A opinión dos docentes...non conta?

7 jul 2014

Patricia e Baltar


Fernanda Tabarés
La Voz de Galicia. 6 de xullo de 2014.


Debe de ser case paralizante levantarte pola mañá e saber que coas túas decisións podes mellorar a vida da xente. Así imaxino que debe encarar a vida o político, aínda que a realidade se empeñe en demostrar que nese oficio hai moito indolente, unha manchea  e den  "trepas" e un número insoportable de lerchos. Pero penso agora no bo gobernante e nas posibilidades infinitas que ten, na cantidade abafadora de pistas que os cidadáns deixan cada día para indicarlle por onde ten que transitar unha xestión cabal. Espero que algún deses políticos escoitara  a Patricia Martínez. A moza concluíu a súa formación preuniversitaria cuns resultados apabullantes que a semana pasada a levaron a recibir o aplauso do país no que vive. Filla e valedora da escola pública, alumna do instituto de Mondoñedo, o seu discurso conmove por coherente e profundo e consegue que algo se tranquilice dentro de cada un de nós; se estas son as persoas que veñen detrás, talvez as cousas irán ben. Penso mentres escoito a Patricia nese político e na responsabilidade que debería sentir ante ela. Na súa obrigación de non defraudala; no seu deber de garantir que todas as Patricias de Galicia van gozar coa sabedoría como o fai ela. E iso pasa por protexer e consentir a educación pública, por respectar aos mestres e coidar aos estudantes. A moza mindoniense foi premiada a mesma semana na que Baltar era xulgado en Ourense. Un proceso no que quedou claro que o mérito e a capacidade son cuchufletas para moitos deses políticos. Entre a Galicia que representa Baltar e a que simboliza Patricia deberiamos ter claro en cal queremos vivir.

Entrevista con Patricia Martínez (vídeo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario