A opinión dos docentes...non conta?

30 sept 2020

Son fortes as institucións?


A propia Ciencia é posta en cuestión polos que teñen que tomar decisións que non se atreven a tomar.



Cando se fala das institucións, non queremos ter en conta que son fórmulas organizativas que os humanos nos dámos para que pareza que somos racionais. Esquecemos o lado irracional que tamén temos, que pode facer que se queden baleiras de sentido mentres seguimos dicindo que son fortes ou débiles, cada cal segundo vexa ou lle interese.



Cogobernanza?

Hai nada, a abandeirada reunión da Porta do Sol insistía na unidade e a cogobernanza; vendíannos a idea de que se ían axudar moito o goberno autonómico e o central, porque o importante era a saúde dos cidadáns. Faltaron unhas horas para que o criterio teórico decaese; cada cal polo seu lado e cos intereses electoralistas primando sobre o principal. Ninguén se atreve ou non quere ter a responsabilidade de tomar as medidas máis convenientes para atallar o problema e cada día que pasa entra máis en crise a cuestión organizativa deste país. Para chegar tarde xa deron bastantes mostras desde o mes de marzo e para poñerse paus nas rodas uns a outros tamén, e non parece que a tan invocada “responsabilidade individual” dos cidadáns sexa quen por si soa de arranxar o que non lle corresponde: que se fixo coa atención primaria, os rastrexadores, a infraestrutura sanitaria pública ou a investigación científica. Que dicir do non feito no ámbito educativo, onde as aulas, os profesores e os medios on-line arbítranse en cada sitio ao seu xeito.



Dos cambios de criterio respecto de como xestionar a pandemia habemos ter ampla experiencia nestes meses. Sempre dubidamos de que fosen criterios “científicos” os que primaban, simplemente porque é incrible que a propia ciencia sexa un composto aséptico e indiferente a cuestións de intereses e ideoloxías. Sucede coa ciencia algo parecido ao que a nova elixida para xuíza do Supremo de EEU, Amy Coney Barrettt, dixo da súa imparcialidade ante a lei pese aos seus prexuízos ultraconservadores á hora de tratar asuntos controvertidos.



Tan pouco serios somos nas decisións supostamente científicas respecto de a COVID-19 que sempre puidemos ver variacións non só nas medicións e os seus propios criterios non coincidentes -pois nin sequera sabemos a cifra de falecidos- e, sobre todo, nos xeitos de aplicalos no que supostamente servía de baremo para coñecer e decidir sobre o problema. Que había outras interferencias nas decisións era evidente: a economía e especialmente a dalgúns sectores primando sobre outros, prestos á hora de reclamar ou indicar solucións que non solucionaban nada, foi inmediato. Cada cal ao seu, sen coherencia común.



E o que acaba de suceder era predicible: sendo tantas as cabezas pensantes en 17 comunidades, a cogobernanza non podía ser tan marabillosa como nos dicían. Desde o principio, foron visibles múltiples discordancias en canto ao control principal e agora é máis visible a secuencia do ocorrido, ata o punto de que, en Madrid, o que antes se dixo xa non vale, porque, segundo o seu guión ideolóxico, hai que dicir exactamente o contrario, válido agora aínda que hai dous días non o fose. Ao parecer, a ciencia ou os criterios científicos -agora de 500 casos por cada 100.000 habitantes- non serven, porque non é o mesmo un territorio que outro: Madrid non é igual que outros territorios. Pero non din que tampouco é o mesmo o Norte que o Sur de Madrid; a “diagonal de Madrid” é sobradamente coñecida por moitos sociólogos, cun diferencial de máis de catro anos de esperanza de vida polo mero feito de nacer nunha ou outra vertente desa liña nada imaxinaria que vai do NW ao SE madrileño. Que máis dá! Levamos así desde que hai memoria dos barrios madrileños na literatura documental, sen que ninguén lle puxera remedio a esta modernidade de cada momento do pasado: é unha curiosidade antropolóxica, excepcional para o turismo de proximidade.



Ignorancia selectiva



A metade dos artigos de Larra nos anos 30 do século XIX poderían repetirse coma se non pasasen case douscentos anos; non aprendemos nada; sería romper unha tradición de ignorancia selectiva. Aforramos imaxinación: unha boa parte dos debuxos de Goya nos seus extraordinarios cadernos -o Caderno C, sobre todo- valen para ilustrar noticias de agora mesmo. E entre tanta improvisación que segue a tanta suposta reunión para seguir discutindo e non atopar criterios a compartir, volve ter certa razón o refrán parvo: “reunión de pastores ovella morta”. Os casos de contaminación crecen e a morte axexa en cada esquina aos máis despistados ou en situación de risco por idade, pobreza ou directa exclusión social: se non sabemos o número de maiores falecidos por esta pandemia, menos saberemos ou de quen morreu por abandono ou deixación, indiferentes a se son galgos ou podencos os que lles afincaron o dente mortal.



Mentres, gaña a partida a Covid-19 e tampouco parece que perda o tempo o desmantelamento da asistencia pública e a reconversión do benestar común en cotización privada: cada cal vaia vendo como se apaña para entenderse co que lle caia, sobre todo en asuntos de saúde, idade biolóxica e, se está en idade de ter fillos ao seu cargo, respecto da educación dos seus fillos. Para que quereremos entón as Autonomías e o propio Estado, se non vai servir para protexer a todos, senón tan só para que uns poucos estean tranquilos no que ao fin será enteiramente seu? Quen os atenderán cando todos os demais perezan? Antonino Neto, poeta excelso de Verín (Ourense), acaba de escribir: “Ás veces penso en chamarche, nai. Estás ben? Que me contas de todo isto que nos dilúe…?”

Manuel Menor Currás


Madrid,28.09.2020

TEMAS: COVID-19.- Cogobernanza.- Educación pública.- Asistencia pública.- “A diagonal madrileña”-

No hay comentarios:

Publicar un comentario