A opinión dos docentes...non conta?

7 ene 2020

Estridencias no Congreso dos Deputados




Adiántanse reaccións que aguilloarán á posible Coalición de Goberno que poida saír o día sete de xaneiro, un xeito de frear as súas iniciativas.


A cabalgata dos Reis Meigos en Madrid, segundo preveu o alcalde Almeida, evitou este ano as “estridencias”, que, ao seu parecer, tivera na etapa da súa predecesora. Deu por suposto que, como outras tradicións, esta era inamovible de como foi na súa infancia, e que endexamais debería ter  outra versión imaxinativa.


Invención da tradición

No seu afán de marcar o seu propio estilo municipal, obviar que moitas tradicións son inventadas, como dixo Eric Hobsbawn en 1983. Esta dos Reis Magos é variable, non só segundo tempo e países, senón ata en canto ao número, oficio e posturas que os personaxes adoptan nos distintos relatos, incluídos os dos Evanxeos apócrifos ou, en España, o Auto toledano, probablemente do século XII. Parecería máis propio dos fieis católicos de Colonia esta firmeza do munícipe madrileño. Din ter as súas reliquias auténticas, aínda que, para cando nese século chegan a esta cidade, o cristianismo, as cruzadas e as peregrinacións xa tiñan unha historia nada fácil de contar con transparencia. Certamente, o relicario que se lles dedicou na catedral colonesa é un dos máis belos de Europa, labrado por Nicolás de Verdún en 1180. Pero polas mesmas datas, tamén en Santiago de Compostela empezáronse a reivindicar algúns restos do apóstolo homónimo.


No entanto, os pasados días catro e cinco non houbo reparo ningún en que as estridencias alcanzasen a toda España. E non se trataba dunha tradición cultural máis ou menos firme a conta de consumismos culturais colonizadores. Tratábase de algo de maior importancia, digno de suma atención pola súa transcendencia. Unha investidura de Goberno non sucede, afortunadamente, coa periodicidade anual do paso do Zodíaco. Os catro anos que en teoría legal pode durar teñen relevancia na vida dos cidadáns. A novidade, en todo caso, era que o Goberno podería pasar de xeito máis consistente que a provisional e de trámite, a mans que puidesen exercelo en toda a dimensión que lle atribúe a CE78, cun carácter distinto do que había ter ata que Rajoy tivo que  deixalo nunha moción de censura o 01.06.2018.

Argumentos ad hominem
Esta novidade explicárona ou rebatérona os múltiples grupos con capacidade para dicir -ou dicir de xeito provocador e ata alarmista- os seus xeitos de entender ou desentender como debe ser España e a hipotética convivencia dos españois. Nas súas intervencións -e expresións de linguaxe corporal-, moitos aproveitaron a liberdade parlamentaria para soltar as súas soflamas mitineiras e provocacións e que os seus partidarios se sentiran felizmente recoñecidos. Non repararon en si era o máis conveniente e oportuno para os intereses de todos os demais españois. Buscaron as palmas dos que lles votaron, garantes exclusivos dos seus programas. De aí a entrar directamente no terreo da pura Herística ou arte de ter sempre razón -que diría Schpenhauer- non houbo máis que a determinación de estar aí caese quen caese e pasase o que pasase. A primeira gran estridencia do Congreso eses días foi a dunha mala pedagoxía para os cidadáns, a moitos dos cales o barullo producido nalgúns momentos pensarían que estabamos en vésperas de algo moi distinto dunha democracia. A segunda estridencia do propio Congreso foi que algúns dos participantes créronse con dereito de excluír aos demais porque eles e só eles tiñan a exclusiva da verdade democrática e, sobre todo, da “unidade de España”. Esta especie de sortilexio, que co de “constitucionalista” e “non constitucionalista” serve para dividir polo menos en dúas Españas, como dixera Antonio Machado á propósto do guerracivilismo. Parello a esta antiunidade, con todo, foi, unha vez máis, que a esencia de España aparecera como algo, intanxible e esgrimible a vontade dunha determinada bancada, á que, entre tanta grandilocuencia retórica, a vida dos españois debe importarlles pouco. Cando de problemas concretos se trata, adoito non queren saber nada ou, como moito, afrontános desde algunha enxeñosa especie colateral destinada a deixar fóra de xogo a quen o propoña, co máis rancio estilo sofista de levar a conversación ou o debate.

Os argumentos ad hominem sobraron todos. Pero a falsa argumentación mostrouse sistémica -e agravou a estridencia- cando se orquestrou con manifestacións de rúa a destempo. Xa hai unha convocada para o 12 de xaneiro. E xa houbo un anticipo o propio día cinco –“pola unidade de España”- ante o propio Congreso, mentres tiña lugar o debate de investidura. Pódese intuír con facilidade que a estratexia seguirá por ese camiño de aumentar o ruído e, se é posible, crear intranquilidade crecente no resto dos cidadáns. É un vello truco, ben coñecido dos anos trinta, capaz de facer crer que o ruído e a incerteza danlle a un a razón para soster ideas e xeitos públicos exclusivas dalgunhas minorías que lle sacarán rendibilidades de todo tipo.

Milagreiría política

O curioso da barafunda é que, ao ritmo que vai tamaña estridencia, xa non se sabe ben ata onde chegan os cooperantes das voces máis ruidosas. A suposta dereita, ao que se ve, non está disposta a frear aos máis audaces da súa dereita; con tal de que o Goberno que se forme sexa débil, cre que lle irá ben. Ao que falaba das estridencias da cabalgata municipal de Carmena, non se lle oíu ningunha réplica; tampouco aos seus outros socios municipais, nin ao seu propio xefe de filas no Congreso ou á sustituta de anterior líder de non se sabe que centro, unha moza que intenta unha voz desgarrada e fai signos de colexiala. Para remate, xa temos bispos que rezan para que sexa verdade o que esta mesma señora lles  insinuou aos deputados do PSOE: facilitar un “tamayazo” como o acaecido en 2003 na Comunidade de Madrid. Nas Redes, ademais, rendeu a súa mensaxe  e rechiaron así mesmo milagreiras incitacións a rezar, por ver sei a Virxe ou o Espírito Santo libraban a España –“a terra de María”- de que a Coalición progresista forme Goberno. Especificando máis, algún destes chíos dicía: “Invítote a que reces comigo, polo ben de España, un Ave María á nosa Nai do Ceo. Ela conseguirá do espírito Santo, o milagre de cambio de voto en dous ou máis congresistas españois de aquí ao día sete de xaneiro”?. A Valle Inclán encantoulle para algunha das súas novelas da “serie carlista” ou das do Ruedo ibérico.


Dito doutro xeito, que con tanta estridencia denotativa, estase querendo facer ver que, despois  dos Reis, podería ser o fin do mundo. Pero os que con iso desafinan do que é a democracia e as súas regras, non están dispostos a parar as súas ansiosas proclamas de “traidores” sobre os que discrepen de “o seu” España ou “a súa” bandeira. Seguirán berrando que España non se rompe e lemas similares se esta Coalición de Goberno sae adiante. E evidente é que, por moito tino que puidese ter en non provocar con decisións de cariz simbolicamente máis radical, a situación de acoso continuado fará que, separadamente das grandes dificultades que o probable Goberno vai ter para saír adiante no día a día, algunhas solucións que debería adoptar para atender problemas urxentes, haberán de demorarse unha vez máis. Este é o xogo. Atentos!

TEMAS: Democracia. Investidura. Dereita/Esquerda. Ultradereita. Presidencia do Goberno.



Madrid, 06.01.2019
Manuel Menor Currás

No hay comentarios:

Publicar un comentario