A opinión dos docentes...non conta?

21 jun 2014

Se Castelao levanta a cabeza...


foto de Inma López Silva
Case caio do asento cando lle oín a Felipe VI o nome de Castelao. Nunca se viu Castelao en tal tesitura: el, deputado da República, no discurso de proclamación dun rei. El, tan de andar pola casa en zapatillas, ficará para sempre nuns fastos borbónicos de coroación. Xa lle pasou cando Fraga, naquelas boutades, dicía que se Castelao vivise votaría ao PP. Pero agora ascendeu, e demostra que ser petrucio éche o que ten; colectivízante e quedas inútil.

Quizais, en realidade, o xesto demostre que Felipe VI é máis hábil do que parecía, porque así dun plumazo roubounos a Castelao. ¡A ver qué republicano galeguista cita agora a quen cita El Rei! Pero tamén pode ser o produto dunha equivocación. ¿Querería citar a Rosalía e, na súa vocación por fuxir de todo o decimonónico que se asocia á súa malfadada dinastía, procurou un santo galego máis contemporáneo? ¿Será que algún asesor, posiblemente a despedir nas próximas horas, descoñecía o significado do exiliado, vilipendiado, atristurado Castelao? ¿Ou será que ese asesor, traidor, un espírito libre, decidiu introducirlle a cuña galeguista a este rei que, doutro xeito, non diría máis ca un par de palabriñas en galego, e non precisamente «nunca máis»?

Sexa como for, velaí quedou Castelao na boca de Felipe VI. Castelao, rebotando no oído de Letizia, fiel ao seu branco roto e á súa teima en parecer máis nai ca muller intelixente. Castelao, metidiño nas lazadas dos vestidos de dúas nenas que xa saben que unha vai para raíña e a outra para simple irmá.

Claro que, como probablemente nunca máis oirán o nome de Castelao entre os coxíns e os veludos do palacio, crerán que esta vida súa é normal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario