denunciada no Evanxeo: “Non poucas veces, a riqueza vólvenos cegos, ata o punto de pensar que a nosa felicidade só
pode realizarse se logramos prescindir dos demais”. Xusto nese momento, cando as treguas
fráxiles que, desde o mes de abril, se viñan sucedendo no conflito armado de
EEUU contra Irán -e de Netanyahu con cantos crea que desafian a súa particular
“terra prometida”-, optaba por advertir como unha humanidade que parece perder
o Norte, nin presta atención a como os patróns climáticos da Terra, ante o descoido
dos humanos, anuncian o seu fastío. Cando ao falar de migracións, sinalou que
“a dignidade humana non perde valor ao cruzar unha fronteira”, e que “non
podemos pasar de longo ante as pateras”, concretou as actitudes precisas
para que a humanidade con “todos” sexa verdade, e que a atención que se
lles preste non sexa “mero asistencialismo”. A altura moral e política deste
discurso de León XIV a prol da dignidade de todos os humanos é moi diferente do
que onte, 11 de xuño, inauguraba Europa. O que desexa para o “ser”, “estar”
e “habitar” en comunidade é contrario ao que estimulan instancias, voces,
xestos e gustos en que o mercado, a riqueza e a posición social son os que mandan.
Os demais -sen dereito a existir- parece que poidan vivir se lles dan permiso,
como exemplifican as expansivas políticas partidarias da “primacía nacional” O
papa non dixo nada que non estivese na parte dos evanxeos máis comprometida con
“os outros”. A cuestión é se quen lle oia entre artificios, seguirán a súa
esixencia, nada superficial, de ruptura coa aburguesada e condescendente
idea de que, desde o poder, pódense facer cousas como as que o
neoplatonismo inspirou, tan útiles para todo tipo de cruzadas imperialistas.
Os coidados de “a viña”
Nesta Igrexa do século
XXI perviven influentes grupos que pugnan por apropiarse da conciencia e
o tempo dos demais con artes contrarias a esa mensaxe conciliadora. Quen ten na
súa memoria danos inflixidos por xestos de eclesiásticos alleos á fraternidade
universal e ao rezo do “Painoso” -de cando o código Civil non entendía de
Dereitos Humanos-, verán que ás fermosas mensaxes de León XIV fáltalles a
compañía de xestos congruentes. De regreso ao Vaticano, irá vendo en que
medida a súa semente de esperanzas frutifica. Os labores do campo, que tantas
parábolas xeraron aos primeiros cristiáns, bríndanlle pautas para seguir a
evolución da súa “viña”. Non abonda con binar a terra, ararla, cavala ou removela para romper a costra e airear o chan; se
non elimina as malas herbas e non manexa ben a poda, todo é inútil. Irá vendo,
ademais, que nada asegura que cantos lle loaron estes días sigan facéndoo se
ven que fala en serio cando di que “a cooperación mutua ha ser eficaz e
permanente” e non se presta a compoñendas.
Sendo matemático, cabe
supoñer que coñeza o poderoso atractivo máxico das sensacións que, como as
destes días en Cibeles, Montserrat ou diversos estadios, xeran os grupos
musicais combinando sofisticadas sensacións multisensoriais a millóns de
seguidores. No mundo das crenzas -non só nas de índole confesional-, é
comprobable, igualmente, o atractivo dos santuarios onde as reliquias dun santo, mártir ou modélico crente, sempre xerou
un atractivo feiticeiro e ata taumatúrxico. Na súa experiencia dentro da
experiencia católica, é moi probable que teña advertido a abundancia de ermidas
e procesións dedicadas a patróns/oas en
lugares onde os seus rituais se superpoñen aos que -ás veces neses mesmos
espazos “sacros”- remóntanse á época precristiana. Os arqueólogos ven neles conviccións
ligadas, desde o Paleolítico, a unha concepción do mundo, propicia a que forzas
que, supostamente, gobernaban a Terra, fosen propicias. Desa maxia, en que
ver e tocar son esenciais, participa, sen máis esixencia, o costumismo de
facerse un selfie co papa. Non hai constancia do seu alcance moral ante
a primeira persoa que lles parecese un “pordioseiro” inmigrante.
TEMAS: Costumismos
relixiosos.- Praxe moral das Benaventuranzas.- Ética política.-
Neoconservadurismo.- Catolicismo e outros confesionalismos.
MMC (Madrid: 12.06.2026)
No hay comentarios:
Publicar un comentario