A opinión dos docentes...non conta?

27 sept 2019

Da amnesia á afasia




Ata en noticias como a do sentenciado polo Supremo respecto da exhumación de Franco, se pode tratar de acalar o que máis importa.


Da ximnasia á magnesia adoita haber confusión verbal, aínda que non teña nada que ver o un co outro. Da amnesia á afasia só hai continuidade: o un adoita traer o outro. Tamén cabe o contrario: que das nulas ganas de falar -polas razóns que for- se induza á desmemoria e, se ao caso viñer, a terxiversación da Historia; é dicir,que non se queira saber nada do recoñecemento nin menos do coñecemento do pasado.


Amnesias
Os mecanismos, nada sutís, son ben coñecidos. Deslizando aos poucos o significado das palabras, pódeselle facer perder o seu sentido orixinario. Sábeno os semiólogos, exegetas e apoloxetas dos distintos credos, os lingüístas que se precian de agudos para captar denotacións e connotacións. É material valioso para politólogos e políticos, avogados e xuíces, fonte e expresión da variedade semántica de canto as leis pretenden fixar, sempre provisionalmente. Pero é a prensa a que, por similares razóns -nada sofisticadas-expresa a enorme dispersión da vontade de sentido que poida ter o seu papel. Analícese comparativamente a linguaxe que subxace a calquera suposta noticia e poderase ver -ata cando beben da mesma axencia informativa- a gran diversidad explicativa que, nuns ou outros medios,teñan as palabras máis relevantes. Non digamos se, a todo o anterior, se lle engade a prolífica selva de matices e contradicións que poidan engadírselle nas Redes chamadas “sociais”.

Igual ou peor sucede cos relatos de calquera acontecemento, especialmente se os intereses particulares de grupos ou persoas dalgunha relevancia, coa súa forma peculiar de mostrarse en sociedade, se ven afectados. A tendencia xeral -agás honrosas excepcións- é a parcialidade da mirada ou a mutilación de elementos significantes. E peor é cando o que escribe ou relata se eixa levar pola suxestión de esaxerar e “amarelear” a secuencia narrativa ou o titular do que quere contar. De todo o cal cabe deducir razoables desconfianzas respecto ao rigor científico do que se le, tamén máis aló dos medios.

A sentenza do Supremo é un bo momento para comprobar todo isto. Nun exercicio moi accesible, a quen queira autoevaluar a calidade de comprensión lectora que teña bastaralle con observar, contrastar e sacar conclusións. E talvez algo máis se o pasado anterior a estes 40 anos últimos lle resultase alleo ou superado. Nese caso, sería recomendable que previamente revisase que fai para enriquecer ou emendar o que lle ensinaron respecto do acontecido no primeiro terzo do século XX. Porque segundo denunciaba en 2016 Fernando Hernández en El Bulldozer negro del general Franco-, son moitas as carencias en tal ensino. E porque, segundo analiza Emilio Castillejo na súa tese sobre El  mito, legitimación e violencia simbólica, peor era o que se ensinou nos manuais escolares de Historia durante a etapa franquista. É dicir, que as competencias comprensivas que poida proporcionar a asignatura de Historia de España seguen teniendo substantivos retos pendentes.

E afasias

De todos os xeitos, sexa cal for a apreciación que a cada cal lle mereza a decisión do alto tribunal español, a noticia do TS non debería facer esquecer as obrigacións que, en relación co pasado recente segue tendo a España que quere vivir en democracia. Sen que se coñeza aínda a amplitude do que abarque esta sentenza, xa se pode dicir que, no propio Cuelgamuros, cando se chegue a executar a licenza que ao parecer se lle acaba, quedarán pendentes outros deberes, especialmente cos miles de enterrados nese lugar contra a súa vontade. E, en paralelo -agora con menos xustificación- a honra debida aos sepultos ignominiosamente en múltiples fosas do país. Este asunto, habitualmente chamado de “Memoria histórica”,non só segue aprazado no proceso incoado por a “Querela arxentina”, senón respecto doutras demandas que os relatores da ONU suscitaran a España -antes do 25.07.2018- por incumprimento de Dereitos Humanos en canto á verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non-repetición. O límite do “dereito internacional” recoñecido no noso país -e con el o das liberdades e dereitos democráticos- seguirá en xogo pese a esta exhumación de Cuelgamuros.

Máis preto, persistirán prorrogadas, igualmente, outras cuestións. Ninguén debería esquecer que, aos nados nas xeracións que mediaron entre 1936 e 1978, foilles anulada, mediatizada ou secuestrada a posibilidade de desenvolvemento educativo que se puxo en marcha entre 1931 e 1933. Vítimas dos coaligados fronte á educación propugnada pola II República, non tiveron ao seu alcance os seus mellores ingredientes, ao non haber reparo en privalos, tanto dos mellores mestres e profesores que había, como dos modelos pedagóxicos e organizativos que apoiaban, para o sistema educativo en xeral e para os seus procesos internos de centro e de aula. É obvio que con iso -e non porque os astros se alineasen para coaccionar aos españois- os camaradas e cómplices de tamaño “triunfo” retardaron as expectativas dunha sociedade democrática con ideais de liberdade e pluralidade compartidas.
 

Houbo, pese a todo, quen tivo sorte cos seus mestres e profesores, e houbo cambios importantes desde 1978, pero aquel profundo ataque a unha educación pública moderna, acorde coa súa importancia, aínda segue pendente do saudable ton de recuperación que lle é debido. A todos os damnificados xa que logo débeselles unha reparación, que non pode ser outra que a pronta dignificación dun sistema educativo que non reduza a súa esixencia a mera escolarización entre desigualdades profundas.


A equidistancia aquí non vale. É daniño que -logo de 80 anos- avances que entón estaban en marcha en moitas escolas e institutos aínda parezan gran innovación en demasiados ambientes. E é penoso que a memoria daquel traballo anterior -tan esforzado e valioso- tenda demasiadas veces a ocultarse con sinrazóns miserables. Pero o peor é que, en todo iso e noutros aspectos, siga vixente o presaxio que en 1831 -fai 188 anos- fixera Blanco White sobre un “tempo indefinido, durante o cal dous sistemas rivais de educación que existen neste país proseguirán a tarefa de converter a unha metade da poboación en estranxeira da outra”.Ata cando?

TEMAS: Memoria histórica. Historia actual. Sistema educativo. Coñecemento/dogmatismo. Veracidad/prexuízo.

Manuel Menor Currás
Madrid,26.09.2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario