A opinión dos docentes...non conta?

3 ene 2020

Bárbaros, bárbaros, poida que haxa máis dos que parece




Kavafis viu como todos esperaban a súa chegada e, tamén, como ao non valer ese recurso explicativo dos erros, cundía a decepción cidadá.


Ao parecer, os vándalos andan facéndolle trasnadas ao Belén que o alcalde de Ourense puxo na Alameda para extrañeza de propios e estraños. Como á Sra. Almeida, da Comunidade de Madrid, ao Sr. Jácome non lle importa moito que sexa un horror a súa achega belenística ou que haxa quen lla desfigure. Busca que falen del á marxe dos asuntos para facer ver se, con ese cebo, a súa xestión se redime de todo dislate.


A mención metafórica aos bárbaros alude aos quen dero ao traste no 476 d. C. co Imperio Romano -a organización administrativa máis sólida da antigüidade europea- logo de moitos anos de pactos. Aquelas tribos eran habitualmente considerados “barbari” desde unha suposta superioridade cultural, que os diferenciaba como estraños. No entanto, nas súas orixes a nosa propia cultura ten compoñentes de todo tipo e, , malia todo, “bárbaro”, e sobre todo “vándalo”, expresan preferentemente comportamentos pouco civilizados, ilegais mesmo, aínda que, como contraposición, “bárbaro” poida significar tamén algo insospechado. O noso subxectivo modo de ver e o ton de voz varían o sentido desta palabra cuxa elasticidade semántica pode percibirse, ata, respecto dun mesmo asunto. Estes días, por exemplo, no tocante ao que escribe unha profesora malagueña. O seu éxito editorial coa “lenda negra” levouna -con similar desenfado- ao século da Ilustración e, segundo que xornal  se lea, o “bárbaro” indica se é detractor ou partidario de ambos libros.


Avanzamos?

A Historia de España é empregada aquí para darse zorregazos políticos, á marxe da calidade explicativa. Este fenómeno colateral, observado xa por Goya, é moi cansino cando o xera unha xestión da memoria ao servizo do poder. Adoita ser incapaz de distraer as urxencias do presente cando persisten comportamentos políticos indiferentes ao paso dos anos, con mínimas modificacións formais que non impiden que os problemas sigan gravitando idénticos sobre os cidadáns. Pero é visible a miúdo, entre outras, tanto en neglixentes políticas educativas, como en sesgos etnocéntricos asumidos como universalistas e dominantes, mentres a parola política trata de despistar.


O valor do coñecemento histórico é apreciable entón, non só porque axude a non repetir erros, senón porque desminta o truco de supostos “avances” do presente. A linealidade evolutiva dos acontecementos non existe máis aló da estrita contabilidade de calendario. Que 2020 veña logo de 2019 non indica, por si mesmo, unha mellora cualitativa nin, por suposto, que vaia a ser proveitoso para todos por igual. Sirva de exemplo que o aniversario da promulgación da Lei de Violencia de Xénero, que debería facernos conscientes de como a barbarie segue incrustada no comportamento social, con risco para as mulleres e, tamén para os menores. O significado preciso de “avance” e “cambio” pouco ten que ver co rutineiro paso do tempo e, se algún baremo pode esixirse para medilo, debería cifrarse na mellora  que poida supoñer no cumprimento dos dereitos humanos. Igual vale dicir dunha Coalición de Goberno que se autoproclame “progresista”, término tamén moi “complexo” e “diverso”, como se verá no transcurso do novo ano.


Desde a caída do Antigo Réxime, os actores da Historia -como destacou Bertolt Brecht preguntándose: Quen construíu Tebas, a das sete portas?-, non son as persoas eminentes que os cronistas exaltaban sobre un resto que apenas era comparsa. Pero, desde que se empezou a falar de dereitos iguais para todos, ese suxeito colectivo -que se supón na escena política- presenta internamente conflitivas diferenzas de intereses. Non é raro, xa que logo, que, en todo relato dalgún acontecemento se traten de apurar interpretacións parciais, inclinadas a ocultar ou exaltar a conveniencia.


Lealdade e honradez

Os cualificativos de “boa” e “mala” prensa tiveron, por tal motivo, moito predicamento nos primeiros anos do século XX, parellos aos de “boas lecturas” repetidoras de doutrinas establecidas. Os títeres de cachaba sempre deron carta de natureza lúdica ao trato que en sesudos libros de Filosofía, Moral e Teoloxía se daba  aos “adversarii”, é dicir, cantos puidesen discrepar da ortodoxia. Secundábanlles revistas editadas para considerar como “bárbaro” -vándalo, mesmo- a todo presunto disidente do pautado. Cando xa non había Inquisición -coma se as certezas non tivesen graves riscos-, a propia lei Moyano creou, no seu artg. 160, a Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. Segundo o seu Estatuto, para “que se conserven os principios eternos de orde e autoridade, sen os cales a sociedade retrocedería aos séculos bárbaro” e previr, entre outros, “os erros desgraciadamente perigosos” que estaban empezando a advertirse nas reivindicacións obreristas ante “a cuestión social”, como se ratificaría na sesión inaugural o 15.06.1879.


As vellas actitudes cos barbari, pouco propicias para o diferente, seguen visibles tamén hoxe en xornais e dixitais. Idénticas ás dos que escriben de Historia en plan apoloxético, asociados a prefixadas liñas antropolóxicas que permitan -como outrora á psicoloxía- teorizar sobre un apócrifo homo hispanus, impasible ante os egoísmos do presente. De todos os xeitos, neste amplo terreo do bárbaro ou vandálico que se glosa e se cala entre pasado e futuro, non está de máis unha sentenza traída á actualidade por Nuccio Ordine na súa divulgación de clásicos para hoxe. É de Montaigne (1533-1592): “Require máis esforzo interpretar as interpretacións que interpretar as cousas, e hai máis libros sobre libros que sobre calquera outro asunto: non facemos máis que glosarnos os uns aos outros. Todo está cheo de comentarios; de autores, hai gran escaseza”.


Doutra banda, neste final de 2019 en que fanatismos, odio e intolerancia contra a diversidade, antigxtanismo, homofobia, disfobia, antisemitismo, xenofobia e racismo seguen medrando ás súas anchas -na realidade e nas Redes-, ninguén debería esquecer o que Baltasar Gracián dicía no século XVII:”En fe da súa cultura puido Grecia chamar bárbaro a todo o resto do universo”, “é moi tosca a ignorancia” e “non hai cousa que máis cultive que o saber”. Por moito poder que alguén teña, se non entende que unha boa educación para todos é o mellor antídoto, estará privilexiando á barbarie.

TEMAS: Avance político. Progresismo. Etnocentrismo. Barbarie. Intolerancia


Manuel Menor Currás
Madrid, 31.12.2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario