A opinión dos docentes...non conta?

18 jul 2023

Aceleración do clímax

 O cambio climático acelérase imparable, e o clímax preelectoral tamén está nun proceso definitorio da democracia.

A “aceleración do cambio climático” vén dos anos cincuenta. Confírmano as análises das sedimentos producidos nolago Crawford, preto de Ontario, que poñen data ao comezo da era xeolóxica que coñecemos como Antropoceno, causada pola acción desmedida dos humanos.

 Eppur se muove

Unha mostra do grao de irregularidade acelerada en que estamos é que nuns puntos da Península se rocen os cincuenta graos mentres noutros, non moi afastados, a sarabia o aplane todo ou chova de modo inusitado para os pluviómetros. A pesar diso, sempre hai quen non recoñecen o que acontece e, con parcialidade obtusa, negan o cambio climático. Sempre hai, ademais, quen os segue no desatino, coma se vivísemos nun pasado precientífico, en que só sucede o que din os axentes culturais do “sentido común”, é dicir, da orde “normal” e “como Deus manda”. Non era raro -daquela, máis que agora- que o confesionalismo acompañase ao poder neste control e que argumentar algo distinto, incluso experimentalmente, fóra difícil; a verdade era única e quen a administraba adoitaban facelo pro domo sua (en proveito propio).

 É paradigmático deste sistema de actitudes o que aconteceu no século XVII a Galileo e aos seus razoamentos copernicanos. Con auxilio do telescopio, defendía o heliocentrismo e descabalgaba a teoría xeocéntrica ou ptolemaica, pero o negacionismo inquisitorial -baseado nunha lectura literal da Biblia-, considerou en 1616 que aquel razoamento indutivo -o propio da ciencia-, era orgulloso; o Santo Oficio sentenciou que as proposicións do pisano, ademais de “insensatas”, eran “absurdas” e “heréticas”. De aí vén o atribuírlle que, con grave risco para a súa integridade, insistise en dicir: Eppur si muove. E tamén, que ninguén ata Pío XII en 1939 dixese que fora “o máis audaz heroe da investigación”, o que non impediu que a Igrexa mantivese gran ambigüidade nas relacións da fe coa ciencia. Ata 2009, non fixo pública a súa aceptación do legado científico de Galileo dentro da cultura católica. Hoxe, leva o nome de Galileo o sistema de navegación e posicionamento por satélite da Unión Europea.

O clímax preelectoral

Galileo non é un caso único, nin a Igrexa institucional o único opoñente á innovación cognitiva. Nos trescentos anos transcorridos houbo moitas outras situacións, en que a ignorancia imposta polo “sentido común” tivo máis crédito que a xeneralización do coñecemento. Moitos prohomes da orde política, cultural e económica coincidiron en lamentar que o poder da aristocracia, a Igrexa e a Monarquía deixase de ser o que fora antes de 1789. Este pasado 14 de xullo moitos franceses lembrarían como na Europa posterior houbo “santas alianzas” que non deixaron de combater todos os “ismos” innovadores para frear o recoñecemento efectivo dos dereitos e liberdades públicas e, entre eles, a universalización do coñecemento. Desa xenealoxía proceden as forzas que, ben organizadas, trataron de impoñer, ás veces con violencia, maneiras rancias de ver canto sucedía. A súa verdade única non repara en bases éticas universais. Como nos vellos partidos de fútbol, prefire a rivalidade emocional en que o equipo “de casa” sentía con dereito a empregar todo tipo de manganchadas para a súa “vitoria”. As regras limitan esa pretensión, por iso nunca lles gustou a liberdade de cátedra e investigación, nin lles gusta a educación cívica nas aulas. Como xogan sempre con gran superioridade de medios, poden impoñer como verdadeiro o que é mentira e, ao sentirse pillados, non teñen reparo en dicirlle ao adversario: “non sabe vostede con quen está falando”; sempre se mostran puros e recitan: “non é vostede quen para darme leccións de moral”.

Son moitos os que, como Lakoff (Non penses nun elefante: 2000) ou Naomí Klein (No logo, 2002), denunciaron as técnicas que, desde o poder, se empregan para dominar a opinión pública cunha idea e unha imaxe única. As técnicas para monopolizar a mensaxe, e o seu absorbente totalitarismo, adiantounas Goebbels. Pola súa banda, os nados na posguerra española viviron na escola, nos libros de texto e na propaganda do NODO, a pouca verdade que había naquela España Unha, Grande e Libre. Pois ben, desde finais dos anos noventa, ven como, á aceleración do cambio climático superpúxoselle a de actitudes que conforman o ruidoso clímax dun presente, en que de novo sobra canto soe a ben público, dereitos e liberdades compartidos. O diálogo para tratar de resolver os problemas que teñen os comúns dos mortais para sobrevivir anda manco, e aquí estamos, diante dunhas eleccións xerais en que os problemas reais chocan contra negacionismos varios. Ninguén recoñece erros no pasado, non hai equilibrio no pacto social, os conservadores demócratas dan a man a ultras antidemócratas, e xa vemos ecos doutra época triunfantes nalgunhas institucións. A súa prepotencia en mitins e debates mostra que o que lles importa é “a vitoria”, indiferentes a se é verdade o que din. Non se aveñen a xogar se non é en terreo propio e, ademais, enredando ao adversario para que non teña tempo para replicar e expoñer o seu. A súa estratexia deixa marca e, nalgúns ambientes, xa queda mellor negando os problemas e, aínda mellor, non mencionándoos: parece que xa non sexa “de boa educación”. En vésperas electorais, a censura galopa de novo e con técnicas de comunicación en que todo vale, incluído o Gish Gallop, método importado dos creacionistas americanos, aos que coñece ben Eugenie Carol Scott desde 1980, na súa pelexa contra as súas pretensións antievolucionistas nas escolas de Pensilvania. Consiste en cribar ao adversario con afirmacións que, cando non son directamente mendaces, mostran datos de difícil ou imposible atención. No medio dunha crise climática comprobada, é absurda a noticia en que unha acumulación confusa de sofismas sexa imposible de refutar ou aclarar, e que o seu efecto na apoteose preelectoral sexa que vaiamos camiño de validar xogos trileiros. O voto do próximo día 23 non vai dun “gústame” ao máis experto en habilidades fuleras. A cuestión pendente desta aceleración discursiva é se, o día 24, as urnas validan unha pseudocracia en que o negacionismo cognitivo teña liberdade para coartar mellor os dereitos e liberdades imprescindibles para convivir, mentres esperamos que a calor excesiva nos frita a todos.

TEMAS: Aceleración do cambio climático.- Clímax preelectoral.- Negacionismos culturais e científicos.- Gish Gallop.- Pseudocracia.

MMC (15.07.2023).

No hay comentarios:

Publicar un comentario