A opinión dos docentes...non conta?

24 sept 2019

Devaluación do que non se valorou?



Non é fácil resistirse ao eco do que desde El País, suscitou un artigo sobre o libro de Andreu Navarra, Devaluación continua.

Non parece que haxa  moito que lle opoñer aos problemas que detecta este profesor. Conviría, con todo, facer algunhas acoutacións ás súas expeditivas mostras de insatisfacción e desgusto.

1.- Benvenida sexa a autora do artigo -e o autor do libro aludido- á longa listaxe de profesores, mestres, pais de familia e institucións que, dun ou outro modo, por unhas ou outras razóns, escribiron mostrando as debilidades do sistema educativo español. Dentro da variada gama de preocupados por el, podería establecerse como probada a existencia dun xénero literario de libros inspirados nos arbitristas históricos e, máis lonxe, nos profetas bíblicos, polos seus queixumes e solucións a problemas máis ou menos reais. Expresivos moitos deles de motivos que escusan diversas inoperancias, adoitan propiciar argumentos aos que antepoñen os seus propios intereses aos de todos. A literatura xeremíaca non cesa en mostrar a melancolía de moitos ensinantes, máis ou menos queimados, sen que alcance a novidade do que J.M. Esteve cualificaba en 1987 como  El malestar docente, nin o que tres anos antes analizara en Profesores en conflicto.

2.- Polo que conta a articulista, o libro que publicita prosegue a liña que, desde os anos 90, puxeron en órbita contra a LOXSE as acusacións de “exebeización”, “baixada de nivel” e demais consignas partidarias da privatización e neoconservadurismo educativos que, no plano máis estritamente político, desde os programas do PP moi pronto pasaron á práctica. A coxuntura actual é propicia para renovar aquela mensaxe, cando o sistema educativo, non recuperado dos recortes, mostra mellor as limitacións e desigualdades históricas que arrastra de moito máis atrás.

A pluralidade de campos de observación a que alude -ao apuntar os seis anos de docencia do autor do libro en diverso tipo de centros- é moi interesante, pero as xeneralizacións explicativas que destaca poden ser tan só as máis epidérmicas do sistema, aptas para estender rechamantes tópicos asentados en campos semánticos moi cambiantes de sentido segundo estratos sociais e, ata, en zonas distintas dunha mesma cidade. Son miles de profesores e mestres os que empeñaron as súas vidas profesionais en remediar deficiencias con que han ter que lidiar. E son case infinitas as reunións e actas de seminarios e cursos, manifestos e alternativas, en que quedaron expresadas, polo menos desde os anos setenta, “urxencias acuciantes” peores que as que se alegan neste artigo. A pena é que lles faltaron, para chamar a atención, as metáforas explosivas e mediáticas como as que o artigo en cuestión destaca. Aquelas queixas foron, en todo caso, insuficientes para alcanzar o favor de quen en El País acaban de ver neste libro “un latigazo contra a ceguera”. Se os mellores logros da educación española nos últimos 40 anos son froito do traballo de quen traballan nas aulas, sería fantástico que por efecto de artigos como este -que pretenden mostrar un “torrente de verdades”- se solucionasen abandonos e desidias seculares. Advirta a autora que son tantas que lle queda tarefa para múltiples “chamadas de urxencia”: abundan xestores e profesores que non queren oír protestas, pois teñen clarísimo que non facer mentres alentan segregacións de todo tipo. Baste como exemplo que, seguindo formas clasificadoras de moi longa traxectoria, o 3º A nunca é -salvo contadas excepcións- como o 3º B, o C, o D e os que sigan segundo o número de liñas que teña o colexio ou instituto. Sistema que se repite no 4º, en que termina a criba segregadora da ESO. E vén de atrás, desde o principio, para proseguir ata o final do que dá de si o sistema.

3.- O máis positivo do artigo -e probablemente do libro de referencia- é que levante acta dalgúns cambios que nestes mesmos anos ha ter a sociedade española, sobre todo no que á infancia e a adolescencia se refire. Esa cultura mediático-televisiva que, especialmente desde os noventa, inunda os tempos e obsesións dos máis novos, foi detectada por moitos analistas e é, sen dúbida, un gran competidor da escola e das pautas que algunhas familias aprecian para os seus vástagos. Pero é algo colateral que, desde logo debe ter en conta a escola se se quere que pinte algo hoxe na vida da sociedade. Este clima, tan distinto de antes, gana, ás veces, aos obxectivos escolares actuais, e debera ser motivo de reflexión seria, pero non só dos profesores e mestres máis motivados. Incumbe a toda a cidadanía como deba desenvolverse.

4.-É evidente que hai retos novos en educación, distintos dos de outrora. Pero non se ha de ocultar con supostas alertas como a desta xornalista, que no sistema educativo español subsisten compoñentes construídos entón sobre estruturas diferenciais e diferenciadores. En liñas xerais, a súa persistencia condiciona de entrada a cultura común que a escola debe propoñer e a influencia que poida exercer sobre os seus educandos e educandas. Non é verdade, de todos os xeitos, que vaiamos cara á “medievalización”, xa que o nivel de modernización educativa -desaparición do analfabetismo, a escolarización de todos e todas, e outros estándares recoñecidos- foi relativamente rápida desde os anos setenta. Tampouco o é -aínda que quede moi guapo dicilo- que se camiñe cara a unha proletarización sistemática, o “ciberproletariado”. A propia segmentación que o sistema ten separa do resto a un trinta e algo por cento do seu alumnado, priorizando aos herdeiros das rendas altas, nada proletarizados que se saiba. Ao que imos é a incrementar a reprodución social que ha ter de moi atrás o sistema educativo. Basta que siga condicionado por favorecer a privatización e formas de discriminación desde antes de que nazan os nenos e nenas. As formas de sostenimiento dos privilexios do Antigo Réxime, antes de 1789, atoparon xeitos de sobrevivir na suposta democratización da escola: iso é o grave.

E 5.- En consecuencia, no canto de mostrar os problemas educativos como un parque temático ao que mirar con extrañeza -coma  se se tratásese dun espazo en que facerse selfies exóticos- talvez fose máis útil a todos que se aproveitasen as páxinas da prensa -e o tempo dos seus lectores residuais- para desentrañar as moitas desigualdades que teña e que desaparezan con celeridade. Son moi fortes as que persisten e non van cesar nalgunhas comunidades autónomas segundo o que anuncian algúns responsables políticos. Con lemas equívocos, as fendas crecentes que reflicten da convivencia democrática non desaparecerán tampouco. Para remar con sentido neste mar de problemas, máis aló das credulidades twiteiras, é moi práctico ler, por exemplo, Escuelas para todos: Educación y modernidad en la España del siglo XX, de Antonio Viñao (Madrid: Marcial Pons,2004). Este e outros libros analíticos de valía contrastada permiten distinguir moi ben o coxuntural do estrutural, o accidental do principal, escolarizar e educar. En boa lóxica, nunca vale tomar a parte polo todo, aínda que quede espectacular nun titular. Tampouco merece atención canto esqueza os matices da liberdade e a igualdade, ou as cualitativas directrices contrarias en que se programe a súa compatibilidade.

TEMAS: Avaliación do sistema educativo. Sociedade e Educación. Escolas para todos. Modernidade e atraso educativos. Presente e futuro educativos. Liberdade e igualdade.


Manuel Menor Currás

Madrid, 17.09.2019.

No hay comentarios:

Publicar un comentario