A opinión dos docentes...non conta?

17 mar 2014

Evanescencia de la Escuela Pública asociada al desmantelamiento progresivo de la Democracia.


Así reza o título do último libro do presidente de EUROPA LAICA, Francisco Delgado, segundo o cal o diagnóstico da Democracia e a Educación españolas é asemade preocupante.

Francisco Delgado (Albacete, 1949) destacou nos últimos anos por presidir EUROPA LAICA, asociación moi activa na reclamación de que a vida pública dos españois sexa realmente aconfesional, como proclama a Constitución de 1978. As súas preocupacións por este asunto naceron, en todo caso, emparelladas con actividades anteriores cuxo obxectivo inmediato era a calidade democrática do noso sistema educativo. Por formación e profesión, por desempeño de cargos públicos -deputado, senador, concelleiro e membro do Consello Escolar do Estado en diversas lexislaturas-, e por implicación en asociacións como CEAPA, a educación que temos, cos seus defectos, virtudes e expectativas, estivo preferentemente no centro da súa atención. De feito, non é a primeira vez que escribe sobre ela. Da súa pluma son La escuela pública amenazada (1997), Hacia la escuela laica (2005) e multitude de colaboracións, artigos e conferencias nos que a evolución dos asuntos educativos, os dereitos do neno e o deporte escolar prestaron ocasión sobrada para expresar o seu pensamento.

O novo neste volume que acaba de publicar reside en que nas súas páxinas se mesturan de xeito máis vivo, por plenamente actual, as cuestións principais que imbrican simultáneamente a educación española -sobre todo a escolar, nas súas etapas obligatoria e postobrigatoria- e o noso sistema de convivencia. Por veces, produce a impresión de que o que sucede na escola anticipa como será de inmediato a nosa sociedade e, as máis delas, acontece á inversa, de modo que a escola aparece a miúdo como espello fiel do que xa a sociedade está sendo. E nesta conxunción de miradas o autor dá especial relevancia ao equívoco tratamento, aconfesional e privilexiado a un tempo -ao amparo do artc. 16.3-, que se dá ás crenzas relixiosas e, de xeito particular ás que propaga a Igrexa Católica; principalísimamente na escola, pero tamén en moitos outras ordes da vida pública -como os protocolos de Estado, o exército, o sistema penitenciario, o patrimonio artístico e cultural, o sistema tributario de Facenda e outros aspectos.

Esta análise da situación ambiental en que se move moita da actual vida política española ten algunhas peculiaridades. Sobre todo, un tratamento diacrónico, que arrinca coa primeira lei educativa española relevante -a Lei Moyano de 1857-, vai adquirindo novos perfís co paso do tempo e, nun momento que xa enlaza co proceso de formación do autor, tínguese de nacionalcatolicismo. Posteriormente -na transición e os primeiros gobernos socialistas-, empezará a ser obxecto relevante das súas propias actuacións políticas. Aquí reside, ao meu modo de ver, a parte máis interesante do libro, pois permite seguir de primeira man a pugna constante do autor en pos da liña máis clásica do laicismo -inspirada na Ilustración francesa-, e con ela o proceso de cantos neste percorrido experimentaron decepcións de diverso grado por non conseguir aínda un Estado menos confesional, pero que non abandonaron, pese a todo, o afán por lograr espazos máis libres e comúns, en que todos, crentes e non crentes, agnósticos dunha ou de todas as relixións e seitas, poidan tratar sen condicionamientos nin dogmatismos previos os asuntos de convivencia que afectan a todos.

O título deste libro alude claramente á expectativa xeral que os acontecementos dos últimos tempos inspiran ao autor. Non son tempos para a lírica e si para estar alerta. A perspectiva cruzada de intereses -non precisamente espirituais- e as contradicións que xeran na dinámica social, póñennos na pista para entender mellor cal pode ser o futuro deste presente en que estamos inmersos. Se non lle poñemos remedio, o panorama preséntase sombrío ou, ata, problemático, tanto para a Escola Pública como para a propia Democracia a que esta di responder. A unha é xa “evanescente” e a outra se atopa -ao dicir do autor- en “desmantelamento progresivo”, de modo que os que fían a ambas a protección e amparo do compartido, o público e capaz de arrouparnos a todos na intemperie provocada por diversas crises, corren o risco do escepticismo total. Algo moi distinto do que oficialmente se encargan de publicitar voces oficiais e oficiosas, pero que pode desembocar en fragmentacións e enfrontamentos de maior calado que os xa existentes.

As denuncias do autor son, neste sentido, unha chamada de alerta.
En realidade, trátase dun queixume polo que non hai. Non pertence, con todo, ao xénero xeremíaco, tan en boga, senón que suscita perspectivas de como poderían e deberían ser as cousas: que liñas primordiais debería ter a nosa democracia e, con ela, a escola pública que todos deberiamos compartir, defender e fortalecer. Visto en positivo, este libro-río ao que aflúen multitude de vivencias, debates e activismos varios por causas cívicas, permite --e non é o seu mérito menor- ver a historicidade de nosas propias vidas. Fronte aos quen comungan con verdades e situacións inamovibles e eternas, esencialistas e imperturbables, estas páxinas mostran como en España -aínda que persistan reclamaciones e demandas fortes- xa se experimentaron mutacións e cambios profundos difíciles de retrotraer. Pero tamén sinalan que, neste fluír dos acontecementos, é preciso seguir pelexando por que non se pare o avance en dereitos e liberdades da maioría. Para quen non ambicionen caer na irrelevancia ou no desastre, o libro de Delgado é un aldabonazo. Tanto para que a nosa Democracia non se perda en formalidades burocráticas pouco ligadas aos problemas cidadáns, como para que a Escola pública que temos poida desenvolver todo o seu potencial inclusivo, difusor do coñecemento e integrador das máis diversas sensibilidades en liberdade, condicións esenciais da igualdade democrática.

De gran proveito será esta obra para cantos compartan estes ideais. É un libro de urxencia, escrito a gallarón, como a impulso dos problemas que nos axexan de contino. Non cumpre moitas das formalidades meticulosas dos libros académicos, pero ten sobrada vitalidade para espertar a atención de calquera cidadán preocupado por asuntos que lle incumben de cheo. Ata para aqueles que poñen os seus desvelos nunha restauración ou rexeneración de presuntos agravios á unidade esencial de España, pode ser de proveito advertir que as liberdades e a igualdade democráticas -na escola e en moitos outros espazos do público- son vitais. As escolas, ante todo, han de ser espazos para unir e reducir tensións, única fórmula de que o odio e as obsesións distintivas desaparezan. Urxen vías, métodos, pedagoxías, sistemas e persoas que se afanen en ampliar o mapa do que acolle e o que abre, no canto de privilexiar o que exclúe, encerra e incomunica. Sóbranos xente humillada e ofendida, postergada e abandonada polos prepotentes: as escolas onde se cultiva e propaga a segregación..., as imposicións gratuitas que só favorecen a selecta desafección -con desprezo dos dereitos humanos fundamentais-, sairannos moi caras.

Da oportunidade deste opúsculo dan fe os últimos acontecementos protagonizados pola propia Igrexa Católica en España. A nova presidencia da súa Conferencia Episcopal (CEE) foi presentada como un cambio de talante, froito do “efecto Francisco”. En si mesma, esta noticia -que pode seguirse na web de EUROPA LAICA, (http://laicismo.org/detalle.php?pk=30499 é indicativa da propia

historicidade da Igrexa, cambiante e adaptativa cara á inclusión e o diálogo con outras sensibilidades. Este libro de Delgado, con todo, vai máis aló. O que suscita é se -neste momento tempos e lugares diversos, sen que necesariamente implique avances significativos preciso- esa pregoada vontade ou necesidade de cambio a inducirá a promover -ou, polo menos, facilitar- que os españois modifiquen o privilexiado statu quo en que segue instalada. A súa múltiple dependencia económica do Estado e a súa superior posición adoutrinante en e desde a Escola Pública son dous capítulos moi aptos para concretar o alcance da presunta vontade de cambio e, sen retórica meliflua, dar consistencia testemuñal ás súas mensaxes de “solidariedade”, “misericordia” e “servizo aos máis pobres”. Cando a LOMCE -e outras leis últimas do Goberno- xogan á contra e son moitas as críticas intraeclesiais que ameazan con deixar a “era Francisco” en boas palabras, este libro pode ser de gran axuda para repensar cualitativamente estes condicionantes dunha democracia de todos.


Manuel Menor Currás
Madrid, 14/03/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario