
As imputacións
non nos deixan ver o bosque. Pero hai unha Galicia da que estar
orgullosos. Vimos esta semana 434 exemplos perfectos: os sobresaíntes
en selectividade. Mozos con estes soños: ser mellores persoas, ser
grandes profesionais. ¿Que tivese sido de moitos deles sen a educación
pública? Díxoo o martes a número un entre todos os números un: «Dou as
grazas a ela. Hai moitos que non podemos permitirnos pagar polos nosos
estudos». Foi un discurso de 10 dunha muller con expediente 10. Patricia
Martínez falou da súa receita para o éxito: «Só esforzo e traballo».
Esforzo e traballo. O oposto ao enchufismo. O oposto ao «tí vai
facendo». O oposto ao «¡feito!». O discurso de Patricia debería
repartirse en despachos, plenos e xulgados... para pór coloreados a quen
utilizan a coartada dos defectos de forma. Existe outra Galicia, a
Galicia para a que -o dixo Edison- o éxito é un 90 % de transpiración,
de suor. A de obreiros, estudantes e empresarios cuxos logros veñen da
suor das súas frontes. A Galicia que está máis preto de Picasso, o xenio
formado nun instituto público galego, o xenio ao que a inspiración
sempre sorprendeu traballando. Talvez o problema desta clase política é
que non teñen selectividade, que non hai filtros, nin control de
aforamento, nin se reserva o dereito de admisión. Deses pos chegan estes
lodos. Pasen e vexan: a tendencia da tempada é a prevaricación e o
suborno. Así pagan xustos por pecadores. Faise, pois, necesario un
proceso selectivo, unha proba para suspender a aqueles que soñan cun
escano... para medrar ou durmir a sesta. Fai falta unha clase política
mellor, que se desviva para que cada un destes 434 alumnos de
sobresaínte poidan cumprir o seu soño. Que non é, claro, recoller vasos e
pasar o trapo ás mesas dun bar en, por exemplo, Bremen.
No hay comentarios:
Publicar un comentario