A opinión dos docentes...non conta?

22 mar 2014

Non é certo que a LOMCE diga que non mellora a Escola Pública: sería demasiado.

  Manuel Menor

Pero é hipocresía: o “caderno de queixas”das Marchas pola Dignidade do sábado, 22 de marzo, abunda en razóns do deterioro  que as induce.

Políticos hai tan preocupados polo “fracaso escolar”, que non se miran a si mesmos para ver como esnaquizan a linguaxe e o deixan inservible. Reclamar agora “DIGNIDADE” non é senón tratar de restituír autenticidad á democracia. Porque ben visto, parece que quixesen retrotraernos a unha “democracia censitaria”, en que uns poucos poñan todo tipo de obstáculos para que os máis non só non participen dos posibles beneficios dun estado social e democrático de dereito, senón que se desinteresen de canto poidan afectarlles os espazos e tempos do público. Sumados estes recursos aos da súa posición de partida privilexiada, sitúan a estes selectos en posición inalcanzable e, a miúdo, tamén irresponsable ante tentacións de desaforo. Por iso o día 22 poderanse ver e oír xuntas moitas reclamacións en campos en que se tratou de virar o sentido do fundamental, para substituílo por sucedáneos de diverso valor tóxico. Esas reclamaciónss de DIGNIDADE son tamén extensibles a educación e, sobre todo, á educación pública, en que o mareo verbal é especialmente abusivo. É verdade que esta LOMCE non di que empeora a escola pública: só faltaría. Pero tamén é que, tal como a suscita, reduce a súa DIGNIDADE debida e discrimina o seu alumnado respecto ao das vías privadas do sistema educativo. Dicilo e proclamalo na rúa non merece ser demonizado como “ideoloxía” ou “politización” -dúas palabras moi dignas en democracia-; só é desacordo absoluto co que fai este Goberno.

A DIGNIDADE DO ALUMNADO reclama que non sexa a da escola unha ocasión máis para estigmatizalo con diferenzas selectivas, en loor dunha elitización temperá e coa bandeira da relixión, o bilingüismo ou o emprendemento como pretexto. Que aprender sexa unha oportunidade para completar o proceso de hominización intelixente e non para adestramento repetitivo e esteril. Que o saber é bastante máis que un mero asignaturismo enciclopédico sen que as ideas da Enciclopedia asomen por ningún lado? Que as clases non son un acuartelamiento masivo e homoxéneo, senón un espazo para a acollida personalizada e o tratamento humanizador das diferenzas, cando todos somos diferentes. Que é unha vergonza o crecente triunfo do machismo escolar, como o é o que 2.800.000 menores mostren a diario a súa pobreza famenta nas nosas escolas.

A
DIGNIDADE DOS PAIS E NAIS esixe que as idades máis temperás sexan as etapas educativas máis coidadas e se evite así unha primeira selectividade; que a escola non sexa un espazo para o descarado negocio privado en ningún dos seus tramos; que as becas e matrículas combinen adecuadamente a xustiza distributiva e non sexan un instrumento máis de discriminación social ante o saber e a cultura; que o seu dereito á participación e control dos centros educativos non sexa cortocircuitado por medidas retóricas; que se free e elimine o copago, outra forma máis de reprodución da desigualdade de partida; que a escola se desenvolva como espazo comunitario e non como lugar de desencontro ou confirmación “do que hai”...; que a gratuidade do ensino se estenda claramente a todo o necesario hoxe para estudar.

A DIGNIDADE DE PROFESORES E MESTRES suscita que o seu traballo sexa entendido e atendido como ben imprescindible nun país con sentido democrático de futuro; que como tal sexa tratado en canto a esixencia de formación inicial e permanente dos seus candidatos; e o mesmo haxa de ser en canto a mérito e prestixio social. Que non sexa o seu o primeiro elo constante de rebaixas salariais e expulsión do sistema laboral. Que o seu traballo en clase permita o labor educativo, tanto polo número proporcionado de estudantes, como polos medios dispostos para facilitar a inclusión de todos os alumnos. Que se recoñeza e revise de continuo ese traballo cotián ben feito, se distinga do meramente rutineiro ou nefasto e non se fíe a mero control rutineiro externo, desconfiado e alleo á personalización dos procesos de aprendizaxe. Que cada profesional do ensino se integre na xestión compartida do centro, como unha peza imprescindible máis, en continua reflexión cooperativa cos demais compañeiros? Que se valore de modo especial, o seu labor integrador e inclusivo.

A DIGNIDADE DA CONSTITUCIÓN -ao ser mal atendidas estas aspiracións básicas para unha máis DIGNA educación-, non parece ben parada coa LOMCE. Se fóra doutro xeito, non terían menudeado ante o Tribunal Constitucional as apelacións da oposición nestes días pasados. Como toda norma xurídica, a nova lei educativa ha de interpretarse en conexión coa Lei fundamental, cuxo cumprimento non se compadece ben tan só con que que non diga que vaia a deteriorar máis o ensino público. A LOMCE vén esixida, en positivo, a favorecer e desenvolver, por exemplo, a existencia dun “Estado social e democrático de dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamiento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo” (artc. 1.1). Entende a Carta Magna, ademais, que “os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación ningunha” (artg.14) e, nese contexto propicio á DIGNIDADE educativa de todo cidadán, esixe, como primeira providencia, que “os poderes públicos garantan o dereito de todos á educación” (artc. 27.5). En consonancia con estes ingredientes básicos, a DIGNIDADE da Constitución require -e é de desexar que así o vexan os membros do TC, aínda que non o quixeron ver nin o Congreso nin o Senado da presente Legislatura- deixar claro que o que di nos artgs. 9.2, 14 e 27.2 non propicia a segregación de colexios por razón de sexo como pretende esta LOMCE. Que a recta lectura de canto a Constitución di, non só nos citados artigos 1.1, e 27.5, senón tamén nos 9.2, 10.1, 27.2 e 27.7, non é contradictorio co que preceptúa a LOMCE en canto á irrelevancia en que some a participación de pais, profesores e alumnos na xestión e control dos centros educativos. Que a selección do alumnado que propicia a nova lei educativa, non contravén o que o reiterado artg. 27.5 da norma suprema establece. Que a separación dos alumnos a idades temperás, para desvialos cara a itinerarios inadecuados e diferenciados do currículum normativo, non casa co que a nosa Constitución di -ademais do primordial artg. 1.1- no 27.1, 81.1 e, sobre todo, o 53.1. E, dentro desta gama de dúbidas que esta nova norma propicia sobre do aumento da discriminación entre alumnos menores de 16 anos, o alto Tribunal tamén deberá esclarecer se é ou non así, respecto ao ambiguo artg 27.2, a fórmula curricular que quere a LOMCE, con alumnos que estuden Relixión mentres outros colegas estudan valores éticos, privando aos primeiros de saberes e actitudes educativas que contan con pleno respaldo na Unión Europea. Sobre todo isto, por non dicir máis -como en Canarias, Cataluña ou o País Vasco, desexan- , ha de resolver o alto tribunal e desmentir os indicios que ofrece esta nova lei de que baleira de sentido a escola pública á que deu ser a Constitución de 1978.

Iso, por outra banda, non resolve a pouca DIGNIDADE que os redactores de tal norma concederon ao saber pedagóxico e didáctico contrastado. Este avanzou o suficiente como para deixar en dúbida as presuntas “melloras” que a LOMCE di carrexar sen que se saiba en nome de que, pois nin le correctamente os informes que lle serven de pretexto. En puridade, a versión dignificadora dunha educación igualadora e non discriminatoria -que parece propiciar o articulado da Constitución- sempre foi obxecto de restriccións cando os gobernantes actuais tiveran ocasión no pasado. E no que vai de lexislatura, incrementaron os seus esforzos de xibarización das prestacións debidas para o logro desa DIGNIDADE educativa á que ten dereito todo cidadán, achegándose xa aos 6.000 millóns descontados. Con tales antecedentes, aínda que a LOMCE non di expresamente que vaia a deteriorar a Escola Pública, deita sobrados indicios de que, de aplicarse tal como foi mandada aprobar no Congreso de Deputados, limitará sensiblemente o contido democrático que lle marca a Constitución. Transformada en mera fórmula subsidiaria das outras dúas redes do sistema, todo indica que aumentará o seu acelerado deterioro -por furtarlle os medios adecuados para atender os crecentes problemas cuxa solución se lle encomenta. O agrandamento da asimetría social entre uns e outros cidadáns -difícil de saldar máis aló das oportunidades que brinda a escola- será deste xeito máis grave.

POR DIGNIDADE, xa que logo, os manifestantes do día 22 de marzo teñen razóns sobradas para non resignarse e esixir que os actuais responsables do Ministerio de Educación sexan os primeiros en solicitar a retirada da LOMCE. Só eles quixeron a súa existencia, tras un máis que inquietante proceso en soidade e á marxe das necesidades reais da educación española. A DIGNIDADE representativa, a rectitud da linguaxe -especialmente cando de “mellorar” se fala-, e a DIGNA atención á que teñen dereito os cidadáns, esixen outros mimbres para construír unha escola democrática que “mellore” de verdade o conseguido nos últimos 44 anos.

Madrid 20/03/2014




No hay comentarios:

Publicar un comentario